As eleccións do 18 de febreiro poden redefinir o futuro de Galicia. A sorte será crucial, e no caso de gobernar o BNG talvez cambie o país para sempre. Ás veces, un golpe de azar inaugura un tempo novo. Estamos ante unha oportunidade histórica para termos un país diferente.
Imaxe que ilustra o artigo: Abuela e neta no entroido dos Felos de Maceda, por Ana Iglesias.
Hai utopías que todos pensan que nunca se poderán acadar. Pasan as xeracións e os cemiterios vanse enchendo de persoas que entregaron a vida por unha causa que non chegaron a ver, pero que sen dúbida axudaron a que algún día puidera ser. O esforzo de todas aquelas persoas apenas valeu para manter unha soa candea na inmensidade. Mantiveron a lapa acesa por convicción, sabedores do altísimo prezo a pagar por facelo. Foron persoas especiais, contracorrentes, que tiveron a valentía de levar a cabo o subversivo acto de defender o que ninguén máis facía. Traballar polo que a ninguén importaba. Entregar os esforzos e incluso o máis valioso, a vida propia, pola improbábel consecución do que consideraron xusto.
Normalmente esa irredutíbel minoría lega a candea durante anos, tal vez séculos e ás veces incluso milenios. E de socato, nalgún momento o destino decide converter esa candea nunha cacharela, a combustión é imparábel e a cacharela transfórmase nunha lumarada que devora todo, que consume os tempos. E sobre as cinzas do lume xurde un mundo novo. Aquilo nunca sería posíbel se soamente unha das persoas que mantiveron acendida a candea se dera por vencida. Nunca acontecería se no día da súa morte non aparecera outra persoa disposta a cargar co peso. É un proceso estraño, tan emotivo como xusto. Só unha xeración acada a ver o proceso que infindas detrás construíron. Pero precisamente velaí está a súa beleza, porque todos os que perseguen as causas esquecidas fano sabendo conscientes de que talvez nunca as vaian ver.
Tan complexo é o proceso que non se pode acadar só coa forza dunha inquebrantábel minoría. Precísase a sorte das forzas que rexen o porvir. Pero cando se da, nada volve a ser o mesmo. Así é como eu me imaxino á miña terra, a Galicia.
Temos exemplos de abondo a pequena escala. Allariz converteuse nun bastión nacionalista logo da contaminación do río Arnoia, e aquilo mudou todo. Esa foi a gasolina que converteu a candea nun lume. A toma por asalto dun concello que nunca volveu a ser o mesmo.
A min non me preocupa que a lingua galega esmoreza entre os máis novos. Non me preocupa porque seguen chegando almas decididas a manter a promesa das mil primaveras máis. E quen nos di que nas vindeiras eleccións do 18 de febreiro non mude todo? – O nacionalismo nunca agromará de volta no País. – É imposíbel acadar unha conciencia soberanista maioritaria na Terra. – Se ao final gobernan será un desastre, a repetición do bipartito. Pode ser. Pero tamén pode ser que un golpe do destino faga caer a moeda doutro lado. E quen nos di que isto non vaia ser o comezo dunha mecha que consuma todo?
Pase o que pase sigamos traballando para que un día a candea que custodiamos se converta nun lume que arrase con todo. Aínda que nunca o cheguemos a ver.