Gabri Dakidarría: “Non queriades galego? Pois agora hai papanatas que cantan en galego”

Falamos con Gabri, fundador de Dakidarría. Do 21 aniversario da banda, do sexismo na cultura, da xira de “XX”, da música en galego… E algunha cousiña máis!

 

P: Breve e directo. Onde, cando e como xorde Dakidarria. 

R: DKR xorde no IES Val Miñor, no 2003. Estaba guai porque faciamos grupos que aparecían e desaparecían en semanas e este, pois mira, durou polo de agora 21 anos.

P: Que non é pouco…

R: Si… Comezamos cun grupo de punk rock, pero con novos integrantes fomos metendo ritmos ska, reaggue… e, ben, fomos evolucionando. Pero nos inicios, o prato principal era o punk rock

P: De feito, falando un pouco de punk rock, Dakidarria é unha banda con mensaxes moi directas e combativas no eido sociopolítico. Cal é o punto común ideolóxico dos 8 integrantes?

R: É moi amplo, pero creo que é o amor pola liberdade. Somos xente que defende a liberdade fronte ás imposicións. A procura desa liberdade e ser semente de rebeldía, transmitido ademais con alegría, é algo que compartimos todas no grupo. E dun tempo a esta parte, por suposto, a galeguidade e a defensa das culturas minorizadas tamén está no centro da nosa ideoloxía común. 

P: Xusto en relación a iso último, xa nos metemos un pouco en materia. “Utopías emergentes” pasa a chamarse “Utopías emerXentes”. En que momento acontece isto? Cando pasades a ser unha banda que cantaba en castelán a ser unha banda completamente neofalante?

R: No ano 2012. O paso vén dado por varias circunstancias. O primeiro é que moita xente á que valorabamos moito do mundo do activismo social nos dicía que a nosa mensaxe era incongruente por ser cantada en castelán. Ao principio non estabamos de acordo, entendiamos que era o noso xeito de expresarnos. Na nosa comarca todo dios falaba castelán. Pero, pouco a pouco, fomos entendendo que si. Que se estabamos a cantarlle á liberdade nunha lingua imposta, evidentemente había unha incongruencia. Ao final eu xa tiña moitas ganas de dar o paso, pero a entrada de Maki na batería sentenciou todo. 

Maki veu dende Valencia. El, tras deixar un proxecto como Obrint Pas, que é unha banda que lle abriu as portas a un montón de grupos valencianos a cantar en valenciano, chegou aquí e atopounos con esas dubidas. El, que soubo ademais observar e comprender á perfección o momento social da Galiza e as súas tendencias, animounos moitísimo a facelo. 

Grazas a Maki, Dakidarria foi completamente neofalante. Comezamos a sentir moito máis fiel a nosa mensaxe e, ademais, fixo que moitos de nós nos volvésemos neofalantes na nosa vida cotiá. Primeiro foi o grupo, pero rematou por arrastrarnos a todas. Un acerto brutal. 

P: Unha decisión complicada pero acertada, que dúbida cabe!

R: Isto supuxo moito medo, porque nós levabamos 8-10 anos tocando e xa tiñamos moito percorrido incluso alén das fronteiras do Estado Español. Deunos medo que o cambio de lingua frease todo o percorrido até ese momento. 

O certo é que non sabemos que pasaría se seguísemos  cantando en castelán, pero a nosa primeira sensación foi que a xente aceptou este cambio, incluso fóra da Galiza. En Madrid, Valladolid, América Latina… As cancións en galego coreábanse incluso máis que as cancións en castelán. Rapidamente quitamos esa presión de enriba, deunos confianza e… ata hoxe. E morreremos sendo un grupo que cante en galego, non imos volver atrás agora.

P: Estaríache bo o asunto, vamos…

R: (Risas) Si, si, imaxina.

P: De músico a músico… cantar en galego tamén pode ser unha boa estratexia de marketing para vender máis en Galiza, non cres?

R: É moi interesante isto que dis. Iso pasa agora. Esa estratexia de marketing da que falas pasa agora tras ver, creo, que moitas bandas o fixemos e funcionou. Pero eu asegúroche que no momento no que o fixemos era coma tirarse a unha piscina sen saber se estaba chea ou baleira. Non sabiamos o que podía pasar. Pero para nada. A nivel márketing pensábamos iso, que podía ser prexudicial para a banda. Agora pode verse así, pero é porque hai moitos anos outras bandas o fixemos. 

P: Entón, en relación a iso, tes que dicirme en que momento se atopa o panorama musical galego. Novas bandas, antigas bandas que se pasan  ao galego, a universalización da lingua na música (antes o galego única e exclusivamente empregábase na música con carácter sociopolítico, o cal era, na miña humilde opinión, un peñazo). 

R: Este creo que é un momento moi doce para a música en galego. É algo totalmente impensable, como che digo, hai 10 anos. Atopar todos os estilos musicais en galego era impensable. Só había folk, algún grupo contado de hip hop moi politizado e os punkis skas de toda a vida. Hoxe en día o abanico abriu. 

Pero bueno, eu atópome cunha realidade que non contemplaramos. E é que claro, efectivamente, nós pedimos a universalización do galego, pero entón podemos ver grupos que xa non son tan cercanos á nosa corda cantando en galego. Antes uníanos a todos a reivindicación. Agora xa non. Agora hai grupos que están nas antípodas do meu pensamento e cantan en galego. Grupos que xa non respectan para nada a toda a xente que sementou para que isto fose posible. E, ben, aí están. 

Non queríamos galeguizar a música? Pois toma, agora hai grupos de pop ñoño, peña que só pensa no márketing e en facer ruído para que se lles faga caso, pisando a quen sexa… agora pasan cousas. Non queriades galego? Pois agora hai papanatas que tamén cantan en galego. É o que hai. 

Pero bueno, supoño que isto entra no pack de galeguizar a nosa música, así que benvida sexa esa diversidade.

P: Agora que o dis… a verdade é que un tema que da para moito. Terá cousas boas e malas, evidentemente. Por unha banda, o galego deixa de ser unha lingua politizada para ser unha lingua universal, pero iso implica a entrada de toda esa tropa. Non o discuto. 

R: Tamén é certo que agora hai moitos festivais organizados e apoiados polas institucións que non van ter unha mensaxe reivindicativa ou social, que están copados por unha serie de grupos que non din nada a nivel social nin político. Dese xeito, o festival apúntase a medalla de ter grupos en galego, pero ao final son grupos totalmente baleiros de contido, sen reivindicación social, que é o que a min, insisto, me representa máis.

P: Sen querelo, déchesme entrada para a seguinte cuestión… por que é tan difícil tocar nun festival? Por que hai estas barreiras de entrada? Por que sempre están as mesmas bandas? Como funciona o mundo? Quen dirixe o cotarro? 

R: A ver, eu non o sei, ao final son un humilde cantante. Non sei quen dirixe isto nin nada. Realmente os festivais que frecuentamos nós, a maioría, polo menos na Galiza, son organizados por asociacións. Por que chaman sempre aos mesmos e non tiran por bandas novas? Supoño que será por medo a que non veña a xente. 

Hoxe en día é moi complicado chegarlle á xente. Os festis tiran de grupos que xa estiveron noutros festis e, entón, non  conseguimos saír desa espiral. Que ten que facer un grupo que aínda non estea nese mundo? Gravar un bo disco, ter bos videoclips, atopar os festivais que máis se asemellen ao teu estilo… En definitiva, picar moita pedra e ter moita sorte, así é a música. Unha vez entras, todo é máis doado. Pero non hai unha formula, creo que é unha cuestión de picar pedra e sorte. 

P: Eu entendo que os festivais teñan certo ánimo de lucro, pero habería que romper ese teito de cristal que hai coas bandas novas. E deben poñer da súa parte tanto as institucións como os propios festivais.

R: Estou totalmente de acordo. Hai certas axudas institucionais, pero están enfocadas a bandas que xa están consolidadas como empresas. Eu son unha delas. Por suposto pode virnos ben en moitos casos, pero quen realmente necesita este tipo de apoios son as bandas novas, por suposto. Elas son as que realmente necesitan ese empurrón para compoñer, gravar e xirar. 

Así está a cousa. Aí hai un salto moi grande que a banda debe dar por si soa para poder acceder tanto aos festivais como a estas subvencións das que falo. É un problema moi moi grande que amosa claramente que non se está fomentando a formación de novos proxectos musicais.

P: Outro gran tema… o sexismo na música, que non hai pouco. Por que a música segue a ser un espazo predominantemente masculino? 

R: Eu creo que se están dando pasos, pero é unha cuestión xeracional e, polo tanto, vai lento. Ata hai 10 anos apenas se falaba disto. Eu nin o pensaba, pero era unha realidade. A práctica totalidade das bandas da Galiza de todos os estilos, eran de homes. Había algunhas excepcións, como a viguesa Xolda. Pero eramos todo tíos. 

De 10 anos para aquí rompeu ese melón e moitos festis, sobre todo festis pequenos e socialmente comprometidos, empezaron a apoiar os poucos grupos mixtos ou de mulleres que había. E creo que, grazas a iso, se están formando novos grupos de mulleres ou algúns grupos que eran todo homes, como Dakidarria, incorporaron mulleres á súa equipa. 

Creo que temos que ter paciencia, que non pasividade, e seguir loitando e visibilizando este problema, mais penso que si que se avanzou. Quero crer que estamos no bo camiño. Cada vez hai máis chicas neste marabilloso mundo e creo que, ademais, teñen moito que dicir. 

P: Poñámonos sentimentais. Que é Galiza para Dakidarria? E para Gabri?

R: Galiza é a nosa trincheira. Un pobo moi pisoteado pero quen de resistir sempre baixo mínimos. Iso fai aínda máis épica a nosa loita ao longo dos séculos. Para min é unha metáfora de todo o que canto. 

Non nos sentimos mellores nin peores que ninguén, cousa importante ao falar de patrias. O único que defendemos é a liberdade dos pobos. E entre todos os pobos do mundo, está o noso. Para min Galiza é un orgullo, exemplo histórico de resistencia. 

Para min, levantar a estreleira nos concertos é levantar a bandeira da liberdade de todos os pobos do planeta. 

P: Que motivación atopades como grupo para seguir 21 anos despois, con todo o peso e todas as merdas que ter un grupo leva consigo? 

R: Penso moito niso, igual porque xa estou maior e algo canso (risas). Penso en que carallo fago aquí dúas décadas despois. O ano pasado, festexamos o XX aniversario coa anterior xira e con concertos que foron apoteósicos. Pero rematou. E penso, e agora que? 

Non obstante, vexo varios puntos motivacionais: primeiro, levar Galiza polo mundo con esa concepción que acabo de describir, e a outra, a nivel máis persoal, é que a nova formación de Dakidarria trala pandemia fíxome volver sentir o que sentía na adolescencia, cando todo isto comezou. 

Síntome vivo, querido e coidado co grupo actual. É tan bonito que a todos nos dá moitas ganas de seguir xuntos, transmitindo esas cancións que xa forman parte inevitablemente dunha xeración. Esa responsabilidade que temos con todo o feito e acadado ata o día de hoxe é algo que tamén te anima a seguir. E por suposto, seguir clamando polas inxustizas de antes, de agora e as que están por vir. Continuemos.

P: Acabas de medio responderme á última pregunta, que era se quedaba Dakidarria para longo. Se imos poder ver a un vello Gabri en cadeira de rodas e adicto ao sintrón berrándolles aos micros. 

R: (Risas) É unha pregunta que me fago eu tamén. Penso moito niso. Hai días que penso que si e días que penso que non. Pero a realidade é que a maioría das veces penso que si. Levo toda a miña vida facendo isto e non me podo imaxinar vivir doutro xeito. Tamén sei que o Gabri de hai 20 anos non é o mesmo Gabri de agora, nin é o Gabri que será dentro de 5 anos. Pero de pronto, como che digo, teño moita motivación e non vexo final a esta travesía. Queremos seguir deixando o noso selo e seguir cantándolle á liberdade cun sorriso na cara.

P: A túa canción favorita de Dakidarria e a que máis odies. 

R: É difícil, pero vou falar de “Eskarnio e Maldizer”. Tal vez non é un hit, pero a min o desaloxo do centro social “Eskarnio e Maldizer” tocoume moi de preto. Tiña moita xente querida dentro e acababamos de estar alí gravando o videoclip de “En Compostela”. Para min, representou un montón de desaloxos e abusos de poder máis. 

A que máis podo odiar… bueno, as que máis odio xa non as tocamos en directo. A xente pode pensar que estamos fartos de tocar “Terra” ou “Mocidade Activa”. Bueno, eu aos hits téñolles cariño, porque a xente os fixo seus. Igual escollería alguna das desterradas dos primeiros discos, como o vilancico do primeiro disco. 

P: Gústame o que dis dos hits. Fito Cabrales dixo unha vez que estaba ata os huevos de escoitar Soldadito Marinero, pero que cada vez que a tocaba nun concerto era como tocala sempre por primeira vez. 

R: Hai xente que si que está farta, pero a realidade é que os hits teñen moitísimo feedback do público e, se non te emocionas con isto, mellor dedícate a outra cousa. Unha canción deixa de ser túa cando a publicas. Eu téñolle moito cariño aos “Terra”, “A Mocidade Activa” ou “En Compostela” por iso, porque a xente tolea e se emociona. Non hai que odialas, hai que abrazar e mimar esas cancións. 

P: Recomenda unha banda actual, unha canción e un libro. 

R: Vou tirar polo Valmiñor. Temos moita efervescencia musical ultimamente. A banda que vou recomendar e SEITURA, un grupo de punk. 

A canción “Alén do ceo e do mar”, de XENTE TÓXICA, tamén do Valmiñor, unha canción na que, ademais, tiven a sorte e o pracer de colaborar. 

E libro… o último lanzamento de Xurxo Souto, titulado “Somos un Pobo de Artistas”, estouno a ler agora e é un arquivo artístico impresionante… unha marabilla de lectura.

P: Fálanos da xira! 

R: É a xira XX. Levamos dende marzo rodando polo Estado Español. Aínda nos falta León, Alicante e así e despois no verán haberá algún conci fóra da Galiza. Pero temos un bo feixe de datas no País. Moitos concertos e festivais na trincheira, mellor imposible. A vida segue e Dakidarria segue en pé. Lume!

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad