Os montes do país agocharon a Guerrilla Antifranquista Galega, a primeira e máis forte resistencia contra o réxime franquista no Estado Español. O Ferrado presenta esta colección centrada nalgúns dos lugares, feitos e persoeiros máis senlleiros dun dos capítulos máis esquecidos e deturpados da nosa historia. A motriz desta achega histórico-política é: Primeiro, revelar que lonxe de ser submisa e cómplice, a Galiza amosou unha rebeldía afouta. Segundo, honrar a figura daqueles que por uns ideais foron á morte; e terceiro, ter unha voz galega que redescubra o pasado que se nos ocultou.
No ombreiro un fusil e no horizonte un país. A resistencia guerrilleira na Galiza.
A Colección “A Guerrilla Antifranquista Galega” está feita en colaboración coa creadora de contido María Rúa (Prado Rúa) [ 3]. Nesta ligazón tedes a súa producción audiovisual para esta primeira entrega
PREME AQUÍ PARA OLLAR O VIDEO DA PRADO RÚA REFERENTE Á PRIMEIRA ENTREGA DA COLECCIÓN
Nos países europeos ocupados polos réximes nazi e fascista xurdiu unha resistencia. Homes e mulleres, civís e milicianos, que combateron no corazón da súa patria. Persoas que inzaban un ínfimo fío de ar as súas nacións para que aínda continuaran a respirar. Lembrándolle perpetuamente ao inimigo que na súa terra nunca serían benvidos, e que a pesar da situación que atravesaban, algún día vencerían eles. Guerrilleiros coa arma ao ombreiro agochados na espesura do bosque e guerrilleiras do chan que no ocaso da súa vida actuaban de enlaces mantendo acesa a loita. Soldados populares que transcenderon á historia dos seus países como heroes e heroínas inesquecíbeis. A resistencia francesa. Os rebeldes italianos. Os partisanos iugoslavos.
Na Península Ibérica foi a Galiza quen portou o facho da dignidade e os nosos montes os que acolleron aos guerrilleiros da liberdade. Pola contra, a desmemoria dos tempos esqueceu e terxiversou a súa historia, que é a nosa mesma. É de xustiza lembrarnos de todos eles. De recuperar a memoria dos que por uns ideais deron a vida, porque tamén por aí pasa ter un país noso e non doutros. Cómpre contar nós a nosa historia e amosar que mesmo na noite máis pecha houbo un raio de rol. Todo galego sabe que a Galiza foi un dos primeiros lugares en unirse ao Golpe de Estado de 1936, pero poucos que a metros da súa casa se argallou a única resistencia contra o franquismo. Porque coma describiu Castelao, careceremos de vontade ofensiva, pero fomos, somos e seremos incoercíbeis na resistencia. O que segue é unha colección de relatos que temos que contar por tres motivos. O primeiro, engrandecer a nosa historia e revelar que lonxe de sermos submisos e cómplices, a Galiza sempre amosou unha rebeldía afouta e pírrica que ha de ser fachenda nacional. O segundo, honrar a figura daqueles que con extrema xenerosidade e máximo sacrifico foron quen de ir á morte en nome da vida. E o terceiro, ter unha voz galega que como un candil redescubra o pasado que nos roubaron.
Era o ano 1936. Galiza vivía unha era de esplendor incomparábel. Unha xeración de vangarda guiaba ao país cara o seu rexurdimento. Nunca na nosa historia traballaran coetaneamente tantas mentes brillantes a prol da patria. Escritores, políticos e artistas. A inxustiza chegaba o seu fin e a terra resucitaba das súas cinzas. Aguantara a doma e a castración durante máis de medio milenio e por vez primeira comezaba a camiñar cara a súa autodeterminación, aprobándose por esmagadora maioría o referendo de autonomía. O golpe aniquilou a esperanza. A base cultural da terra foi arrasada até os cimentos. Os fillos da nación caeron disparados por balas traidoras e os que conseguiron salvar a vida morreron de pena a miles de quilómetros do país ao que consagraran todos os seus esforzos. O que os golpistas non sabían é que a nosa luz nunca se apagaría. Xurdindo unha e outra vez tras infindas derrotas.
O 20 de Xullo de 1936 constitúense os primeiros grupos de fuxidos nas serras. Labregos que abandonan as súas familias para sobrevivir no monte. Sós, coma bestas, percorrendo aquelas terras polas que antano levaban as vacas. A finais de 1941, un grupo de incansábeis idealistas reúnese na contorna de Ferradelo para dar comezo á Confederación de Guerrillas da Galiza. Eles son o país que aguanta, que nunca se da por vencido. As almas que ao longo da nosa historia reman até o final a pesar da inevitabilidade que parece perseguirnos. Conforman a única resistencia armada da península baixo dúas premisas irrompíbeis. A primeira, o apartidismo. O único vencello común que teñen será a democracia. Eran galeguistas, nacionalistas, socialistas, comunistas, cenetistas, uxetistas, republicanos, anarquistas ou insubmisos á inxustiza. O segundo, o illamento absoluto respecto do exilio interior e exterior. Non aceptarán ordes de ninguén porque a ningún partido pertencen. O pobo son e ao pobo se deben. O obxectivo é nítido. Resistir ata a chegada dun contexto internacional favorábel, e polo camiño debilitar e boicotear ao réxime tanto como poidan.
A guerrilla galega é inexplicable sen o apoio popular que xurdirá ao seu carón. A “guerrilla do chan” conformarana milleiros de enlaces silenciosos. Civís que nunca rexeitaron das súas conviccións e que arriscándoo todo atoparon en innúmeros casos a máis vil morte. Por riba da loita armada que os maquis galegos levaban a cabo como método de resistencia contra o franquismo, os guerrilleiros preocuparanse pola concienciación do pobo, entrando por sorpresa nas vilas para dar charlas de adoutrinamento, informar dos seus operativos, ou editar panfletos que logo entregaban nas casas, penduraban das igrexas e sementaban nos camiños. A supervivencia da resistencia armada por tanto tempo desbota a imaxe da Galiza como país sometido e colaboracionista co réxime. Pola contra, amosa a indisolúbel unión entre os maquis e as clases populares nunha rede de complicidade que alongou a loita por décadas, facendo que a Galiza non estivera controlada até o ano 1951. Mentres o mundo comezaba a recoñecer á España de Franco, na Galiza librábase unha guerra nas serras, nas rúas e nas conversas cotiás. Cando en toda España ondeaba a bandeira da aguia, había mastros na espesura das serras onde unha gastada bandeira tricolor resistía ao paso do tempo.
A Galiza segue a pertencer aos derrotados, e como tal, a nosa historia. O sometemento negou o noso pasado e os milicianos abandonados que soñaban coa gloria seguen hoxe esquecidos e mesmo menosprezados por todas as institucións. O maior desprezo cara un pobo é borrar a súa historia. Así, os vencedores negaron a existencia da guerrilla, cualificando os caídos na resistencia de bandoleiros. Xente que morreu polos seus ideais e inocentes executados por acudir aos seus amigos e familiares aínda hoxe figuran como delincuentes. A vergoña dunha patria asoballada. A intencionalidade política da guerrilla é algo indiscutíbel, certificada por todos os estudios socio-históricos. A concienciación política a prol dos valores democráticos foi a motriz das milicias. A inmensa maioría de guerrilleiros proviñan da militancia activa. “Agora que os sicarios falanxistas nos chaman de bandidos, dicímosllo ben claro: Somos guerrilleiros revolucionarios e non nos rendemos. Logo de dez anos de loita, e a pesar dos secuaces de Franco, manteremos en alto a bandeira da liberdade” -Declarou o alfaiate Manuel Ponte Pedreira perante o Xuíz Militar Manuel Chacón en 1946.
A aseveración da conciencia política dos maquis ha de complementarse co amplo apoio popular que a resistencia atopou entre a poboación, único motivo que explica a súa supervivencia por tanto tempo a pesar da brutalidade militar. Isto certifica o espallamento ideolóxico contrario ao franquismo de amplos sectores da poboación galega. Mentres que a Garda Civil dedicábase case en exclusiva á loita contra os fuxidos e exercía unha implacábel e impune represión que se saldou con non menos de 2.500 guerrilleiros executados, entre os que hai innúmeros civís que deron cobertura e apoio aos milicianos, a resistencia mantívose. Isto ilustra a lonxevidade da rebeldía comunitaria rural, facendo que a Galiza representase a resistencia colectiva máis importante da península, non dobregándose nunca completamente.
Os enlaces foron heteroxéneos, compostos por familiares e amigos dos milicianos, persoas con forte compromiso político-social e mesmo individuos considerados “de orde” polo réxime. Cómpre recalcar por rigorosidade histórica que está comprobado que numerosos actos delituosos foron atribuídos á guerrilla, o cal, unido á propaganda do réxime, provocou o seu detrimento nos finais da década de 1940. Os maquis pasaban longas tempadas ocultos no monte e tamén outras de relativa calma agochados en casa dos enlaces, ocultándose na serra cando estes reportaban situacións de perigo. O financiamento da loita armada obtíñase de golpes económicos e do que lles entregaban os colaboradores. As armas adquiríanse no mercado negro en Portugal. Asemade, entre a poboación producíase un apoio condicionado á guerrilla. A guerra civil afectou con especial dureza ás clases populares. Os estratos máis baixos da sociedade, a poboación labrega e campesiña, maioritaria nunha Galiza rural no 70% a mediados de século, temían as represalias tanto das forzas do orde público como das milicias da guerrilla, adaptando o seu discurso e activismo no seu propio interese en virtude da situación que lle asegurara preservar a vida. Unha historia recollida na Serra de San Mamede (Ourense), ilustra excepcionalmente o fenómeno:
Un labrego da Portela da Quinta, lugar entre os concellos de Sarreaus e Vilar de Barrio, foi parado nun carreiro da serra por dous forasteiros que vestían de paisano. Viches aos maquis? -Preguntáronlle. Eu non vin nada. -Respondeu. E vostede de quen é? -inquiríronlle- Dos da Garda Civil ou dos atracadores? Ao que o home, para escapulirse respondeu: Eu son dos seus.
Desde mediados da década de 1940 o panorama da resistencia armada na Galiza precisa dunha explicación máis detallada debido ao xurdimento de novas agrupacións guerrilleiras. Desde 1941 actuaba no territorio galego a Federación de Guerrillas da Galiza-León, fundada no arriba citado Congreso de Ferradelo. Arredor de 200 guerrilleiros [2] sostiñan unha guerra irregular contra o réxime baseada nas emboscadas, os ataques por sorpresa, a itinerancia e as sabotaxes en comandos compostos habitualmente por non máis de media ducia de milicianos. As principais comarcas de actuación eran O Bierzo, Cabreira, Seabra, Burón, Os Ancares, Viana, Trives, Valdeorras, e O Courel, con base operacional nos Montes de Casaio, na alcumada “Cidade da Selva” [1], a cal contaba con non menos de 50 edificacións que servían de campamento e área de adestramento para os guerrilleiros. Como se explicou previamente, a Confederación de Guerrillas prohibía expresamente o proselitismo político, agrupando maquis de diversas ideoloxías. Non obstante, logo do fracaso da Invasión do Val de Arán, algúns guerrilleiros comunistas conseguirán integrarse en territorio español e alcanzar os asentamentos guerrilleiros galegos. Estes milicianos serán enviados maioritariamente polo PCE co obxectivo de controlar a resistencia armada na Península. Así, no ano 1946 fundan, independentemente da Confederación, o Exército Guerrilleiro da Galiza.
O Exército Guerrilleiro dividirase nas seguintes columnas xeográficas:
- I Agrupación: Oriente de Ourense, Lugo e o Bierzo.
- II Agrupación: Resto de Ourense
- III Agrupación: Mariña Lucense
- IV Agrupación: Noroeste da Galiza. A IV Agrupación formouse coa integración do Grupo Neira ao Exército Guerrilleiro da Galiza. O Grupo Neira era un colectivo miliciano xurdido en 1936 composto por 50 fuxidos republicanos que se internaron no monte tan cedo como se deu o golpe, conformado maioritariamente por cenetistas e cuxas actividades abranguían as áreas de Ferrol, Ortigueira, Viveiro, Pontedeume, Cee, Vimianzo e O Pindo. O Grupo chegou a ter infiltrados nas forzas de orde franquistas.
- V Agrupación: Centro da Galiza
Cómpre destacar dous feitos polo curioso da súa natureza. O primeiro será a existencia dun comando do Exército Guerrilleiro da Galiza refuxiado nas Illas Cíes, composto por 4 milicianos, e o segundo, o fato de que moitas das reunións operativas do mesmo foran realizadas na espesura dunha das xoias da biodiversidade nacional, as Fragas do Eume. A diferenza da Confederación, que xurdira do pobo, o Exército Guerrilleiro implantará prácticas marciais impropias da resistencia popular labrega inicial. Desta maneira, os cargos do PCE encargados da guerrilla aplicarán unha política autoritaria, asasinando a moitos dos mesmos guerrilleiros galegos que comezaran a resistencia no comezo da Guerra Civil. Ironicamente, o proceso de depuración ordenado por Santiago Carrillo foi tan duro para a guerrilla galega como as propias forzas do orde franquistas.
Exemplos da súa ineptitude e excesivo militarismo son os seguintes. Un cadro político-militar que manda o PCE á Serra de San Mamede pretendeu que todos os guerrilleiros vestiran de uniforme. Un disparate que tan só confirma o descoñecemento operativo do Exército Guerrilleiro na resistencia da Galiza, onde precisamente o maqui pasaba a meirande parte do tempo vivindo na aldea de incógnito, tan só botándose ao monte nos momentos de máximo risco. Asemade, outro dos cargos que se tentou apropiar da resistencia armada na Galiza eliminoulle o permiso de portar armas a dúas guerrilleiras que tiña baixo o seu liderado por negarse estas a cortar o cabelo. Decisión sensata xa que unha muller co cabelo curto na altura era rechamante, e o que pretendía a guerrilla era pasar desapercibida.
Un dos obxectivos desta colección non é so dignificar a memoria da resistencia antifranquista na Galiza, senón tamén recollermos as historias dos máis senlleiros guerrilleiros cuxos relatos resultan excepcionalmente reveladores da situación dos fuxidos, os colaboradores e a vida nas vilas labregas galegas da época onde os maquis desenvolveron as súas actividades.
Difunde e fica atento á próxima entrega!
[1]: A Cidade da Selva estaba estratexicamente situada no medio dunha rede de evasión a Portugal grazas á colaboración do alcalde da localidade lindante de Pinheiro Novo. Cómpre lembrar a solidariedade e apoio de grandes sectores da veciñanza da raia transmontana que deron cobertura a fuxidos e guerrilleiros aínda a pesar do risco que isto carrexaba, rematando moitas veces nas cadeas da PIDE (Polícia Internacional e de Defesa do Estado). En Xullo de 1946 a Garda Civil localizou finalmente a Cidade da Selva, da que non tiña máis proba da súa existencia que a lenda xerada ao seu redor, destruíndoa até os cimentos prendéndolle lume).
[2]: Cómpre engadir esta referencia para notar que cando no artigo se fala de “guerrilleiros”, abrangue tamén ás mulleres. Estas, ademais de ter un papel preponderante na composición da “guerrilla do chan”, tamén combateron corpo a corpo xunto cos seus camaradas homes na guerra irregular. As mulleres estaban completamente integradas na estrutura da guerrilla tanto en forma de enlaces como na operatividade armada.
[3]: Redes sociais da Prado Rúa: