Os resultados do 18-F non han de sorprendernos. O BNG non é capaz de permear no rural de Galicia. O PPdeG é un paisano máis da parroquia. Vai á misa, acode ao velorio, está na comunidade de montes, na comisión de festas e nas romaxes. Entre tanto, as xuventudes do Bloque cantan a viva voz: “Imos queimar a Conferencia Episcopal por machista e patriarcal”. Galicia é a que é, guste ou non. O noso é un lugar maioritariamente conservador, católico e supersticioso. Receoso da cidade e da cultura urbana, que desnaturaliza ao individuo. E até que o Bloque non entenda iso, como no conto de Monterroso, acordaremos unha e outra vez e o PPdeG aínda seguirá aí.
O BNG é un partido cacofónico no que aos seus resultados electorais respecta. A política en Galicia é ben diferente á das outras dúas nacións do Estado, Euskadi e Cataluña. As duplas Bildu-PNV e ERC-JxCat reciben en cada aldea, vila e cidade, fluxos de votos semellantes. En Galicia non é así. A política galega e a área de influencia do BNG é foquista, como a estratexia guerrilleira do Che Guevara. Hai certos lugares onde o Bloque acada moi bos resultados electorais e mesmo arrasa. Exemplos disto son Allariz, Rianxo, as vilas mariñeiras das Rías Baixas (especialmente de Pontevedra e Vigo) –onde ten o seu bastión–, algúns lugares da Costa da Morte, outros da Raia e uns pouquiños do oriente do país. E acabouse. O Bloque pode levar todos os concelleiros de Verea, que logo o 95% do rural de Galicia se tingue de azul escuro e os populares conseguen todas as fichas do taboleiro. É unha dinámica moi interesante. Non hai fluxos constantes, non hai un abano de porcentaxe que o partido leve, da igual onde, no rural ou na cidade. Non, o Bloque vai de cero a cen. E punto. Están as vilas liberadas e as que aínda seguen baixo o poder do caciquismo -segundo a súa dialéctica claro–.
É interesante e cómpre preguntarse o porqué. Por que nunha provincia netamente conservadora como é Ourense hai unha aldea gala de Astérix e Obélix, que é Allariz, onde o Bloque arrasa? Hai moitas respostas, pero probabelmente ningunha correcta. É un cúmulo de circunstancias. Ten que ver coa perda do medo. Ás veces, como escribín nun artigo previo chamado “Aínda que nunca o cheguemos a ver”, soamente fai falla unha faísca para prender unha lumarada. O Bloque tomou o concello de Allariz por asalto logo dunha vertedura vergoñenta que contaminou o río Arnoia e que foi ocultado polo PPdeG. A sorte propiciou a toma do concello por parte dos nacionalistas, algo inaudito. Ese azar permitiulles gobernar, fixérono ben, e os mesmos paisanos aos que se lles inoculara a idea de que os bloqueiros eran o diaño do mediodía, déronse de conta que non, que eran veciños coma eles que querían o mellor para a súa vila e medio natural. A consecuencia é que, aínda hoxe, ao Bloque non hai quen o quitase da alcaldía. En troques, nos concellos veciños da Merca, A Bola e Xunqueira de Ambía non caeu o prexuízo e o BNG segue a ser residual. Por iso sempre digo que nunca se sabe. Talvez un día un golpe de azar poña a Pontón (ou quen queira que estea no momento) á fronte da Xunta e, talvez, non a solte nunca. A nosa política é rara de carallo, e nós non entendemos de tendencias nin predicións.
Para poñer un exemplo da esmagadora maioría que o PPdeG ten no rural de Galicia, cómpre explicar un fenómeno. En Galicia, igual que na Cochinchina, cando se pechan as urnas electorais logo das eleccións, comeza o reconto. Todos nos pegamos a ver os resultados e asistimos a un evento curioso. Os primeiros votos que se recontan e que aparecen no noso televisor son os das vilas máis pequenas por razóns evidentes. Ao ser menos, contan antes e as actas entréganse máis cedo. Pois ben, os datos mostran que o PPdeG perde non menos de dez deputados -dez!- entre o 20% e o 80% do reconto. Que quere dicir isto? Simple, que nas vilas máis pequenas, ergo, no rural, o PPdeG arrasa.
Se a tendencia de voto que ten o rural galego fóra extrapolábel ao común da nación, o PPdeG non baixaría dos 55 deputados nun parlamento composto por 75 actas. -Toma castaña!
Se precisamente o BNG sobe e o PPdeG baixa, é polo voto das cidades. Da Coruña, de Pontevedra, de Vigo, etcétera. O cal, canto menos, é curioso e produce certa cacofonía. O Bloque é un partido que fai propaganda electoral netamente enfocada ao rural, á exaltación do sector primario galego, e a unha visión ás veces idealista cos mariñeiros e cos labregos que acada os mellores resultados naqueles lugares máis desconectados co idioma. É curioso, e canto menos irónico, que en Compostela, a louvada cidade do nacionalismo, o niño da intelectualidade e o berce do movemento universitario, gañe o PPdeG; mentres que na deostada Vigo, chea de “alienados desnaturalizados que non falan a súa lingua”, aí si, gañe o BNG. Cousas veredes, que as pedras falarán.
Agora o interesante é analizar o porqué dese rexeitamento cara ao nacionalismo no rural. Hai quen dirá que é polo lavado de coco de anos de ditadura. Hai quen defenderá que é polos tentáculos dese kraken que arrastra a Galicia ao fondo do mar chamado caciquismo. Eu creo que é diferente. Creo que é porque o Bloque non entende o rural de Galicia e ten un claro problema de disonancia. A xente do rural, que é maioritariamente moi nacionalista, galeguista e cun gran compromiso coa lingua, vota o PPdeG, porque como ben rezaba a campaña de Fraga, é un partido galego coma nós –ou como dicía literalmente: “Galego coma ti”–.
O candidato do PPdeG de [insire aquí calquera concello rural] é un tipo máis da vida comunitaria da parroquia. Vai ás rutas cabalares, xoga nos equipos locais, vai á misa, acode ao velorio, dálle un bico á(o) viúva/o, está na comunidade de montes, na comisión de festas, nas romaxes e un sen fin máis. En resumo, está onde hai que estar, onde os demais. Desta maneira, os seus veciños identifícanse con el. Xeran rapport, percíbense como persoas nas que se pode confiar.
As xuventudes do Bloque, esa Galiza Nova artellada polo nepotismo onde o que máis medra é “a/o fillo(a) de”, cantan a viva voz: “Imos queimar a Conferencia Episcopal por machista e patriarcal”. Hai que ser idiotas. Logo que por que non gobernan, aínda se preguntan.
E, para rematar, o Bloque é o partido do “non”. A cacofonía chega ao económico. É un partido que defende que Galicia é unha nación rica, ao tempo que afirma que é un territorio asoballado e colonial. -Canto menos curioso. É un partido que está diametralmente en contra de ENCE, pero absolutamente a favor de ALCOA. Alguén entende iso? Eu non. -ENCE non, que contamina a ría, pero ALCOA si, que ten unha balsa tóxica que se ve desde o espazo exterior.
É o partido que di que Galicia pode ser a nova Holanda, pero que ao mesmo tempo non quere sacar proveito do potencial que temos para converternos na primeira potencia enerxética renovábel de Europa. Eólicos? -Non. Minería? -Non. Eólica mariña? -Non. A ver, sen acritude, non se pode un converter na nova Holanda coa vella máxima utópica de “vale máis unha terra con árbores nos bosques que un estado con ouro nos bancos” de Castelao.
Eu, que me podo considerar do rural, vencellado a unha aldea de 10 habitantes da serra do interior de Pontevedra, vouvos contar dúas historias.
Na parroquia, os veciños –pódovos asegurar– son as persoas máis nacionalistas que coñezo, xente que inviste os seus cartos en crear certames en galego, que abren camiños e sinalizan vieiros, que nunca cambian a súa lingua. Esa xente chámalles aos do bloque “os cincopuntas”. Por que? Sinxelo, porque cando chega o tempo dos mitins, o do PPdeG pregunta polas necesidades, polas pradarías para o pasto e polos camiños a asfaltar. Mentres que o do Bloque, que normalmente é un enviado desde Vigo, ten unha casiña de fin de semana na aldea, está desconectado da vida comunitaria e enarbora constantemente unha bandeira que, no canto de ter as cruces e o cáliz, leva unha estrela que os veciños nin entenden nin comparten.
No meu lugar a xente é tan nacionalista que, durante a campaña de Estreleira.gal, rachaba a estrela pero deixaba a bandeira galega intacta, que é sagrada. O BNG do meu lugar é o que denuncia os veciños por teren as bestas con pexa. Labregos que se parten o lombo traballando a terra e que, síntovolo moito señores, non teñen tempo de ir buscar a besta á serra cada noite logo de xornadas de dez horas, nin os cartos suficientes como para pechar a leira.
O BNG da miña aldea é o que durante a romaxe lle monta un cristo á rapazada que está cantando ‘O caneco’ pola letra machista. Como vai ter logo o Bloque un bo resultado? Unha de dúas, ou non queren entender, ou entenden e non lles gusta este país, que alá eles, é lícito, pero é o que hai. Eu entendo que é complexo… Que vai dicir o bloqueiro da comunidade de montes cando os comuneiros digan que hai que ir deixar o lobo como un coador?… Non o sei.
O que está claro é que o BNG non pode sorprenderse cos resultados no interior do país. Galicia é a que é, guste ou non. O noso é un lugar maioritariamente morno, conservador, católico, supersticioso e receoso cos que veñen impoñer desde tempos inmemoriais. Receoso da cidade e da cultura urbana, que desnaturaliza ao individuo. E até que o partido non entenda iso, como no conto de Monterroso, acordaremos unha e outra vez e o PPdeG aínda seguirá aí.