Antón Vidal Andión, presidente da Editorial Galaxia: ‘O noso fracaso artellando o nacionalismo galego conservador foi tamén o fracaso da nación galega.’ Sen un nacionalismo galego de dereitas, a nación quedou incompleta. Fallamos como xeración, e Galicia fallou connosco.
En setembro de 2024, O Ferrado visitou as instalacións da Editorial Galaxia para conversar co seu presidente, Antón Vidal Andión, nunha data moi especial: un ano antes do 75 aniversario da súa fundación. Durante a entrevista, abordáronse temas como a situación da lingua, a historia e a política, as eivas do nacionalismo galego, o papel da relixión e os desafíos actuais para a identidade cultural do noso país.
_______________________________
PREME AQUÍ PARA VER A CONVERSA: O FERRADO CON ANTÓN VIDAL ANDIÓN.
En marzo de 2023 foron entregados os premios “Vigueses Distinguidos” a diferentes persoas e entidades relevantes da cidade olívica. No discurso introdutorio dun dos galardóns, o alcalde de Vigo anunciou: “Trátase dun vigués cunha dedicación total a esta cidade, dende a humildade e o anonimato, facendo un traballo excepcional no eido da cultura, no da universidade e no da atención á cidade.”
Antón Vidal Andión (Pontevedra, 1948) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Avogado de profesión, participou na fundación da Universidade de Vigo e formou parte do seu goberno. Pertenceu ao consello de administración de múltiples empresas, entre elas a Editorial Galaxia, que preside desde o ano 2015. Vidal Andión é militante do galeguismo cultural desde hai décadas, moi vencellado a Galaxia e a outros proxectos culturais como a revista Encrucillada. Tamén colaborou noutras actividades de carácter político, sindical e relixioso.
Coincidindo co 75.º aniversario da Editorial Galaxia, o pasado mes de setembro de 2024 fomos convidados á sede central da compañía para conversar con Antón Vidal Andión. Falamos da literatura galega contemporánea e da situación actual da lingua galega. Debatemos sobre o papel cultural da Igrexa galega e a evolución política do país nas últimas décadas. Neste artigo resumimos as respostas máis importantes sobre estes temas e outras cuestións de interese.
_______________________________
P: O Día das Letras Galegas 2025 dedicarase ao cancioneiro popular galego, personificado nas cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar. A decisión suscitou unha gran polémica, chegando Francisco Castro (director da Editorial Galaxia até 2023) a publicar un artigo na Voz de Galicia titulado “A Real Academia trabucouse”, criticando a escolla. Que opinión lle xera a vostede?
R: Considero que é un acerto, non obstante sorprendeume a decisión da Real Academia Galega (RAG), xa que parece que mudou o criterio de escolla, ao ser un premio orixinalmente destinado a xente do mundo literario.
Durante moitos anos a cultura e literatura oral galega preservouse no medio rural. Debémoslle moito á musicalidade da nosa poesía e á xente que século tras século nola legou. Acho que o premio é merecido e ademáis é unha boa escolla destinada a facernos reflexionar.
P: Cometeu o galego un erro na escolla da normativa? Que opinión lle merecen as correntes reintegracionistas?
R: Galicia enfrontouse ao gran reto da normativización lingüística durante a Transición. Os encargados do debate eramos poucos e estabamos divididos. De feito, chegou a haber un intento de acordo entre as dúas correntes. A decisión de adoptar o modelo do ILG é filoloxicamente moi discutíbel, non obstante é unha boa nova que o debate estea a estas alturas máis pacificado.
P: Está o panorama editorial en lingua galega mellor hoxe ou a comezos da autonomía no ano 1981? E a respecto de comezos dos anos 2.000?
R: Indubidabelmente estamos mellor en canto a número de edicións hoxe. Do mesmo xeito, a situación é infindamente mellor no que respecta ao número de escritores e, especialmente, escritoras. Hai un amplo porcentaxe da poboación que é lectora en galego.
Pola contra, estamos peor nas pautas lectoras. A xente moza, e especialmente o alumnado, está deixando de ser lectora, pero isto está acontecendo non só en galego, senón en todas as linguas peninsulares.
Do mesmo xeito, hai outro impulso político. Hai unha gran diferenza entre o período da Transición ou o Tardo-franquismo, onde había moita máis inquedanza e interese pola cultura en galego. Eu lembro moitas lecturas públicas que espertaban as conciencias de moitos de nós.
Tampouco podemos ser alleos á diferenza referente ao que foi o galego e o que é hoxe. Até os anos 70 o 80% da poboación do país vivía no medio rural e era galegofalante. Hoxe en día é o contrario, o 80% vive no Eixo Atlántico. Daquela non había medios de comunicación nin axentes desgaleguizadores tan fortes como os de hoxe, polo que a persistencia da lingua era moito máis sinxela.
Hoxe en día non fomos quen de crear un novo posicionamento da cultura e da lingua galega. Houbo unha rutura onde se rompeu moita sensibilidade. Cando eu cheguei a Vigo hai cincuenta anos unha gran porcentaxe da poboación falaba galego, hoxe practicamente ninguén.
No referente ao mundo editorial estamos mellor. Temos escritores con certa calidade, non obstante pola reducción da costume lectora as tiraxes son menores. Pero iso tamén acontece en castelán, ollo! Unha boa tiraxe en castelán non supera os 1.400 libros. E en Galaxia facemos un enorme esforzo por traer novos títulos. Tantos como unha media de 130 ao ano, que non é pouca cousa! Un cada tres días, iso é algo que nin sequera poderían soñar os devanceiros noutro tempo.
P: Goza o galego de boa saúde?
R: O derrotismo non nos convén. O problema de Galicia e da lingua galega é que non temos unha burguesía que nos acompañe, é inexistente. A nosa autonomía non estivo rexida por forzas políticas galegas, a chave sería ter un eixo principal baseado na defensa do concepto de Galicia como pobo, como nación e como territorio diferenciado.
O profesor Neves ten unha reflexión moi interesante. O galego non é máis que o portugués sen ser unha lingua de estado. A diferenza entre ambas as linguas é que unha ten o respaldo do estado e a outra non. Iso tamén fala da pouca autoestima que temos os galegos coa sociedade e coa lingua, que nos impide estar nunha posición equiparábel á doutros pobos da Península Ibérica e de Europa.
E esa falta de autoestima ten tamén o consecuente impacto na eiva política. Non temos o que hai que ter para crear un ambiente de desenvolvemento económico. Un pobo sen autoestima ten problemas para artellarse internamente.
P: Por que os escritores galegos se traducen menos que os cataláns?
R: Cataluña é a base das máis grandes editoriais peninsulares. Cando en Galicia nace Galaxia, no ano 1950, era a única editorial en galego, e así seguiu sendo durante moito tempo. Non fomos quen de ter máis do que unha editorial viábel. Cataluña, pola contra, é un país industrial con ampla historia editorial. E, ademáis, comparativamente, tanto Euskadi como Cataluña reciben máis axudas estatais á publicación.
P: Cal é a razón de que a maioría das librarías non aposten polo galego e quede relegado ao recuncho das obras “noutros idiomas”?
R: Hai librarías militantes onde iso non se dá. E librarías de grupos mercantís que non o fan, porque teñen que vender o que máis se solicita. Eu vexo unha gran diferenza entre as librarías militantes, porque un libreiro non é máis do que un militante da cultura; e as librarías mercantís.
P: Hai uns meses a Editorial Galaxia publicou unha biografía sobre Ramón Piñeiro escrita por Serxio María Rodríguez, colaborador do Ferrado. No libro debátese se Piñeiro foi un salvador da nación ao comprender que o eido cultural era o único refuxio para preservar a cultura galega ou se pola contra foi un traidor ao renunciar ao combate político. Que opina vostede?
R: Temos que retrotraernos ao ano 1939, ao remate da Guerra Civil Española. Daquela, os galeguistas foron tratando de poñerse en contacto entre eles a pesar do perigoso da situación, con xuízos sumarísimos, paseados e xente desaparecida. Desde mediados da Segunda Guerra Mundial, especialmente desde a batalla de Stalingrado, os galeguistas ven grandes dificultades para a restauración da II República.
No ano 1948 realízase unha das primeiras reunións na cidade de Vigo, en Coruxo. Asumen que os Aliados non restaurarán a república e deciden recompoñer o accionar galeguista no principio do que se deu por chamar “Resistencia Cultural” como maneira de resistir á ditadura.
Inmediatamente xorde a idea de crear un medio de comunicación en galego, que foi o xermolo da Editorial Galaxia. Ramón Piñeiro, Paco Fernández del Riego, Xaime Isla e Xosé Meixide son algúns dos axentes galeguistas que se unen baixo a idea de crear unha Sociedade Anónima (S.A) para promover, defender e manter vivo o sentimento galeguista ao mesmo tempo que poder encubrirse ante os riscos evidentes de represión fascista. Hai algúns datos sorprendentes, entre os primeiros accionistas da Editorial Galaxia houbo empresarios de Vigo e altos funcionarios do réxime franquista. O obxectivo era manter o legado do Partido Galeguista, e aí nace a idea de transversalidade que aínda hoxe Galaxia defende.
Non obstante, chamar a esta “Resistencia Cultural” “Piñeirismo” non é correcto, xa que a través da correspondencia podemos atopar que o concepto de nación non era igual para todos eles. Ramón Piñeiro falaba dunha “Nación Cultural”, pero non étnica nin política en senso estricto. A pesar de recoñecer o valor da lingua, na praxe política non entendía o termo como Paco Fernández del Riego ou Xaime Isla, que foran arredistas de novos. Eran nacionalistas de acción e corazón.
P: Que fallou para que a idea de Ramón Piñeiro de reproducir un panorama político socialdemócrata e democristiá non acontecese en Galicia? Por que Galicia non ten un partido político nacional conservador?
R: No ano 1974, aínda durante a ditadura, un grupo de xente crea en Vigo o Partido Galego Socialdemocrata (PGSD), liderado por Alfonso Zulueta. Era nacionalista, de centro progresista, autodeterminista, federalista e europeísta. Xa estaba fundado o Partido Socialista Galego (PSG), do cal Paco Fernández del Riego era presidente.
Estes partidos constitúense no fracaso electoral. No ano 1978 créase o Partido Galeguista (PG) cun ideario comparábel ao partido orixinal dos tempos da II República. O PG tamén fracasa e no ano 1984 o PG non se integra en Coalición Galega (CG). A partir de aí a política do país é máis fácil de comprender. O PPdG pasa a ocupar o espazo do galeguismo sen definición.
O galeguismo político tristemente non se dá e é moi complexo de estruturar. Isto é un fracaso de determinadas xeracións, incluída a miña. Eu síntome un fracasado. Non podemos buscar xente que xustifique ese fracaso, fomos nós. As estruturas da Transición foron herdadas da caste política franquista, pero non debemos botar as culpas a iso. Non, o fracaso foi noso como xeración e é un fracaso como nación.
P: Considera suficientes as políticas de promoción lingüística institucionais (a nivel tanto local, como provincial e autonómico)? Que falta?
R: Algo debe faltar desde o momento no que non temos ningún avance positivo. A mocidade cada vez fala menos galego, os medios de comunicación, a sociedade etc. Non hai máis do que a realidade teimuda. Hai algunha cidade de Galicia onde avanzase o uso do galego? Non! E o gran problema somos nós como pobo.
Temos os medios, os coñecementos, a xente é educada en galego, mellor e peor, pero é educada na lingua galega, e todo isto segue a acontecer. Hai certas explicacións por suposto, a Lei de Normalización Lingüística era das mellores e foi recorrida inmediatamente. Fáltanos rigor como pobo. Somos un país pequeno con problemas de autoestima para levar a cabo empresas comúns. Temos unha gran falta de intelectualización do sentimento de defensa da terra.
P: Onde se posiciona Antón Vidal Andión ideoloxicamente?
R: Eu son nacionalista. Por suposto non son o mesmo nacionalista que cando era novo. Hoxe en día teño outra perspectiva da nosa nación inmersa en Europa.
O concepto de nación mudou. A definición de nación clásica, por exemplo, incluía a acuñación de moeda. Hoxe en día practicamente ningún país europeo o fai. Temos que aceptar que formamos parte dunha realidade supranacional, que é a Unión Europea, e dese xeito o concepto de nación é diferente.
Eu afírmome como nacionalista e non teño medo a dicilo. Sempre seremos galegos, pertencentes a unha nación cunha diferencia idiomática e cultural. Cunha historia de seu, desgraciadamente con máis escuros que claros.
P: Que importancia tivo a igrexa galega na conformación da nación galega?
R: A igrexa conforma a cultura de occidente e, como tal, a de Galicia. A actuación eclesiástica desde a II República escórase cara ao nacional-catolicismo. Todo muda durante o Concilio Vaticano II (1962-1965), que foi unha revolución no mundo católico e secular. O Concilio foi inasumíbel para o franquismo, recoñecendo a liberdade relixiosa e a separación estado-igrexa.
Un do grandes teólogos de Francia dixo que cando falaban os bispos españois os demais levantaban para ir ao baño. Vicente Enrique y Tarancón dicía que os bispos non se enteraban de nada porque tiñan cargos no franquismo. Denunciaba que eran todos uns carcas.
A igrexa vai mudando paulatinamente, pero tristemente en Galicia as cousas permanecen iguais e boa proba diso é que cando cambia o idioma da liturxia, do latín ás linguas vernáculas, os bispos de Galicia dirán que a lingua vernácula do país é o castelán. Isto é un gran fracaso de Galicia como pobo. E é aínda máis tremendo ao pensar que o clero galego era de extracción rural. A pesar de ser a súa lingua nai ningún deles deu un paso á fronte polo galego, unicamente Monseñor Araújo. Non será até finais da década de 1960, grazas aos esforzos de persoas como Xaime Isla, cando se consegue que o galego se recoñeza na liturxia no ano 1986. Non obstante tamén é xusto dicir que esta mudanza debeuse en gran medida tamén grazas a cregos a través de publicacións como Encrucillada ou Irimia.
Eu son un cristián humanista, pero considero que unha igrexa que non se incardina no pobo non é unha igrexa como tal. E soamente hai que ir ás aldeas aínda hoxe para ver o panorama. Curas que falan galego no adro pero que cando van falar con Deus, como dixo un bispo de Ourense “non se pode ir en zapatillas” (sic) en referencia ao uso da lingua galega.
P: Existe unha “Igrexa Galega”?
R: A “De correctione rusticorum” [1] é das primeiras obras da historia de Galicia. A relixión sacraliza todo o que está nos pobos, polo tanto, sempre hai unha igrexa local. O Priscilianismo, por exemplo, foi un acomodo á relixiosidade de Galicia.
O home tende a Deus e ao cristianismo hai que agradecerlle a tendencia do ser humano a Deus, que dá lugar á transcendencia. Quen ten trascendencia ten fe.
P: Cales son as figuras máis egrexias da Igrexa Galega?
R: Moitas delas non tiveron cargos eclesiásticos, Ángel Amor Ruibal por exemplo era un filósofo. Pero esta pregunta é imposíbel de responder. Xente desde Xosé Chao Rego ou Torres Queiruga até tropecentos. Tiven a sorte de coincidir con moitos deles no SEP.
P: Que ligazón tivo a igrexa galega co movemento arredista patriótico de esquerdas galego? – Moncho Valcarce, Xesús Mato ou a axuda da igrexa noiesa na clandestinidade á UPG-Militar.
R: A Teoría da Liberación fala verdadeiramente da igrexa dos probes. O movemento ecoou en Galicia e houbo curas obreiros galegos como Julio Lois, Francisco Carballo, Antón Gómez Vilasó e o que para min foi un home extraordinario, Bieito Santos.
Nos anos 1970 eu incorporeime a un grupo que levaba o pomposo nome de “Comunidade de Vida Cristiá Santiago Apóstolo Nosa Señora da Guía”. Puxérallo Xaime Seixas.
O Padre Seixas daba as aulas en galego e Moncho Reboiras, ou Xosé González Martínez, coñecido na clandestinidade na UPG-Militar como “Pepiño de Redondela”, foron algúns dos seus pupilos. Tiñamos unha caixa de resistencia e o noso grupo foi moi activo durante as folgas contra a reestruturación naval. Coñeciámonos todos grazas á “Romaxe de Crentes Galegos”. Celebramos este ano o 49 aniversario en Sarreaus, cada vez somos menos, pero no seu momento fomos moi conflitivos para a autoridade eclesiástica. O pai Bieito Santos desenvolveu a folga máis longa en España no seu tempo. A súa obra foi inmensa, e ao xubilarse dedicouse a ensinarlles un oficio aos inmigrantes.
P: Cal é a diócese máis galeguista do País? – O novo Arcebispo de Compostela e o Bispo de Tui semellan ter perfís galeguistas.
R: Non hai diocese galeguista. Depende da autoridade que teña o crego. Póñoche un exemplo, o párroco da miña aldea oficia en galego e un día achegouse unha muller ao adro. Comezou dicindo “Eu son madrileña”, e eu xa me temía o peor. Pero o que lle dixo foi: “E gústame moito que dea a misa en galego, non como ao burro do meu marido, que é galego e non lle gusta”.
Esa é a realidade que conforma a sociedade eclesiástica e civil de Galicia. Non obstante o desa xente é sumo pecado, iso si.
_______________________________
P: Unha personaxe da historia de Galicia?
R: Castelao.
P: Un libro?
R: Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo.
P: Un autor/a?
R: Ramón Otero Pedrayo.
P: Un lugar?
R: Martín, Aguasantas, Cerdedo-Cotobade.
P: Unha canción?
R: Venceremos nós.
P: Un político?
R: Que horror!
P: Vai chegar Galaxia ao centenario?
R: Como aos cen anos!? Ten que chegar moito máis alá, e soamente grazas a vós, aos novos.
P: Que pobo español soubo entender mellor a Galicia?
R: O vasco.
P: Celta ou Dépor?
R: Celta.
P: Día das Letras Galegas 2026 para…?
R: Para unha muller.
[1]: De correctione rusticorum é un sermón litúrxico escrito polo bispo Martiño de Dumio no século VI. O texto dá conta das crenzas pagás no reino suevo e propón un manual litúrxico para a “corrección dos rústicos”, isto é, a evanxelización cristiá do pobo galego. Como curiosidade, é neste libro no que Martiño de Dumio introduce o sistema de feiras para contabilizar os días da semana, unha práctica que se estendería por todo o mundo lusófono e aínda sobrevive hoxe no noso país.