Neste tempo de falta de fe cristiá, hai quen substitúe a misa pola celebración litúrxica da manifestación. Compostela serve así de ponte simbólica entre ambos mundos.
Santiago de Compostela, cidade devota de seu, acolle non poucos domingos e certas datas sinaladas unha celebración que, se ben aparentemente ten pouco que ver co cristianismo, en realidade ten bastante de litúrxica, no fin de contas Deus non é máis que un berro na rúa, como xa recoñecera Stephen Dedalus no Ulysses de Joyce. A cerimonia, convertida xa en atracción turística para todos os visitantes que xenerosamente colapsan a parte vella da cidade, recibe non pouca atención dos viandantes, que miran con ollos críticos, solidarios, abraiados, despistados, ignorantes, o decorrer do evento. Se aínda o lector non asistiu nunca a tal espectáculo, aquí vai unha pequena descrición, pois é unha experiencia que hai que vivir, se se ten a oportunidade:
Previo á celebración, arredor das doce do mediodía, os fregueses concéntranse na Alameda da cidade, á sombra do Apóstolo, portando os símbolos e estandartes de cadansúa confraría. Se o lector ten intención de asistir, ten que coñecer as máis importantes, pois hainas moitas e moi variadas, e non todas se levan ben entre si, polo que hai que se fixar ben onde se pon un. Están os nacionalistas, devotos de Xesús o Nazareno, que cargou coa cruz na terra e a través do Atlántico, morreu no calvario do exilio e resucitado ao terceiro día (aínda que do sepulcro saíu 34 anos despois, para rematar noutro aínda máis agochado) vive na cabeza e os corazóns de todos os galegos. Tamén eles, coma o seu mestre, cargan colectivamente a cruz do asoballamento no que vive a súa patria e falan na mesma lingua, o arameo, lingua proletaria do seu pobo.
Temos tamén os socialistas, devotos de San Xudas Tadeo (veña, que desta vai), non poucas veces confundido co Iscariote. Teñen por costume falar en latín, lingua do imperio, culta e útil, aínda que están dispostos a falar en arameo (cando sexa xusto e necesario) e mesmo a recoñecer que é unha lingua que require especial protección.
Adicionalmente, hai tamén algunha confraría menor, ou especialmente devota dalgunha confesión máis concreta. Algunhas delas fan acto de presenza coma quen vai a misa o día grande, por facerse ver, que nunca se sabe. Hainas tamén que van por ver se gañan o ceo, e mesmo hai algunhas que van con moi boa predisposición, malia non se apercibir da misa a metade, mais a meirande parte delas están vencelladas a algunha das maiores.
Por outra banda, está presente a garda pretoriana, chamada polo prefecto e o Sanedrín para controlar a situación, aínda que a celebración decorre normalmente sen maior incidencia. Malia o prefecto non facer acto de presenza, adoita estar bastante presente, xa que a celebración é, normalmente e en parte, na súa honra. Non menos presentes están tamén o César e a súa administración, pois xa se sabe que a catedral compostelá é quen de competir coa basílica de Roma, mais está sometida á súa autoridade.
Unha vez que a freguesía enteira fica reunida en tan sagrado terreo, comeza o percorrido da procesión. Mentres avanzan, os condutores da cerimonia, púlpito en man, pronuncian os pregos e son contestados polos seus devotos confrades. Dependendo do motivo da celebración, os pregos e os responsos van variando. Velaquí algúns exemplos:
- San Xosé Obreiro
Queremos traballar
e non emigrar
Aquí está, aquí se ve
a clase obreira, galega en pé.
- Apóstolo Santiago
Galegos somos, galegos seremos
por españois nunca pasaremos
- San Roque
Coa nosa saúde
non se xoga
Ou privado beneficio
ou público servizo
A procesión vai percorrendo o vieiro habitual, facendo as paradas designadas, coma se dun via crucis se tratar, camiño da praza do Obradoiro, lugar sagrado por excelencia e parada final da procesión.
É neste momento onde se realiza a Santa Misa, derradeiro acto da celebración, na que continúan os pregos pronunciados durante o percorrido, falan os altos cargos das distintas confrarías na homilía, e mesmo intercede a Virxe María (só que rubia en vez de loura) para arengar os fregueses e loar os seus esforzos. Ao remate, os fregueses, contentos co traballo realizado e cansos de tanto pregar, retíranse para repoñeren as forzas, pois a palabra de Deus é cativo alimento e o corpo pide maior substancia.
Pois ben, agora que o lector xa sabe da existencia de tan sagrada cerimonia, non queda máis que instalo a asistir, pois como xa dixen é unha oportunidade que non pode deixar pasar, para alén de ser un exercicio moi bo para manter a saúde da alma, que fica descansada coa ilusión do traballo ben feito e a salvación eterna. Deica a seguinte celebración!