Entrevista con Kevin Glez, concelleiro do BNG e fillo de Fernando Glez, un dos tripulantes desaparecidos do ‘Vila de Pitanxo’

Entrevista con Kevin González, concelleiro do BNG e fillo de Fernando González, engraxador e un dos tripulantes desaparecidos do ‘Vila de Pitanxo’.

 

Desde hai varios anos, unha nova fornada de galegas e galegos peta na porta da política do país, quer na representación municipal, quer na nacional, chegando a ter unha pegada máis leve na estatal e europea. Así, a mocidade reivindica “un cuarto de seu”, un espazo propio desde o que mudar a realidade a través de diferentes propostas e ideoloxías. Unha mudanza nas políticas de vivenda, de emprego, de lecer, de investigación etc. 

Nomes como o de Marta Gómez (BNG), Nicole Grueira (PPdeG) ou Xurxo Doval (PSdeG) toman corpo na política galega a través da dirección das xuventudes das súas respectivas forzas, mais a política máis dura e con maior responsabilidades é, xeralmente, a municipal, un espazo que vén lamentando a falta de financiamento, así como a delegación de competencias impropias. 

Nese terreo iniciou a súa traxectoria política Kevin González Santiago (Moaña, 1994), concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Moaña e membro da candidatura do BNG ás eleccións europeas de 2024, con quen conversamos desde O Ferrado.

──────────────────────────────────────────────

P: Concelleiro de Mocidade, Infancia e Voluntariado no primeiro mandato de Leticia Santos como alcaldesa en maioría. Como se afronta ese labor?

R: Ser concelleiro en calquera das áreas acompañando a Leticia Santos é realmente doado. Partindo da base de que ela é unha excelente persoa e unha política totalmente profesional que controla absolutamente todos os puntos de vista e os problemas do concello de Moaña, afrontar calquera tipo de concellería con ela ao lado é moi sinxelo.

É un labor polo menos para min moi sinxelo porque creo que teño o apoio das compañeiras e compañeiros que me axudan nas posibles dificultades que poida ter. É certo que a miña área ao mellor é unha irmá menor, unha área con menor importancia, pero realmente desde o Concello non o tomamos así. Cremos que a mocidade e a infancia é un factor fundamental das nosas políticas e traballamos bilateralmente desde a miña área co resto, tanto con Urbanismo, Obras e Servizos, Benestar Social, Ensino, Normalización Lingüística etc. 

Que a oposición poida non darlle esa importancia que ao mellor nós cremos que ten, a verdade é que nos dá bastante igual. O noso compromiso coa rapazada é claro. Achegamos máis dun 25% do orzamento en medidas que afectan a mocidade e infancia. Cremos na súa participación, precisamente por iso somos Cidade Amiga da Infancia, onde cremos que os rapaces deben ter o seu lugar, o seu espazo e deben participar da vida pública.

P: Existe o tópico de que á xente moza só se lle encargan áreas como mocidade, xuventude e as típicas que son consideradas como pouco importantes, igual que adoitan ser homes os que xestionan Urbanismo, Deportes, Facenda etc. Como cres que se poden desterrar eses patróns? Como valoras o encargo de Santos Paz para xestionar eses ámbitos?

R: Eu creo que a mellor forma de combater eses falsos mitos é precisamente dándolles estas áreas, Facenda, Urbanismo, a mulleres e, ao mellor, esas Marías chamadas Mocidade e Infancia pois a homes. Eu cando me reunín con Leticia para falar das áreas que me ían tocar no goberno estiven 100% á súa disposición, de feito, eu mesmo, nun principio, pedinlle que non me destinase certas áreas como Urbanismo ou Obras e Servizos, que para min serían moi complicadas de levar sendo o meu primeiro mandato, e ela encargoume precisamente Mocidade e Infancia sendo eu o membro máis novo da candidatura e, polo tanto, do goberno. E creo que foi unha decisión acertada porque pola miña idade podo ser moito máis próximo a este colectivo.

P: Nas pasadas eleccións municipais, lográchedes a primeira maioría absoluta do BNG en Moaña desde 1983, aumentando 1500 votos, 3 concelleiros e 16 puntos porcentuais, mentres que o PP –que incorporou como candidato a Xavier Carro, de XM– caeu en votos e porcentaxe, ao igual que o PSOE. Como asumes esa responsabilidade que depositou en vós a xente de Moaña? Cales son os principais retos que tes para o resto de mandato? Existen proxectos “de luces longas”?

R: Evidentemente, cando máis da metade dos votantes de Moaña che dan a responsabilidade do goberno, asumir un goberno con dez concellerías é unha mochila moi grande, porque estás representando a máis da metade de votantes e polo tanto tes que cumprir. Sobre todo cando levabas dous gobernos en coalición, onde se repartía o traballo e onde a responsabilidade caía en dous focos: BNG e PSOE. Agora xa non hai escusas, toda a responsabilidade é do Bloque, todo o que fagas ou o que poidas facer mal vai caer sobre ti.

Desde a miña concellería teño unha liña continuísta con respecto ao meu antecesor, Daniel Costas. Creo que o seu traballo foi impecable, renovou totalmente a visión que tiñamos sobre a concellería, neste caso en Mocidade, que agora é Mocidade e Infancia. Puxo no centro das políticas a este sector da poboación, impulsou a Casa da Mocidade, a participación dos nenos e das nenas co grupo de ‘Mariscadoras de ideas’, que creo que é un referente a nivel autonómico. O meu traballo é seguir marcando esas liñas e tratando de escoitar os nenos e as nenas de Moaña para ofrecerlles o que eles piden e cubrir as súas necesidades.

P: Como escoitades os nenos e as nenas de Moaña?

R: Pois nese programa que temos, convocamos os nenos e as nenas dúas veces ao ano a un Pleno infantil. Neses Plenos, un grupo dinamizador fala cos centros e propoñen unha temática, pois por exemplo o primeiro Pleno que presenciei eu como concelleiro falaba sobre mobilidade amable para os nenos e as nenas. E alí xurdiron diferentes problemas como a falta de iluminación en certas rúas que daban acceso a parques ou lugares de ocio. O que eles facían era reclamar, pois, eses puntos de luz, esa mellora de asfaltado etc.

Despois temos un grupo de participación infantil e xuvenil que nos solicita a nosa presenza polo menos unha vez ao mes, tanto miña como de calquera outro concelleiro ou concelleira, ou incluso da alcaldesa. De feito, en decembro reunímonos Leticia e mais eu co grupo. Neste caso para dar traslado de todas as peticións que fixeron nos plenos de 2024 e novas ideas. Nesta reunión, saíu unha idea que eles mesmos tomaron como moi positiva que foi que parte do orzamento da miña concellería o ían xestionar eles e elas. É dicir, ían poder administrar os cartos dunha parte do orzamento para poder destinar a actividades ou diferentes cousas que eles reclamen.

P: No teu primeiro mitin, nos comicios municipais do 2023, aseguraches que a mocidade precisa de “lugares de ocio”. Cales foron os logros da túa concellería durante este ano e medio de mandato? Existe algunha espiña cravada?

R: Non creo que teña ningunha espiña cravada en canto a ningunha medida ou ningún traballo que eu fixese. Todas as medidas que se poden facer desde o goberno son mellorables. Evidentemente, sempre poden existir críticas, tanto desde os campamentos de verán, como algún tipo de actividade como a Comic-con, que é un evento fundamental da mocidade de Moaña. Pero a verdade é que non teño ningunha espiña cravada.

P: Segundo vemos nos medios de comunicación, as Xuventudes Socialistas de Galicia teñen unha presenza ou relevancia mediática en Moaña que non existe no resto de concellos do Morrazo. Ao teu xuízo, a que se pode deber este interese no municipio? Como enfocades desde o BNG a vosa proxección entre a xente moza no concello?

R: En primeiro lugar, creo que sempre é positivo, independentemente de que sexa nun partido que non é o meu, que a mocidade se implique en diferentes movementos sociais ou incluso en política. Que se lle estea dando esa repercusión mediática a Moaña creo que é porque houbo unha persoa que decidiu asumir o labor das Xuventudes Socialistas en Moaña e tamén pode ser para darlle un foco mediático para, ao mellor, posicionala nun futuro nunhas eleccións municipais.

Desde o Bloque, evidentemente temos o noso grupo de mozos e mozas, que é Galiza Nova, onde traballamos tanto a nivel local, como comarcal, e é algo que levamos facendo desde sempre. Para nós é moi importante implicar a xente moza e que eles e elas mesmas vaian dando o relevo. De feito, no futuro Consello Local, o que se pretende é darlle un pulo a esta área.

P: Vaiamos cun chisco de autocrítica: cales son as tarefas pendentes do goberno local? En que reivindicacións locais teñen razón o PSOE e o PP?

R: O PP e o PSOE teñen algunha reivindicación de peso que nós debamos valorar? Eu creo que as críticas que fan o Partido Popular e o Partido Socialista en Moaña non están ben fundamentadas e na maioría non son coñecedores dos problemas que se teñen no propio Concello ou do que xa se está facendo. Teñen a información sesgada e incompleta.

Realmente, desde o PSOE faise unha crítica ao goberno de Moaña, ao goberno do BNG, por facer. O portavoz do grupo socialista de Moaña moitas veces critica, como xa saíu na prensa, a, segundo el, mala xestión do cargador eléctrico para que os veciños e as veciñas poidan ter unha economía máis sostible e respectar o medio ambiente, facendo que poidan cargar os seus coches alí. Porén, en contraposición, pide que aumentemos as dotacións en luces de Nadal, cando todos sabemos que é un gasto practicamente innecesario. É dicir, é un pouco incongruente.

Eu creo que as tarefas pendentes son continuar cos proxectos que xa temos encarreirados, é dicir, temos que rematar coas carpinterías de ribeira, temos que seguir facéndolle fronte á Xunta para que nos devolva as urxencias, temos que poñer en marcha as vivendas sociais e o auditorio. Creo que esas son as tarefas pendentes para este mandato.

P: No goberno local observamos como existen grandes afinidades entre ti e a concelleira de Cultura, Coral Ríos. Cal é a previsión que tedes ambos os dous para dotar o futuro auditorio de contido para as persoas mozas?

R: Eu lévome absolutamente de marabilla con todos os meus compañeiros e compañeiras. É certo que con Coral teño, ao mellor, máis afinidade porque é precisamente unha persoa que trata de acoller e de ensinar a todos e a todas a dinámica do equipo. Eu debo traballar moito con ela porque precisamente hai certas actividades culturais como o Entroido, o Nadal ou outras, que teñen que ir ligadas a Mocidade e Infancia, porque hai que facer actividades conxuntas, pero non deixo de ter boa relación co resto dos meus compañeiros. Ao revés.

Que debemos facer con ese auditorio? Primeiro, xa temos o proxecto redactado, agora temos que conseguir fondos para poder construílo. Non só o auditorio, senón tamén as vivendas sociais. Descoñezo totalmente cal é o motivo para non ter axudas, pero podo intuílo. Todos e todas sabemos que Moaña é un bastión de combate contra a Xunta de Galicia. O feito está aí. Levamos 169 semanas manifestándonos e loitando para que nos devolvan as urxencias e o nivel de sanidade que tiñamos antes da pandemia. Entón, eu creo que a negación de axudas desde a Xunta de Galicia para esas vivendas de alugueiro social vén dada por iso. A súa política é canto menos lle deamos a un concello que é unha pedra no zapato, pois moito mellor.

P: Tendo en conta os datos do IGE, que amosa unha fonda desgaleguización entre a xente moza e en áreas como O Morrazo, que accións che parecen decisivas por parte do goberno local para fomentar a lingua galega? E por parte de Deputación, Xunta, Estado e Europa?

R: Considero que Moaña é un modelo precisamente porque ten un servizo de normalización lingüística que traballa, é dicir, nós o que tratamos é de propoñer unha serie de actividades, para os nenos e as nenas, que promovan o uso da lingua galega. Como ben é soado, temos o Rechouchíos, que practicamente todos os venres do ano ofrecen unha actividade cultural para que escoiten galego. En Moaña hai moitos nenos e nenas que entran nas escolas falando galego e saen falando castelán.

Está claro que noutras comunidades bilingües, como pode ser Euskadi, invisten moito máis que o goberno galego. De aí a que o nivel de persoas que falen euskera sexa moito maior que os que falen galego na mocidade. Eu creo que a crítica non ten que ir aos concellos, senón directamente á política lingüística da Xunta de Galicia.

Evidentemente, na Constitución Española fálase de linguas cooficiais. Desde o propio Estado deberíase promocionar que non se perda ningunha das linguas. Quero remitirme a un compañeiro, unha persoa que eu admiro como parlamentario, que é Óscar Matute de EH Bildu, que dicía nunha das súas intervencións hai uns anos “quen ten unha lingua, ten un mundo. Entón se temos dúas ou máis linguas, pois temos tantos mundos coma linguas”. Ninguén no seu san xuízo lle di a un neno que deixe de falar inglés, chinés ou alemán. Por que lle estamos retirando aos nosos nenos e ás nosas nenas a súa propia lingua? Fálese de galego, catalán ou euskera.

P: Estamos nunha sorte de momento doce do BNG, cunha gran cohesión social ao redor de Ana Pontón e co mellor resultado histórico nas autonómicas. Porén vemos como o motor do Bloque non tira nas eleccións xerais, nas que unha forza externa como Sumar obtivo máis escanos ca vós. Que cres que falta para que os galegos acrediten no Bloque para irdes a Madrid? Como se conxuga conquistar Vigo nas autonómicas e, meses antes, non obter escano por Pontevedra?

R: Eu creo que eses resultados son porque a xente aínda non é consciente de que realmente o Bloque é o único partido que pode representar os seus intereses en Madrid. Creo que a xente en xeral, non a critico para nada, pensa que o voto a outra forza estatal pode sumar máis que o voto ao BNG, simplemente porque hai máis posibilidades de que teña representación. Pero isto é algo que non funciona, porque eu aínda non mirei un parlamentario do PP, do PSOE ou doutra forza estatal da provincia de Pontevedra que defenda os intereses dos pontevedreses e pontevedresas.

P: Semella que insinúas que os galegos non saben votar.

R: Eu creo que todo o mundo sabe votar. O que temos que facer desde o Bloque é tratar de convencer de que o noso voto é o mellor para os seus intereses, simplemente. Non considero que ningunha persoa sexa ignorante á hora de votar. Cando unha persoa vota a algún partido que para min non é o máis indicado é porque ese partido foi quen de chegar ao seu corazón, ás súas ideas, e é capaz de convencer de que o voten. O que temos que facer desde o Bloque é facerlles ver que nós somos a única forza que vela polos seus intereses.

Eu creo que o traballo estase facendo ben, pero o que fai falla é máis traballo, e hai moitos intereses dos medios de comunicación de tapar ese traballo que estamos facendo desde o BNG, intentando aupar a outras forzas de carácter estatal.  

P: Un dos temas que se argumentaron na campaña das europeas foi a concorrencia nas listaxes con EH Bildu e ERC, aludindo a que esa participación ía posibilitar que o Bloque tivese unha eurodeputada propia. Porén, posteriormente, os galegos coñecemos que o escano de Ana Miranda volvería ser rotatorio e que non habería eses cinco anos de ‘voz galega en Europa’. Como se asume ese feito e por que non se foi claro nos comicios de que existía esa posibilidade?

A: A acta no Parlamento Europeo será para un compañeiro de Esquerra, pero Ana Miranda seguirá facendo o seu traballo a todos os efectos: presentando propostas e sendo a única representante dos galegos e galegas.

P: Estas semanas asistiamos a unhas afirmación dun deputado popular conforme en San Simón non se produciron asasinatos na Guerra Civil, a maiores de declaracións do presidente da Xunta de Galicia dicindo que o debate sobre a represión debía quedar só para os historiadores. Como se loita contra ese discurso desde a política municipal por parte da mocidade?

R: Creo que o mellor xeito de combatelo é respondendo, falando coa xente, dicíndolle realmente o que pasou en San Simón ou en calquera outro punto do país, onde se encarcerou xente polas súas ideas democráticas ou os fusilaron directamente. O derradeiro alcalde da República, José Fandiño Pidre, morreu un día de fin de ano por ser alcalde republicano e defender a República.

Como el, poderiamos falar doutros milleiros de persoas que morreron así. Que este señor se dedique a dicir que isto é historia e que hai que deixárllelo aos historiadores paréceme ridículo, paréceme moi reprochable desde a súa posición de presidente da Xunta de Galicia. Debería ser a persoa que represente a todos os galegos e galegas. Hai moitos que perderon un familiar neses campos de concentración como pode ser o da Illa de San Simón e fai falla que lles pechen esa ferida dándolles a voz que merecen e facendo todo o posible para que, se teñen un familiar perdido nalgunha das cunetas deste país, se lle devolvan os seus restos.

P: Galicia rexistrou nestas datas a maior perda de traballadores no sector do mar da súa historia, cunha especial incidencia entre os mozos. Como fillo de profesionais do mar, que medidas cres que se deben poñer en marcha para fomentar este sector e facelo máis atractivo?

R: Hai que abordalo desde diferentes puntos de vista. En primeiro lugar, é lóxico que os mozos e mozas do século XXI prefiran pisar terra firme e estar moito máis próximos á súa casa e á súa familia. A frota galega ten unha idade media de 37 anos. O que teriamos que facer é fomentar desde as axudas ben do Estado, ben da Xunta, ben de fondos europeos, que os armadores renoven esa frota para poder dispoñer de buques con maiores garantías de seguridade. Iso é fundamental.

Despois, a frota galega afronta unha situación moi delicada. Somos o punto europeo con maior número de capacidade de pesca, é dicir, dispoñemos dun 13% de capacidade. Porén, só dispoñemos dun 2/3% de cota. Isto, inevitablemente, é unha forma de menosprezar a pesca galega, de que os armadores teñan que exprimir ao máximo esas cotas e non teñan unha marxe de beneficios que poida facer que os soldos sexan moito máis altos e, precisamente, que eses buques con esa media de idade poidan ser renovados. 

Considero que o proxecto común europeo realmente é a ruína da pesca galega. Se desde Bruxelas non cambian esta política onde as cotas de pesca para o sector pesqueiro de Galiza son simplemente un dous ou un tres por cento, moi inferiores a outros países como pode ser Bélxica, que ten un número infinitamente inferior a nós en buques, pois non se vai poder fomentar que a frota se renove, que os armadores e armadoras poidan dispoñer de mellores medios para vivir máis desafogados para destinar recursos a esa mellora da frota e a uns soldos moito máis dignos. 

E, por suposto, as condicións de habitabilidade dos buques son fundamentais. Hoxe en día podemos facer unha comparación con grandes empresas que destinan gran cantidade dos seus beneficios a buques moi preparados, como pode ser o Grupo Pereira ou o Grupo Pescaporta, que acaban de sacar dous buques de alta tecnoloxía onde os postos de traballo están totalmente adaptados ás diferentes características dos traballadores do mar e os propios camarotes poden ser individuais. Pero isto só o poden facer grandes pesqueiras.

P: É manifesto o incumprimento do pacto de investidura de Pedro Sánchez co Bloque. Que cres que fai falla para que se cumpra con Galicia e con ese acordo? Como consideras que se debe enfocar a vindeira negociación e como se garantiría que o PSOE leve a termo o prometido?

R: Boa pregunta. Eu creo que o Bloque ten unha posición clara que é non permitir que ningún goberno de dereita nin de extrema dereita nos goberne desde o Estado español.

Eu creo que se podería facer cumprir o acordo facendo unha crítica moito máis forte se non se fai xa, e poñéndolle as cousas difíciles para poder tomar acordos desde o único deputado do BNG. Que moitas veces se nos esquece. Pensamos que o representante de Galiza no Estado español é Néstor Rego, pero temos moitos máis deputados e deputadas que eu non vexo que defendan os nosos intereses. Se cun único deputado, podemos facer todo este ruído e meter o goberno de Sumar e PSOE contra as cordas, esixirlle a rebaixa das peaxes como se está facendo agora, o que poderiamos facer con máis deputados e deputadas…

A sociedade galega ten que ser consciente disto, ten que apoiar precisamente o BNG nas próximas eleccións cando sexan, que non se ten claro se serán no 27 ou moito antes polo que todo apunta, e ten que ter claro que a única forza que realmente defende os seus intereses é o BNG.

P:Unha personaxe da historia de Galicia?
R: Alfonso II, o Casto, porque foi o impulsor do Camiño de Santiago, que é o alicerce da cultura e da economía de Galicia. E por suposto o arcebispo Xelmírez, impulsor da catedral de Santiago.

P: Un lugar de Moaña?
R: O porto de Meira, na illa de San Bertolameu.

P: Unha canción?
R: ‘Bohemian Rapsody’, de Queen.

P: Un libro?
R: A esmorga, de Eduardo Blanco Amor.

P: Un político do Bloque ao que detestes?
R: [Pausa] Non falaría de detestar. Non hai ningún político do Bloque que non me caia ben. Si que, ás veces, lle teño un pouco de ‘tirria’ ao meu compañeiro Xosé Daniel Costas porque é unha persoa que lle saca punta a todo e é extremadamente perfeccionista e coidadoso.

P: Un político do PSOE ao que adores?
R: Marta Freire [exlíder do PSOE en Moaña].

P: E un do PP?
R: Rosa Quintana [exconselleira de Mar e deputada por Ourense no Congreso dos Deputados].

P: Un consello?
R: Eu aconsellaríalle a toda a mocidade de Moaña e do país que se involucre no asociacionismo, na toma de decisións e, por suposto, que formen parte de Galiza Nova e, polo tanto, do Bloque.

P: Celta ou Dépor?
R: Celta, pero eu destacaría de Moaña o remo, tanto o de Meira como o de Tirán.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad