Sobre a deriva dereitista do Ferrado

Logo de que O Ferrado publicara un artigo de Daniel Chapela, coordinador de cultura do PPdeG, os hooligans da política acusáronnos de “deriva dereitista” e de ser o “órgano rexionalista do Partido Popular”.

Os borregos seguidistas que nunca moveron un dedo por esta patria veñen a darnos leccións do que facemos. Os mesmos que calaron e desprezaron o noso proxecto. Leccións de galeguismo non recibimos de ninguén.

Seguiremos investindo os nosos cartos e tempo nesta radical idea da pluralidade. Ceibes de opinar o que sexa, de criticar a quen sexa e de sermos nós os únicos guieiros dos nosos pensamentos. Co único horizonte de termos un medio de comunicación representativo das dúas millóns setecentas mil Galicias que existen.

Imaxe que ilustra o artigo: O Ferrado na manifestación do 24 de xullo de 2023 previa ao Día da Patria Galega.
Foto de Gabriela Prada para Galiza Contrainfo.

 

Fíxenme galeguista a través da música. Cando de pequeno comecei a escoitar Fuxan os Ventos, Miro Casabella, A Quenlla, A Roda, Os Rosales, Ana Kiro, Juan Pardo e tantos outros, latexaba un inexplicábel amor á terra no meu ser. O son da gaita sempre me atraeu, hiptonizábame como as cobras que bailan ao son do pungi tocado polos encantadores de serpes. Meu pai aínda lembra como desde ben pequeno lle pedía aprender a tocar e, hoxe, vinte e moitos anos despois, podo dicir orgulloso que son e serei gaiteiro polo resto da miña vida, coa responsabilidade que iso implica e que tan ben me ensinou o meu mestre Xan. Porque ser gaiteiro non é ser músico, senón tamén bardo e salvagarda da tradición cultural da nosa nación. 

Nunca militei en organización política ningunha. Ofrecementos non faltaron, de todo o espectro ideolóxico, pero si a vontade pola miña banda de converterme nunha persoa sibilina e seguidista. Non hai cousa que menos soporte que acatar o que digan outros, sen liberdade de pensamento. Por respecto a min mesmo, nunca quixen formar parte do xogo político. Non acato máis vontade que a miña mesma e non teño a ambición necesaria que se precisa na política para traizoar os meus ideais e honestidade. Na universidade aprendín que as persoas máis válidas non están na política, e que alí soamente medran aqueles que renuncian ao criterio propio e á conciencia. Os inválidos intelectuais que máis anos pasan adulando o xefe sen facerlle sombra ou os formados que venderon a súa integridade ao cinismo, a mentira e o engano que se precisa para facer política. O que resta, as excepcións que confirman a regra.

Eu non estaba disposto a nada diso, a miña independencia como persoa, en pensamento e acción, é a prenda da que máis fachendoso me sinto e, por iso, sempre me refuxiei no activismo cultural. Nada faría por ninguén, todo por Galicia. Por ninguén traizoaría os meus valores, pero á Terra consagraríalle os esforzos da miña vida. Foron pasando os anos e, con eles, o traballo silandeiro. Os grupos de normalización lingüística do instituto, o traballo de campo na Terra de Montes para preservar o patrimonio inmaterial antropolóxico que culminou coa publicación da novela Alén (2020) e, finalmente, a fundación da Revista Cultural O Ferrado no ano 2021. 

Na Boa Vila o destino tivo a ben xuntarme cun grupo de amizades preocupadas polo porvir da nosa terra. Eramos unha cuadrilla excepcional. Historiadores, físicos, matemáticos, enxeñeiros aeroespaciais, economistas, internacionalistas, labregos e traballadores manuais. De esquerdas, de dereitas, comunistas, nacionalistas, conservadores e anarquistas, cinguidos polo amor a Galicia, a súa lingua e cultura. As noites de bacharelato en Pontevedra remataban con longas parolas sobre o futuro que se aproximaba. Algúns abocábanse á emigración, outros ficaban no país. E discutíamos durante horas na porta dos pub sobre como nos gustaría que fose o recanto atlántico no que nacéramos. As oportunidades que tiñamos que procurar alén da terra e o potencial que tiñamos como pobo. Desde o IES Sánchez Cantón de Pontevedra, logo de innúmeras accións de activismo, decidimos dar comezo a unha idea que xermolou como un manifesto que tiña por obxectivo deixar constancia, para ninguén máis que para nós, da idea de país que compartiamos. Inspirados pola forza creadora e vangardista de Manuel Antonio, que coa nosa mesma idade nos ensinou a ir máis alá en cada relanzo do camiño. Así, demos comezo, logo de anos de traballo cultural de rúa, ao que despois se converteu na Revista Cultural O Ferrado que hoxe ledes e que teño a honra de presidir. 

Coa forza da adolescencia, devecendo por loitar pola miña terra, lémbrome da envexa que sentía polo pobo vasco e catalán. Eran os anos máis puxantes do procés e enfadábame co noso país por conformista. No meu tempo universitario en Madrid, enfurecíame cando os profesores se esquecían de citar Galicia falando dos nacionalismos periféricos do Estado, logo de citar Euskadi e Cataluña. Fervíame o sangue lendo España Invertebrada de Ortega y Gasset, cando o autor desprezaba Galicia, respecto do biscaitarrismo e catalanismo, pola súa resignación ao deixarse pisotear, a pesar de ser a nación con máis dereito a súa autodeterminación por cuestións históricas. Faláballe a todo o mundo do noso feito diferencial e amosáballe aos meus compañeiros de universidade os lipdub pola independencia de Vigo e Compostela, así como as imaxes do Día da Patria para reclamar aquilo polo que tanto loitaba, o recoñecemento de Galicia como unha nación diferenciada con dereito a recuperar a escrita propia nos vieiros da historia. 

Aínda agora pido perdón a nosa terra nai por sentir vergonza daquilo. Hoxe entendo que precisamente a nosa universalidade e riqueza cultural reside no respecto mutuo que nos profesamos e dou grazas a Deus por ter a sorte de crecer nun lugar onde, independentemente da liña ideolóxica que tivesen, os meus amigos fósemos inseparábeis; que a nosa lingua, lonxe de ser unha arma política, fose un tesouro a preservar recoñecido por todos e que en todas as familias houbese un tío do BNG e un avó do PPdeG. Que nas amizades fose imposíbel non ter un bloqueiro ou un pepeiro e que iso non significase absolutamente nada. E que aínda que gobernase o PPdeG, o galeguismo do outro bando ía estar presente tamén nos actos institucionais, nas programacións culturais e nas festas. Porque este país é unha familia por enriba das ideoloxías. E iso, logo dunha historia de constantes guerras, é o máis fermoso que temos e a riqueza máis importante a preservar. 

De vagar funme afastando do radicalismo da adolescencia e a carraxe que me daba ver unha bandeira de España no casco vello da miña vila deu paso a sentir agradecemento por ter nacido en España, aínda que eu me considerase galego por enriba de todo. Lémbrome dun exemplo práctico en Pontevedra. Cada ano iamos desde a alameda en Montero Ríos até Lourizán a protestar contra a papeleira ENCE e a fábrica ELNOSA pola contaminación da ría logo dunha instalación criminal durante o franquismo na praia de Pontevedra, nos Praceres. Houbo un ano onde, ao chegar, os manifestantes comezaron a insultar os traballadores da celulosa que dentro do recinto se atopaban. Xactábanse dos operarios, que miraban con desleigo, e rían con expresións sociópatas daquelas persoas que ían perder os seus postos de traballo, sen saber que talvez os obreiros que estaban detrás do enreixado eran tamén galeguistas coma eles, que tiñan que levar o pan a casa. Eu estaba en contra de ENCE, non en contra dos meus viciños. E non volvín. Non me gustou aquilo. Como dixen ao comezo, ninguén rexe os meus pensamentos, e aquel hooliganismo non representaba o meu sentir. 

É precisamente ese comportamento ultra, propio da política, o que me levou a escribir o artigo de hoxe. Cando comecei a aventura do Ferrado cos meus amigos, o único móbil que tiñamos era o de representar a visión nacional que compartiamos, co obxectivo de converternos nun altofalante da mocidade galeguista, de calquera signo, para plasmar o país no que nos gustaría vivir. Decidimos chamalo O Ferrado precisamente por iso. A nosa plataforma había necesariamente de ser plural, apartidista e representante holística de Galicia, igual que o trebello, que medía diferente en cada un dos 313 concellos do país. 

Durante os últimos tres anos, todos e todas os que conformamos O Ferrado levamos investido non só o noso tempo e esforzo, senón tamén os nosos cartos. O diñeiro que gañamos traballando, moitas veces desde a emigración, coma no meu caso, desde Zürich (Suíza), para sacar adiante un proxecto a prol da nosa terra e cultura. Sen axuda de ninguén, sen ter recibido un só céntimo. Pagando relixiosamente ao creador da web, o dominio .gal (moito máis caro que .es, .com, .org ou .net, pero que quixemos manter por cuestión ideolóxica), os materiais e viaxes necesarias para o noso contido, as accións da revista e un infindo etcétera. Chegar de traballar para seguir facéndoo na revista, co único horizonte de termos un medio de comunicación representativo das dúas millóns setecentas mil Galicias que existen. 

E aínda, a pesar de todo, non podemos estar máis orgullosos. Máis de 30,000 visitas ao ano, un crecemento exponencial abraiante e un recoñecemento amplo no galeguismo, convertendo esta humilde plataforma nunha referencia a ter cada vez máis en conta. Por iso moléstame especialmente cando os borregos seguidistas, os ultras da política, os hooligans dos partidos, que nunca moveron un dedo por esta patria, veñen a darnos leccións do que facemos. Leccións de galeguismo eu non recibo de ninguén. 

Os hooligans da política acúsannos hoxe de deriva dereitista. É curioso que despois de máis de cen artigos, onde probabelmente arredor de 60 se encadren na esquerda patriota arredista, en normativa AGAL, AEG e RAG-ILG, ninguén se manifestase ao noso favor; mais agora, logo de tres artigos do Coordinador de Cultura do PPdeG, eses mesmos que calaron, nos acusen de ser o voceiro do Partido Popular. 

De feito minto, non é que non calasen, senón que botaron unha man, pero unha man ao pescozo. Despois de innúmeros artigos a favor do Bloque Nacionalista Galego (BNG) por parte de membros do Consello Editorial, que por certo está composto nun 50% por independentistas, militantes en organizacións de base tales como a Mocidade pola Independencia (MpI). Despois de entrevistas con Ana Pontón e Ana Miranda ou mesmo artigos pedindo o voto ao BNG nas derradeiras eleccións autonómicas de 2024 (asinado por un servidor), ninguén do Bloque axudou a promocionar o noso proxecto. Máis ben todo o contrario. Presentámonos con ilusión aos Premios Provinciais á Xuventude outorgados pola Deputación de Pontevedra, gobernada daquela polo PSdeG e o BNG, coa idea de poder recibir unha ínfima axuda para pular o proxecto; mais recibimos unha patada. Non consideraron O Ferrado, outorgaron o primeiro premio a unha proposta en castelán e mesmo a nosa foi a única categoría na que quedou deserto o terceiro premio. Nin 200 míseros euros nos deron, que nos terían liberado dunha gran carga. 

Ou recentemente, a exclusión por parte de Galiza Nova, esas bases do Bloque lideradas polo enchufismo dos fillos dos concelleiros, excluíndo O Ferrado dunha parola entre revistas culturais galeguistas, obviando as 30,000 persoas que nos len e invitando (ben feito) organizacións con menos de 30 seguidores. 

Eu non teño que esconderme porque son ceibe. E non teño porque ocultar que nas últimas eleccións autonómicas votei polo BNG. Igual que non teño problema en dicir que nas eleccións europeas votei ao Partido Galego, liderado por persoas que militaron durante décadas na UPG e co que colaborei desde unha liña cultural no programa das eleccións. 

Non votei ao BNG porque non me dá medo dicir que non quero un partido galego falando de Palestina senón de Galicia. Non gusto das etiquetas, pero hai algunhas que non teño medo de poñerme. Creo nos valores cristiáns e no nacionalismo. Non defendo a globalización porque considero atenta contra a nosa identidade. E eu non me identifico con causas como a palestina, que non responden aos intereses da Nación Galega, senón a posturas internacionalistas. Eu son realpolitik e, como nacionalista, pragmático e egoísta. Quero o mellor para a miña terra e esa é Galicia, non Palestina. Creo na posibilidade de facer alianzas até co demo, porque a fin xustifica os medios na política. E se non, que lles pregunten aos vascos polas súas negociacións co Estado, sacando ouro e poñendo a súa nación por enriba das ideoloxías. Ou aos cataláns, que agora teñen en Israel un aliado potentísimo para defender a súa causa nacional.

Non teño medo a dicir que o Día da Patria é o meu favorito do ano e que non perdín un desde que con quince anos fun por primeira vez nun autobús desde Pontevedra, inzado coa brisa mariña das Rías Baixas a berrarlle ao mundo que aquí hai un pobo na procura do seu destino. 

O curioso é que a xente do Bloque que pasou de nós durante os últimos tres anos de traballo é a mesma que se escandaliza de que hoxe dous rapaces do PPdeG, a pesar dos ataques que metimos ao seu partido, decidisen formar parte activa e desinteresada da nosa revista, encamiñando artigos para a súa publicación. E se alguén ten dúbidas, recoméndolle que lea os meus artigos “O SEU mapa vs O NOSO mapa” ou “Aínda que nunca o cheguemos a ver”, onde ataquei o PPdeG con látego e fustriga. Iso non freou persoas como Daniel Chapela ou Gonzalo Lebredo de querer facer parte do debate. 

Por que lle tedes medo ao pluralismo? Que lle debedes aos partidos políticos polos que vos desvivides? É gracioso que as persoas que consideran hoxe O Ferrado un medio de dereitas, polo que sexa, non dixesen nada respecto das accións que levamos a cabo os últimos dous 25 de xullo, despregando faixas cos lemas “Venceremos nós” ou “Na fronte unha estrela”. É gracioso que falen agora dunha deriva, por causa de dous artigos, pero calen e desprecen os outros noventa que sacamos co suor da fronte e os cartos do peto.

É gracioso comprobar que as persoas que nos critican sempre pasaron de nós e nunca encamiñaron un artigo, a pesar de ter ben grande na páxina principal a explicación sobre como publicar no Ferrado, ademais das nosas invitacións a facelo, como medio plural que somos. En cambio, estas mesmas persoas moléstanse porque houbo xente que si quixo participar. Asegúrovos que, se queredes participar do debate e non enturbiar un proxecto que sacamos adiante con ilusión e traballo, aquí tedes un medio aberto e plural encantado de publicar as vosas reflexións. 

O maior orgullo que sinto polo Ferrado é precisamente ese. Que un día os ultras nos tachen de esquerdas e ao seguinte de dereitas. Ladran, sinal de cabalgamos. Seguiremos investindo os nosos cartos e o noso tempo nesta radical idea da pluralidade. E sorrío ao saberme ceibe, ceibe de opinar o que sexa, de criticar a quen sexa e de ser eu o único guieiro dos meus pensamentos. 

Seguirei traballando pola xoia que é vivir nun país cohesionado. Non enfrontado, un país onde, a diferenza doutros como Cataluña e Euskadi, a política é o de menos. Un país que está por enriba das ideas persoais. Esa é a virtude da nosa Galicia, a idea que defenderei. Atoparédesme en fronte daqueles que a queiran destruír. 

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad