Galicia pode ser adulta

Galicia vota o 18 de febreiro, haberá moitas papeletas, mais o que realmente decidimos xuntos é se Galicia segue a ser a nena da morriña, ou a muller da afouteza. Imos alá.

 

Preguntábase Charles de Gaulle sobre a súa capacidade para gobernar unha nación: -“como pode gobernar alguén unha nación que ten douscentos corenta e seis tipos diferentes de queixos?”. Abofé que en Galicia este lácteo non acada as cifras dos nosos irmáns galos, mais o certo é que, se ben non andamos mal de queixos, debe haber cando menos outras duascentas corenta e seis formas diferentes de entendermos o país. O importante porén é que, a pesar disto, todos nos sentimos galegos e temos unha idea de Galicia que defender e expresar no mundo.

Historicamente os galegos nunca tivemos un problema con iso que deron en chamar “a identidade”. Sabemos o que somos e en certa medida tamén temos una ideación máis ou menos clara do que fomos, ou matizando: do que colectivamente imaxinamos que fomos, que para o caso é o que ten efectos culturais no día a día.

A cuestión complícase se a calquera dos nosos paisanos lle preguntamos pola contra o que queremos ser no futuro. Se cadra, todos temos una resposta que dar no terreo da nosa individualidade, da nosa familia, da nosa aldea ou da nosa parroquia. Todos somos quen de saber que queremos mudar para o ano: queremos mercar un coche híbrido enchufábel, voar até Roma, prestarlle algo de cartos aos fillos ou facer una boa paparotada para celebrar o aniversario de voda dos avós. Nalgures terán moi claro tamén que para as festas patronais da aldea queren traer ao Combo Dominicano ou Pili Pampín, artistas ocupadísimos ultimamente. Outros, en cambio, quererán arranxar o tellado da igrexa parroquial ou que o concello lles acondicione un local social para os veciños da parroquia. Os máis espelidos terán moi claro mesmo que non queren deixar de ter pediatra na comarca, ou que non lle pechen o grupo escolar do Concello; se cadra entre eses até atopamos algún alcalde e todo!

A conta é que os galegos temos una cultura política do “noso”, do que nos cadra preto, do que nos doe, do que vemos. Somos combativos, somos críticos, implicados, espertos e solidarios. Á hora de responder a pregunta sobre que queremos ser no futuro, o problema devén de que, até o de agora, entendemos que Galicia é moi grande, como dicía Vicente Risco. É realmente grande para nos andar a meter neses fregados dos que, como tantas veces teredes ouvido, “nós non che sabemos nada”. A nosa cultura política é fundamentalmente parroquial, mesmo agora nos tempos da nova Galicia “urbanizada”, na que xa están xurdindo apóstolos da Galicia hemipléxica que condenan a metade oriental do país ao ostracismo.

Nesas nosas enormísimas cidades de Vigo e A Coruña, a nosa cultura política é fundamentalmente parroquial. Como, se non, se explicaría a peculiaridade política dos equipos humanos que a gobernan? Como explicaríamos a enxebreza viguesa de Caballero ou o coruñesismo light de Inés Rey, liderados parroquiais da diocese que agora goberna dende Lucus Augusti o Bispo Besteiro? De igual xeito a parroquialidade da nosa cultura política atinxe Ourense, onde Jácome goberna dende un partido municipalista, exaltando a cultura da verbena que outrora fora provincialmente a cultura do trombón. A Galicia das cidades non é, pois, substancialmente distinta a Galicia das aldeas. Non é, desta maneira, o noso xeito de enfrontarnos a Política, máis atrasado que ningún outro carpetovetónico ou europeu, e, por suposto, non é o noso pobo menos culto politicamente. O que temos por diante agora son un par de días nos que Galicia vai a decidir o que quere ser de maior.

Se os galegos amencemos a vida política autónoma no 1981 con apouvigado interese polo que acontecía, ou se cadra con escéptica curiosidade, tivemos unha infancia autonómica complicada entre mocións de censura e tripartitos inestábeis. Despois pasamos unha longa adolescencia de 16 anos na que a nosa personalidade se foi afirmando no cultural pero non, cando menos de todo, no político. Cursamos a nosa carreira de catro anos escasos, logo da dolorosa enfermidade do Prestige, e cando estabamos listos para dar o salto a idade adulta, a nosa Galicia, espelida e moza, aínda inexperta pero afouta, deu cos fociños na realidade na que dan miles de mozos galegos cada ano: o desemprego, a inacción e a falta de política que nos permita ser adultos exercentes. A Galicia de Feijóo, se a quixésemos definir nun só adxectivo, é hoxe unha Galicia insuficiente, unha Galicia que está na mellor etapa da súa vida, que o ten todo. Pobo, recursos, cultura, intelixencia e enerxía para ser adulta, mais cuns titores que lle negan a súa posibilidade de emanciparse e tomar o temón da súa vida.

O 18 de febreiro Galicia non decide entre esquerdas e dereitas. Iso sería moi sinxelo se de facto tivésemos dous ou tres ou catro proxectos de país para o futuro, que é tanto como dar respostas á pregunta que faciamos antes: -que queremos ser no futuro? Con certeza que, para poder responder, antes debemos dar un paso decisivo ante Madrid, onde se decide todo o que nos afecta a día de hoxe. Tamén ante Europa e os nosos irmáns de Portugal, cuxa existencia adulta, non subsidiada a Madrid, depende tanto como a nosa de que se prioricen todas as conexións entre o Norte portugués e Galicia, fronte as pretendidas por Ayuso para con Lisboa. Temos que explicarlles a todos eles que, sen marchar a ningures e sen rachar con nada nin con ninguén, os galegos queremos ser adultos.

Cómprenos camiñar cara aí, precisamos xerar neste recanto marabilloso da Iberia, un recuncho de oportunidades, conectados co mundo, con todo o mundo, produtivos e especializados. Precisamos unha economía que aproveite o que temos e transforme e deixe aquí o valor engadido, precisamos que todo isto se faga de maneira vertebrada, mellorando as conexións das nosas cidades e vilas coas contornas comarcais. Precisamos atraer poboación cara a Galicia oriental que algúns contemplan como unha sorte de “Salvaxe Oriente Galego” ao que primeiro extinguir demograficamente para logo inzar de parques eólicos promovidos por grandes grupos empresariais con romances perpetuos coas elites madrileñas. Precisamos un sistema social que nos permita que o talento galego fique aquí, e que o que marche fóra sexa porque queira e non porque non lle queda outra. Precisamos prestixiar a nosa cultura, que para alén do escepticismo da nosa clase política sucursalista, trunfa entre a xente moza dentro e fora dos lindeiros de Galicia. Precisamos mudar o chip e deixar de concibir a Galicia como un proxecto de homoxeneidade territorial, social e cultural no cal hai unha contradición insalvábel entre o eixo Atlántico e o resto do país. Ningún país do mundo é social, demográfica, xeográfica e económicamente uniforme, mais si temos a obriga de facer que o sistema arterial e venoso das comunicacións, das políticas públicas, da inversión e das infraestruturas chegue a aqueles membros e órganos do país que máis o precisan. O que aquí lles propoño é unha idea adulta e integral de Galicia, nun país tan diverso, plural e grande como o noso ensarillado sistema de parroquias, que deixaron en nós unha forma de entender a política.

Galicia vota o 18 de febreiro, haberá moitas papeletas, mais o que realmente decidimos xuntos é se segue a ser a nena da morriña, ou a muller da afouteza. Imos alá.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad