Os galegos somos os gardiáns dunha cultura e dunha historia. Ser galegos é a nosa forma de estar no mundo, de sermos distintos e, polo tanto, existentes.
Na imaxe: detalle das pinturas da basílica de San Martiño, os frescos románicos máis antigos de Galicia, recentemente descubertos. San Martiño foi sé de bispos coma San Rosendo (925-942) e San Gonzalo (1070-1106), sé especialmente vencellada ás de Bretoña, Dumio e Mondoñedo.
Pode parecer un título sen sentido, mais eu penso que non o é. Os movementos marxinais, os pensamentos subversivos, as ideas que rompen coa orde establecida e as mulleres e homes da historia que tiveron ideas xeniais, tiveron que ser creativos e espertar. Ante un estímulo social hai lugar para moitas reaccións: indiferenza, dramatismo, estudo e análise, populismo, pasividade, impotencia… Cada persoa ten unha reacción única.
Hoxe en Galicia hai unha realidade social evidente: o idioma galego perde falantes, moitas das nenas e os nenos que nacen no noso país –moi poucos– son alleos á cultura dos seus avós e o noso rural, que é onde máis se conserva a nosa cultura, está camiño de ser un páramo demográfico. A realidade é esta, este é o estímulo, a Galicia que coñeceron tantas xeracións está nun momento chave da súa historia. Agora temos que bosquexar respostas ante isto: o indiferente pon cara de circunstancia e di que é o que hai; o dramático propón facer como naquela noite no monte Medulio, un suicidio colectivo; o intelectualoide establece paralelismos con outras sociedades, elabora unha teoría arredor das causas e das consecuencias de que o país deixe de existir e frota as mans para que citen o seu artigo en revistas de renome; o populista, o celote dos tempos modernos, chama as masas á guerra contra o Estado imperial español… Hai mil reaccións ao problema.
Esta noite estiven vendo a televisión a deshora: teño os horarios mudados e cústame durmir cando toca. Puxen o filme de Des hommes et des dieux (De homes e de deuses), levaba moito tempo sen velo e é un dos meus filmes preferidos. É unha historia real que trata dunha comunidade de monxes trapenses que viven en cooperación co islam no Atlas, en Alxeria. As comunidades cristiás asentadas en territorios musulmáns teñen moi difícil predicarlle á xente para converterse ao cristianismo, mais si poden facer outra cousa: manifestar coa súa vida o que cren e ser luz no medio dun mundo que sofre.
Desde hai anos fálase nos círculos católicos da Opción Benedictina, un libro de Rod Dreher no que se fala de que os cristiáns do século XXI precisan xuntarse entre si, vivir radicalmente o sentido de fuga mundi (ben entendida) e de comunidade para poder manter a súa fe no medio dun mundo no que a fe en Xesús non é numerosa como fora noutrora. El di que, como os cristiáns son menos e xa non son o mainstream, daquela os que hai teñen que xuntarse, compartir, orar xuntos e vivir a súa fe con moita máis intensidade e coñecemento.
Isto levoume a pensar na nosa Galicia. Cada vez somos menos persoas os que vivimos aquí, as proxeccións din que co tempo seremos menos aínda. Mentres, familias doutros lugares veñen aquí encher o oco que deixamos baleiro, traballar e buscar a vida na emigración, algo que os galegos por desgraza sabemos moi ben o que é. Algúns lle botan a culpa de que se fale menos galego e de que se perdan as tradicións a isto, algúns reclaman peches de fronteiras, outros falan de reemigración, “falan os homes falan”, di un poema que sempre me chamou a atención… [1]. Culpas e culpas a todo o que non ten que ver connosco: uns din que a culpa é dos de fóra porque non falan o galego, outros que a culpa é do PP porque non fan nada polo noso e outros bótanlles á culpa aos empresarios por non se implicaren na causa como os vascos e os cataláns, á Igrexa por deixar nun caixón o Concilio Pastoral de Galicia –a propósito, felizmente vexo signos de que se pode rescatar–, ou bótanlles culpas a quen sexa, pero nunca se pensa en que fai un mesmo á parte de laiarse.
Eu penso que o primeiro paso é manifestar que somos galegos. Aqueles venerables monxes trapenses manifestaban a súa fe coa súa vida no medio da adversidade, Dreher fala da necesidade de que os cristiáns se organicen en comunidades de persoas que comparten unhas crenzas e un estilo de vida rodeados dun mundo que non cre. Vénme á mente unha frase fermosa que lles dixo San Paulo aos cristiáns de Roma hai dous mil anos: E con máis razón sabendo o tempo no que vivimos, xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está mais cerca de nós que cando empezamos a crer. A noite vai andada, e o día está a chegar (Rom 13, 11-12).
E nós os galegos non temos unha maneira de vivir, de pensar e de falar que xa é minoritaria? É así, tocounos ser o depósito vivo dun legado en risco. Temos que estarlle agradecidos a Deus por sermos os portadores e os gardiáns dunha cultura e dunha historia. Temos que estar en contacto entre nós; recoller o legado das nosas avoas e os nosos avós, escribilo e publicalo, para o que temos editoriais e institucións ao noso servizo; temos que crear medios de comunicación galegos, non queixarnos de que non existen; temos que ter un sentimento de irmandade entre nós, de tribo que está en perigo.
Temos que superar as actitudes de desesperanza e dramatismo: deixar a noite do Medulio para os libros de historia, Cabanillas e Juan Pardo. Deixar o laio como ideoloxía e ser peregrinos da esperanza, como di Francisco con ocasión do Xubileo que se celebra este ano en Roma e en toda a Igrexa. Debemos manifestar desde A Guarda até Fisterra, desde o meu querido Ribadeo até A Gudiña, nas 3.771 parroquias do noso país, que ser galegos é a nosa maneira de existir no mundo e que queremos seguir sendo diferentes e existentes, o lema do grupo Nós. Espertemos e poñámonos en marcha!
[1] O gato da tasca mariñeira, Bernardino Graña.