A comunidade universitaria ante o xenocidio

O 15 de outubro de 2025 temos unha xornada de mobilización a prol de Palestina. A comunidade universitaria debe continuar a implicarse nestas protestas e esixir a fin do xenocidio, a fin da ocupación e a fin do apartheid.

No encabezamento, bandeiras palestinas penduran dun edificio na Universidade de Cambridge.

(Primavera de 2024). Fotografía do autor.

Hoxe, día 15 de outubro de 2025, é unha xornada de mobilización en solidariedade con Palestina. As principais organizacións sindicais do país anuncian unha serie de paros laborais e actos de protesta fronte aos centros de traballo. Do mesmo xeito, hai convocatorias de paros académicos nas tres universidades públicas galegas, apoiadas polo movemento asociativo e os principais órganos de representación estudantil.

Sobran os motivos para convocar este e tantos outros actos de protesta. Israel está cometendo xenocidio contra Palestina. Os masacres, a destrución de hospitais e escolas, a fame e o desprazamento forzoso son accións coordinadas que forman parte dunha estratexia deliberada cun obxectivo principal: o exterminio da poboación civil en Gaza.

Con todo, como ben se adoita sinalar nestas xornadas, esta situación de opresión contra o pobo palestino non é nova. Desde 1948, millóns de persoas palestinas foron expulsadas das súas casas e gran parte do seu territorio permanece ocupado ilegalmente. Nestas áreas baixo colonización israelita, o pobo palestino vive baixo un sistema de segregación e discriminación; en suma, un réxime de apartheid.

Ante a barbarie, o pobo palestino ten adoptado unha serie de estratexias e medidas urxentes de resistencia. Quizá unha das campañas máis importantes sexa o movemento BDS: boicot, desinvestimento e sancións. A través dunha serie de accións organizadas, o obxectivo fundamental do BDS é obrigar a Israel a cumprir coa legalidade internacional. Un movemento global que esixe liberdade, xustiza e igualdade para Palestina.

Foi precisamente a comunidade universitaria palestina quen iniciou este movemento a comezos do século XXI. No ano 2004, un grupo de intelectuais fundou en Ramallah a Campaña Palestina para o Boicot Académico e Cultural de Israel (PACBI). O seu obxectivo é coordinar unha serie de accións contra as institución israelitas que perpetúan as violacións de dereitos humanos. En retrospectiva, o PACBI considérase un dos precursores do movemento BDS e da súa extensión a nivel global.

Nos últimos anos, a resposta da sociedade civil ante o xenocidio en Gaza ten sido moi notable, e a comunidade universitaria non é allea a estas circunstancias. No ano 2024 vivimos unha mobilización sen precedentes nas facultades de todo o mundo. Millóns de estudantes organizaron acampadas e accións de protesta contra a complicidade das súas institucións cos crimes de Israel. Máis dun ano despois, non faltan as razóns para continuar coas reivincidacións a prol de Palestina, e o movemento das acampadas segue a inspirar as mobilizacións na universidade.

Existen moitas medidas concretas que podemos reivindicar desde os nosos centros de traballo. Debemos esixir a inmediata rescisión dos acordos de colaboración das nosas universidades con entidades israelitas implicadas no xenocidio. Debemos coordinarnos a nivel internacional para reclamar a revogación de Israel como membro asociado do programa de investigación Horizon Europe. Igualmente, é fundamental a nosa implicación directa na reconstrución das institucións universitarias palestinas.

Hoxe, día 15 de outubro de 2025, a clase traballadora e a comunidade universitaria paran por Palestina. Esiximos a fin do xenocidio, a fin da ocupación e a fin do apartheid.

Palestina vencerá!

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad