O pasado 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tivo a desvergoña de afirmar publicamente que a chegada do rei emérito Juan Carlos I a Sanxenxo era unha fantástica nova que poñía a Galiza no mapa. Unha afirmación servil e indigna cara un prófugo da xustiza refuxiado nunha teocracia machista, imputado en innúmeros casos de corrupción, que supón unha falta de respecto cara esta nación chamada Galiza.
O 15 de maio de 2022 Galiza viviu un acontecemento histórico. O seu presidente durante máis dunha década decidiu contra das súas promesas abandonar Galiza para probar sorte na política nacional. Ao final, o país ao que se debía resultou ser un trampolín dunha aspiración maior. Galiza éralle ben pequena. Ou facendo nosas as palabras de don Vicente, quizás non puido concibir nada grande. Por ver estará como lle vai en Madrid. Agora ben, se de min dependera daríalle o mesmo consello que no seu día lle deu o señor Cunqueiro a un coñecido: “Fuxe dese Madrí, desa esterqueira goio de cobras e niñal de sapos, apodrecido ventre dunha España que se desfái a anacos!”.
O Hórreo veuse de socato ocupado no sentido literal do termo por un persoeiro ben afastado dos políticos que en chave nacional fixeron do Partido Popular de Galicia a forza maioritaria da nación. Un señorito de Pontevedra que podería ter saído dunha desas caricaturas que Alfonso Daniel facía dos asistentes ao Liceo Casino, un deses que dicía no Uah! Suso Vaamonde que abundaban na Boa Vila.
O monicreque fíxose coa dubidosa honra de converterse no primeiro presidente da Xunta non escollido no senso estrito do termo, e máis aínda se poñemos de manifesto a campaña electoral coa que o señor dos Peares colleitara a súa derradeira vitoria, agochando até ao extremo as siglas do partido, cunha propaganda personalista que nada tiña que envexar ás totalitarias de Corea do Norte, Venezuela ou Cuba, por poñer algúns exemplos.
Resulta que o este home tiña tamén unha foto comprometida, coma a do seu xefe, de cachondeo co narcotraficante Marcial Dorado, que encheu as nosas ribeiras de droga, mortos e familias tronzadas. O novo presidente, ben radical, non dubidou en pórse á fronte da noxenta manifestación antigalega do 8 de febreiro de 2009 en contra da nosa lingua. Nin Feijóo se atrevera a tanto, que fuxira deliberadamente dos focos alí presentes.
As cousas non mudaron nin un pouco e senón que llo digan a Saraibas… Que como é a vida, xa coñecían hai décadas a homes como Rueda. “O falar galego non é que lles naza, é lles convén para buscar os votos de quen os mantén, e así que conseguen o que eles querían, esqueceulles todo o que prometían.”
A cuestión é que este señor non tivo vergoña de dicir publicamente o 17 de maio de 2022 ante os micrófonos da Cadena COPE que a chegada do inmoral rateiro “Poñía a Galiza no mapa.” E que ese caco, babeco apaiolado que viña de fuxir da xustiza refuxiado nunha repugnante teocracia machista “era unha fantástica noticia para nós”.
É desacougante até o extremo ver a esta inmensa nación liderada por unha persoa que non se avergoña de dicir tamaña imbecilidade. Habería que lembrarlle ao noso amigo que está á fronte dun gran reino chamado Galiza. Un reino que chegou a dominar toda a Península coa capital sagrada do catolicismo, unha cultura universal e unha identidade propia, inmanente e imorrente. Un país que navegou polos bárbaros mares do norte, conquistou a illa esmeralda, despregou unha resistencia fera contra os romanos, conformouse como o primeiro reino do mundo, mesturou paganismo e cristianismo, foi elixido polo apóstolo para descansar eternamente, afastou a invasión musulmá, loitou contra os viquingos e acolleu peregrinos chegados dos confíns do universo.
É intolerable aturar declaracións dun boubexo desbotando todo polo que os nosos devanceiros morreron. É de ser un irrespectuoso coa túa historia, o teu pobo e a túa nación faltar á dignidade desta terra que tan grande te queda, ao dicir que ese indesexable pon a Galiza no mapa. Non señor. A Galiza puxérona no mapa os ósos hoxe enterrados e esquecidos nos campos de batalla. A grandeza dos que por nós loitaron e aqueles que deron até a súa vida pola nosa supervivencia. Será no SEU mapa. No seu mapa de restoballo con cheiro a xofre.
Esta emética reflexión fixo lembrarme dun artigo hai tempo publicado no diario ABC que amosaba quen eran os “Españois máis pesquisados por provincia na Wikipedia”. Na Galiza o cortello compoñíano Franco pola Coruña, Fraga por Lugo, Rajoy por Pontevedra e Feijóo por Ourense.
Alí parecía que ía morrer o conto até que a alguén se lle ocorreu procurar cales eran os primeiros persoeiros coa sutil diferenza de empregar a Wikipedia en galego, é dicir, a nosa. Pois ben, alá van os resultados: Rosalía pola Coruña, Fernández del Riego por Lugo, Paz Andrade por Pontevedra e Vicente Risco por Ourense.
Resulta que aquilo que publicara o ABC era logo como nos vían os españois fronte a como nos vemos nós. O seu mapa fronte o noso. A súa Galiza fronte a nosa. A súa desvergoña fronte a nosa dignidade.
Señor Rueda, non é vostede máis que unha anécdota do seu mapa. Cando ninguén lembre o seu nome, os nosos seguirán alumeando o destino desta nación inmortal. E cando a imparábel forza da historia lle pase por enriba, talvez, e con sorte, atope un oco coma servinte dese seu fracasado señor que nada ten que ver con nós.
Imaxe que ilustra o artigo: “8F del 2009: la otra foto ‘ultra’ que evitó Feijóo (pero Rueda, no)”. Info Libre.