De monxas, mariscadoras e dúas Galicias

Nunca se viron tantas monxas e mariscadoras votando o PPdeG. Máis de 700.000. Elas ou… unha esquerda a tratar os votantes de imbéciles. Velaí unhas chaves para lermos a Galicia de hoxe.

 

Afirma George Lakoff, lingüista cognitivista nada sospeitoso de ser conservador, que unha das grandes trampas nas que caen os progresistas é a “trampa do menosprezo”, é dicir, de pensar e afirmar que os votantes da dereita son, simplemente, imbéciles. O colaborador demócrata debulla nun seu Puntos de reflexión. Manual del progresista como esa actitude é a verdadeiramente estúpida e anima a deixar de desdeñar os votantes de dereitas.

Porén, as citas de líderes do PSdeG e do BNG censurando os votantes do PPdeG pódense contar por centos, desde os que aseguraban que “tiña que morrer unha xeración enteira para que non gañe o PP” –esta cita ten máis de 20 anos, esa xeración tristemente xa faleceu e o PPdeG obtivo un punto máis que nesas autonómicas– até os que observan a milleiros de “mariscadoras” de Portomarín, San Xoán de Río, Calvos de Randín e Melide organizándose para ir votar nos comicios do 18 de febreiro, mentres as 226.633 monxas de Moaña se organizan para emitir o sufraxio. José Félix Tezanos, director do Centro de Investigacións Sociolóxicas, optou por, en vez de recoñecer un erro monumental na enquisa do CIS, aludir a unhas hordas organizadas de votantes que non saben o que votan. Nada máis lonxe da realidade!

Outro tema quente durante estes comicios foi a dicotomía entre o urbano e o rural, unha cuestión que foi abordada neste mesmo medio nunha entrevista a Rodri Suárez, autor do libro Galicia reducida. Voces como a del avogan, case sen miramentos, por deixar morrer o rural porque “a despoboación do rural vai acontecer queiramos ou non” e porque nestes momentos “máis da metade da poboación de Galicia vive no Eixo Atlántico”. Esta visión, ademais de simplista, erra o tiro de forma categórica. Boa parte do crecemento que se produciu ao carón deste eixe produciuse, precisamente, pola aposta pública, pola vertebración territorial a través da AP-9, como demostran os datos de múltiples concellos da súa contorna que medraron de forma significativa canda esta infraestrutura. Xa que logo, se xa comprobamos como a aposta das Administracións logra reter e aumentar poboación porque se ofrecen mellores oportunidades, caer nesa trampa é o menos beneficioso para Galicia.

É precisamente ilustrativo como Suárez, quen é asesor da alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, representa co seu discurso –ao que, desde logo, non se lle pode quitar a orixinalidade e valentía– a mostra máis clara do erro que cometen as esquerdas en Galicia. Porque, ao final, mentres a xente do rural ten no PPdeG unha forza política con total implantación no territorio, con referentes e con propostas para eles –este mesmo sábado, a Xunta de Galicia presentou a Rede de Dinamización Cultural no Rural de Galicia–, o discurso das esquerdas volve, outra vez, quedar de costas. Porque, aínda que moitos non o crean, a xente do rural galego ten o mesmo dereito a unha autovía, a unha industria e a unha cultura que un veciño de María Pita. É xustiza e igualdade.

“Cómpre poñer o rural a producir”, din os fillos burgueses das capitais e as renegadas das súas aldeas que só volven a elas como xesto de exotismo ao comezo dunha campaña electoral –a aldea dun Chorente que merece o mesmo respecto que o barrio de Navia, aínda que só sexa empregado como un plató–. O desprezo ao rural e ao que este representa; o discurso no que só importan a circunvalación de Pontevedra, o Estatuto de Capitalidade e o porto de Langosteira. Demandas lexítimas, si. Mais, quizais deberían explicar por que só defenden Stellantis polo emprego e a economía que xera, mentres outras iniciativas como Altri, que axudaría a revitalizar unha zona deprimida, é o eixe do mal en Lugo. A súa postura, un rural galego que por veces se nos escoa entre os dedos. “Eólicos si, pero non así”, din algúns, sen aclarar en ningún caso un punto no que si que os instalarían, porque é moito máis sinxelo non desgustar a ninguén, que ter unha política decidida.

No imaxinario das novas xeracións, criadas nas vilas que medran a carón de guindastres, non hai oco para entender a vida rural. E eles, os netos e fillos do arado, observan como o suco dos bois parte Galicia en dúas. Con todo, como diría Tezanos, sabemos de quen é a culpa: de monxas, mariscadoras e das dúas Galicias.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad