Continuaremos, ou?

As grandes fazañas comezan con pequenos grupos, cunha intelligentsia capaz de interpretar o momento histórico. Os momentos iniciáticos caben nunha fotografía. Nesta Galicia ante unha emerxencia nacional, Daniel Chapela, ex-coordinador de cultura do PPdeG, chama as novas xeracións a asumir a responsabilidade de construír unha forza política sólida, galeguista e conservadora.

Desde aquel intre en que Cuíña puxo o límite do nacionalismo no PPdeG na «fronteira da autodeterminación», foron numerosos os cambios que experimentou o que chamaríamos dereita nacionalista, a cuarta pata do banco que, de feito, non existiu durante a nosa autonomía. Houbo diferentes intentos que sempre remataron en auga de fregar ou, no caso de entidades como CoaGa, absorbidos polo PP. As chamadas a un PNV galego foron numerosas, mais non existiron realmente intentos serios, planificados e con solvencia –entre eles, non achegarse á socialdemocracia– para que esta hipotética forza collese bagaxe e soltura alén de resultados en eleccións municipais.

Hai quen fala, precisamente, de como isto foi un fracaso xeracional –doutras xeracións, na nosa aínda non existiu– e de como Ramón Piñeiro, cando falou do gran mal do individualismo, soubo ler unha das pexas fundamentais para traballar por Galicia. A isto súmase un factor relevante: ao igual que na esquerda, os conservadores nacionalistas discuten polo 10% que os separa, en vez de apostar polo 90% que os une e deixar o resto para máis adiante. Fracasar antes de comezar é un fracaso dobre.

Non obstante, cómpre facer outra lectura da historia. Esta deixou por escrito todos os erros cometidos –confiar en forzas externas, tentar pegar anacos como se se tratase dunha vaixela escachada, non ler a realidade territorial en termos estratéxicos, non planificar e actuar nun ‘tanto ten 30 coma 300’, non procurar os recursos económicos desde o primeiro momento etc.–. A historia dá as claves; a nosa xeración ten as claves.

As grandes tarefas –ou fazañas ao saíren ben– comezaron sempre cun pequeno grupo. Cunhas Irmandades da Fala, cun provincialismo, cunha Xeración Nós etc. Os momentos iniciáticos das decisións transcendentes collen nunha fotografía. Quince ou vinte persoas, ás veces menos. Persoas que souberon ler os momentos, unha intelligentsia que non deixou pasar o tren, a pesar de que este poida pasar, en contados casos, de novo pola estación.

Hoxe en día, unha Galicia interconectada facilita estes proxectos de futuro. As conversas, os encontros. A forza propia. É, se cadra, o gran reto xeracional que temos por diante. Ante unha Galicia que se disolve como o azucre no café con gotas, os tempos, as esperas, non poden ser as de hai un século. Estamos, sen dúbida, ante unha emerxencia nacional. Temos a responsabilidade de mudar as cousas. Tamén o poder. E non hai nada máis poderoso que a ilusión da xente nova. A historia tamén nolo ensinou.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad