A UE recorta fondos clave para Galicia mentres despreza a súa lingua. Que significa ser europeo desde unha ollada galega e crítica?
Referencia da imaxe: Voz de Galicia
Vostede séntese máis galego, español ou europeo? Que é ser europeo? Europa existe? Somos europeos ou da Unión Europea? Podo ser europeo se o meu idioma non importa? Se é un simple estorbo? Nota mental: si, sei que os reintegracionistas van criticar esta pregunta porque o portugués/galego-portugués/galego internacional/como nos preste chamarlle é un idioma oficial da UE. A Unión é reformable ou é un niño de vespas velutinas dirixido por unha alemana con cara de poucos amigos?
Esta semana presentouse a nova proposta do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, un proxecto que chega cargado de polémica porque implica un recorte de dimensións épicas para o noso sector primario. O machadazo ao orzamento de pesca, que se reduce nun 67%, contrasta co comprometido por Núñez Feijóo durante a campaña das eleccións europeas, aquelas nas que Ursula Von der Leyen se deixou agarimar por carne ao caldeiro nunha carballeira galega. Se a cabeza non me comeza aínda a fallar, o expresidente da Xunta de Galicia comprometeuse a conseguir a creación dunha comisaría de Pesca –o cal si se fixo–, traballar por un español nese cargo –o cal non foi realidade– e a non apoiar á lider europea se esta non era beneficiosa para o Estado español e para Galicia.
Á vista queda que o executivo comunitario vive centrado nas súas guerras e rearmes –que poden ser admisibles e lóxicos sempre e cando non afecten ao noso estado do benestar e ao apoio á nosa xente–. Porén, é evidente que un recorte do 67% nos fondos para a pesca ou unha tesoira para os fondos da PAC, que cambian incluso a estrutura destas axudas, é un agravio cara aos nosos sectores produtivos que non son, en absoluto, permisibles. O dano que estas decisións infrinxen ao primario é notable e, como galegos, non debemos permanecer impasibles.
Catro galegos ostentan a nosa representación no Parlamento Europeo. Dous populares, unha nacionalista e un socialista. Tres deles forman parte dos partidos que sustentan o goberno. Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez Lázara e Nicolas González Casares. Os dous últimos, lalinenses. Concello que, evidentemente, se vería moi afectado debido a que o sector gandeiro representa unha fonte de ingresos moi substancial. De teren valentía política, honradez e dignidade, quer abandonarían o Parlamento Europeo, quer deixarían de soster o goberno no que está a española e socialista Teresa Ribera.
En ocasións, pregúntome se a Unión é reformable. Se algún día chegará a representarme. Esta mesma semana, o president da Generalitat e o Lehendakari solicitaron que o galego, o catalán e o euskera sexan idiomas oficiais comunitarios. Rueda declinou participar da petición. Os 27 teñen o poder de facer que nos sintamos máis europeos. Xa botaron abaixo a idea de que as linguas de España estean na UE. Teñen oportunidades abondas de redimirse. Se non, seremos un chisco menos europeos.
Nun contexto no que medran os movementos antieuropeos, non queda máis remedio que se adaptar e apostar por integrar. Para que todos sexamos cidadáns iguais en dereitos –e obrigas–. Pero, para iso, cómpre abandonar a política de atacar o cerne da Unión, de danar a nosa economía con medidas claramente lesivas. Aí estariamos moitas e moitos de nós. O contrario empúrranos a un debate que, sen dúbida, non levará a UE a un porto amable.





