O Ferrado ten, dende hoxe, unha nova identidade gráfica made by Pepe Barro. Agardamos que vos mole a historia que hai detrás. E os novos logos, claro.
Laura, a parella do noso presidente Paulo Deus, foi quen deseñou o primeiro logo do Ferrado. E o que ata hoxe mesmo tivemos. Fixéronlle falta pouco máis de 20 minutos en Power Point para facer unha cousa que, para ser honestos, está ben guapa. Regalounos un logo chulísimo digno dunha verdadeira deseñadora. Aquel ferrado negro pasará á historia como o primeiro logo da revista e os colantes que quedarán por todos os recantos do país terán un valor especial.
Laura, Laura, Laaaaura!!!!
Nestes dous anos O Ferrado medrou unha chea. Humildemente, penso que nos fixemos un oquiño no panorama sociocultural galego. Por natureza, este crecemento debía vir da man dunha profesionalización da plataforma. Dado o nivel acadado e o agravio comparativo co resto da “competencia”, necesitabamos ter unha nova identidade gráfica.
Nin curtos nin preguiceiros, fómoslle pedir orzamento ao máximo expoñente do deseño gráfico galego. Así, by the face. Pedímosllo a Pepe Barro. Todos coñeceredes a Pepe Barro. O gran Pepe Barro. E quen non o coñeza, coñecerá os seus deseños. Ide e procurade “Deseños Pepe Barro” en Google.
Tras explicarlle a idea por e-mail, pedímoslle un orzamento a Pepe. Que medo. Tendo en conta que Pepe fixo algúns dos deseños gráficos máis sinalados das máis grandes institucións políticas, empresariais e culturais do País, eu xa contaba con comer arroz branco todo o mes.
De primeiras non sabiamos se Pepe se ía enrollar. Andaría, e andaba, a mil cousas. Pero había que tentalo. Nos e-mail, tanto para mostrarlle a nosa fonda admiración como para caerlle ben, todo sexa dito, Pablo dicíalle o que pensabamos del:
-“Todos nós somos admiradores do teu traballo, considerámoste o máximo expoñente do deseño gráfico nacional e queremos facer todos os esforzos para termos un novo logotipo da túa autoría” – escribiulle.
Tanto é así que Pepe nos dixo que non sabería, dadas as expectativas, se ía a estar á altura:
-“Poñedes as espectativas moi altas, xa me dá vertixe o poder acadar algo que vos guste”.
Cando Pablo nos leu a resposta de Pepe chegamos a chorar da risa. É certo que nos puxeramos un pouco intensos. Pero, bromas á parte, todos e cada un de nós sentiamos enorme admiración por Pepe e non queriamos andar aos favores.
Porén, e deixándolle claro a Pepe que a opción do “non” era tan factible como comprensible, tivemos que ir si ou si coa verdade por diante: o Consello Editorial do Ferrado somos catro chaíñas e o único que facemos é palmar tempo e cartos en cantidades sinaladas por unha causa que cremos xusta.
Pero Pepe entendeu a nosa situación. E enrollouse. Mandounos un orzamento chulo e nós aceptámolo. Ademais diso, Pepe axudounos enormemente en todo. Flexibilizou o proceso. Mantivo unha comunicación fluída e constante connosco. Intercambiamos cincuenta e cinco e-mails, cincuenta e cinco!, e dúas videochamadas. Interesouse polo noso proxecto enormemente. Mandounos o logo do web e, de agasallo, todos os cabezallos e imaxes de perfil para todas as redes sociais. Aconsellounos e asesorounos en todo o proceso. Deunos incluso certas recomendacións alén do puramente gráfico. Foi crítico e honesto. Díxonos que o logo actual, co ferrado negro, tiña un problema: pareciamos unha revista de intereses agrícolas. Ou polo menos el así o pensara cando nos atopara meses atrás. Concordamos. Canda esta valoración, durante o proceso creativo conxunto, tamén naceu o novo lema do Ferrado, “Máis que ler”:
-“Moi acaído ás vosas intencións, porque indica que a publicación tenta ir máis alá, que ten outras ‘intencións’, alén das puramente informativas”- dicía o Pepe.
Hoxe sabemos que non puidemos ter escollido mellor.
Coa axuda dalgúns benditos colaboradores do Ferrado e grazas á flexibilidade que nos deu Pepe, conseguimos xuntar os cartos. Pepe xa parecía un máis de nós. Maxinamos o novo logotipo formando algún día parte dunha futura exposición da “Galicia deseñada” ou plasmado na portada do manifesto galeguista que algún día escribiremos. Que ben todo.
“Bueno rapaces, cando lle pasamos a pasta a Pepowski?” – preguntou un día Pablo nunha reunión.
Pepowski. Así bautizamos naquela reunión a Pepe Barro, o noso novo colaborador. Pepowski. O Ferrado parecemos xente seria e comprometida, pero entre bambalinas somos uns mofados.
E así foi como Pepe Barro remou canda nós para seguir dignificando o país. Pepowski, ademais dunha lenda no seu, é un tipo caralludo. E un patriota. Que nunca falten na Terra os bos e xenerosos coma el.
Esta aventura comezou o 29 de xuño de 2023, e a partir de xa, case un ano despois, O Ferrado terá os seguintes logos:
E velaquí a explicación da man do propio Pepe:
Máis unha vez, o noso infindo agradecemento e unha fonda aperta ao mestre Pepe Barro, que xa é parte da historia do Ferrado.
E, por suposto, infindos agradecementos aos colaboradores habituais da revista que colaboraron economicamente coa nova identidade gráfica. Como non. Témosvos a todos e todas nun altar. Grazas de corazón.