Temos un espazo entre as imaxes coas que nos achegamos á Galiza e as experiencias que buscan representar. Como se traslada isto á lingua? Como facemos que esta distancia non nos desenfoque?
Primeira entrega da serie “A lingua que fala unha pedra ao cantar” realizada por Bregoán Xague no marco da colaboración entre O Ferrado e O espazo cultural Cantam808 co gallo da súa exposición “Fun abalar a pedra que está no medio do mar” na Galleri Mejan de Estocolmo entre o 24 de marzo e o 2 de abril de 2023.
Hai un buraco entre o galego que eu falo e o que lle escoitei aos meus pais na casa. Penso que emerxeu cando decidín empregar este idioma en vez do castelán nun contexto de diglosia. Houbo unha distancia forzada que me fixo relacionarme coa miña língua dende unha posición que constantemente a desnaturalizaba. Non son soamente galegofalante, son ademais neofalante; tiven que aprender de novo, tiven que tomar a decisión de falar un idioma subalterno.
Nese proceso descubrín que unha cultura minorizada como a nosa sobrevive sexa vista ou non. Resiste a través de xestos, de articulacións e de fragmentos que son transmitidos dun xeito fluido na periferia. Alí poden ser recollidos para entender mellor un sentimento de pertenza que, pese a ser primeiro perseguido e logo distorsionado, nunca desapareceu. A língua non morre, falásemola meus amigos e mais eu ou non.
Entón intentei reducir esa distancia coa que crecín. Quixen reclamar un vencello con aquilo que eu pensaba que era galego. Na miña práctica apoieime en obras colectivas que foron previas a min, que son unha parte en si mesma das aldeas de miña nai e de meu pai, coma se fosen unha pedra ou unha fonte. Cancións populares, tradicións ou obxectos na paisaxe. Mais alí topeime con outro buraco entre esas expresións galegas e as representacións que eu tiña a man para achegarme a elas de novo. Un espazo que ben poderia estar tamén na lembranza de escoitar a un ser querido empregando unha palabra que eu non entendía, ou no esforzo de pasar a falar galego cos amigos cos que antes só falaba en castelán.
Onde agardaba ter algo fixo sobre o que apoiarme -unha identidade cultural que repetir- atopeime con algo máis continxente, que está sendo constantemente roto e reconstruído; que máis ca unha imaxe é un evento. Vin a miña propia posición exposta por ese descubrimento e, asumindo esa vulnerabilidade, pensei: E se miro dentro do buraco?
Redes sociais de Breogán Xague e da revista cultural Cantam808: