A política galega sen galeguismo

A política galega presenta unha singularidade difícil de atopar noutras nacións históricas do Estado. Mentres as dereitas e as esquerdas ocupan espazos claramente definidos, o galeguismo político continúa limitado a unha parte do taboleiro ideolóxico. A partir dunha reflexión de Antón Vidal, este artigo analiza as consecuencias dunha Galicia politicamente galega, pero non necesariamente galeguista.

 

Imaxe: Parlamento de Galicia | Adrián Estévez – CC BY-SA 4.0

 

O panorama político en Galicia é de sobras coñecido tanto dentro como alén das nosas fronteiras, non tanto polo afondamento ou as súas características idiosincráticas como porque leva sen mudar case dende os comezos da democracia.

A pesar de constituír unha nación histórica nos termos da Constitución de 1978 xunto ao País Vasco e Cataluña, o certo é que a política galega non demostra ter un programa político nacionalista fronte a outras expresións de maior orgullo territorial como puideron ser o referendo de Andalucía ou a conformación de outras Comunidades Autónomas que na actualidade posúen similares competencias ás da autonomía galega —agás polo idioma.

Por unha banda, un partido de Estado que presenta un programa de xestión pero que recea de ser combativo en Madrid á hora de esixir o que lle correspondería dadas as maiorías e as achegas de deputados da súa cor ás Cámaras. E iso a pesar de que un galego ocupou a presidencia do Goberno con maioría absoluta.

Pola outra, o expoñente nacionalista faise chamar Bloque, o cal xa dá unha senlleira mostra das dificultades de artellar un colectivo que manteña unha orientación, estratexia e actuación unificada en aras de avanzar na conformación e no desenvolvemento da nación que lle dá nome.

Por entre as bandas, un socialismo apenas visible, sen argumento para a terra galega e sen apenas impacto nas políticas autonómicas de non ser polo poder local que ostenta.

E neste escenario de polarización, resulta que en Galicia as dereitas ocupan a banda que lle toca, mentres que o nacionalismo político se sitúa como representante dunha esquerda que debe facer malabares ideolóxicos para ofrecer un programa propio e obter poder sen atacar —ou atacando sen outra forma que a da retórica— a arquitectura constitucional do Estado.

Unha polarización que nas outras dúas Comunidades Autónomas históricas —País Vasco e Cataluña— se amosa como un pulso de catro xogadores entre as forzas estatais e nacionalistas a unha e a outra banda do espectro político.

A reflexión de Antón Vidal, presidente de Galaxia, na entrevista que realizou para O Ferrado en 2025 dá boa mostra disto: “o galeguismo político tristemente no se dá e é moi complexo de estruturar”.

Unha sentenza coa que o avogado e editor pontevedrés deixa patente a situación da política galega. Que é basicamente iso; é galega, pero non é galeguista. Unha situación á que chega a definir de “fracaso como nación”.

Ante a inexistencia dun colectivo conservador centrado no impulso da nación entendida como tal, a banda da dereita quedou libre para artellar maiorías absolutas mentres que a banda da esquerda se mostra cun excesivo tráfico para facilitar a circulación política.

De feito, tratar de analizar o desenvolvemento político da Comunidade Autónoma de Galicia unha vez transcorridos os avances socioeconómicos da primeira década da democracia resulta unha tarefa excesivamente complexa. Pois nin sequera existe un galeguismo cultural como tal que teña a súa expresión no desenvolvemento de estratexias e plans a nivel político.

Para os dunha banda, a cultura de Galicia apenas é unha marca coa que fomentar o turismo mentres se rema ao ritmo que marca a política central, como evidencia o desenvolvemento dos transportes a pesar da continuidade das maiorías políticas. Para os da outra banda, Galicia é — debe ser— unha nación con todos os símbolos, recursos e grandezas que iso implica.

Para uns, a lingua é un vehículo publicitario. Para os outros, a lingua é o xenoma fundamental sobre o que construír todo o demais.

E como indica Antón Vidal, todo iso nun contexto no que a Unión Europea vén de mudar definitivamente a idea de nación que se pode imaxinar en calquera territorio que non conte con soberanía.

Quizais, a idiosincrasia galega sexa tan especial que tamén se deixa ver e sentir na edificación das súas estruturas políticas en democracia. Pero tamén é certo que o galeguismo non se pode atrincheirar nunha metade do campo, desconfiando de todo o que proveña da outra banda e sen ser capaz de roubar espazo de xogo. Unha nación que non aspira a ocupar todo o terreo de xogo, que non inclúe en si mesma todo o campo —e o campo é a gran institución representativa da idea que se desenvolve neste artigo— non deixará endexamais de ser unha nación a medias. Especialmente, cando a nosa é unha terra cultural e ideoloxicamente conservadora, e os conservadores no campo político consideran a esta terra como unha eira máis do palacio, e non como a súa verdadeira morada galega.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad