As Buzas de Mugardos – María, Dina, Fina e Marita. Unha familia de guerrilleiras.

A vida dunha nai e tres irmás que combateron o fascismo. Unha mestura de amor, vinganza e ideais para lembrarnos das que nunca deberon ser esquecidas.

 

Imaxe que ilustra o artigo: Josefina no cárcere de Segovia, 1955

Este anaco da colección “A Guerrilla Antifranquista Galega” lévanos ata Mugardos. Nesta mariñeira vila de Ferrolterra moraba a familia Gallego Abeledo. Alcumados popularmente como “Os Buzos”, os irmáns Manuel e Antonio Gallego eran mergulladores profesionais, traballo que compaxinaban cunha activa militancia no Partido Republicano Radical Socialista da comarca nos derradeiros anos da República española.

En Mugardos, pobo humilde, obreiro e mareante, gobernaba a esquerda radical cando a sublevación de 1936 asoballou o País. Rapidamente, o alcalde comunista Juan Prieto Balsa, numerosos cargos públicos do concello e boa parte da militancia republicana foron perseguidos, encarcerados e fusilados en cuestión de días. Entre os últimos, os que non lograron fuxir e foron asasinados sistematicamente no paredón, atopábanse Os Buzos. Un deles, Manuel, estaba casado e tiña catro fillos e tres fillas.

A muller de Manuel Gallego, María Adeledo, que ata o momento non se metera en política e se adicaba ao coidado da casa e da súa familia, non o dubidou. Rota, soa e desolada. Brava, vingativa e fondamente comprometida coa causa. A morte do seu home, do seu cuñado e de tantos veciños e amigos de Mugardos non podía quedar sen resposta.

Así, viúva e con sete crianzas ás súas costas, María decidiu colaborar activamente na guerrilla antifranquista. Xogándose todo canto era e tiña, empregou a súa casa familiar de Os Casás como dormitorio, como almacén de armas e como comedor para os guerrilleiros botados ao monte. Unha localización que pasaría a ser estratéxica e fundamental para o desenvolvemento da loita armada na comarca.

Pero non só a valente María Abeledo foi quen de arriscarse e colaborar coa resistencia. Sen a total aprobación dunha nai que sempre procura o mellor para os seus, pasados poucos anos, os sete fillos e fillas do matrimonio tamén pasaron a formar parte dunha guerrilla antifranquista en pleno éxtase. Con diferentes graos de implicación, os sete irmáns, tanto eles coma elas, Manolo, Juan, Avelino, Guillermo, Clementina, Josefina e María de los Remedios, alistáronse en 1948 para combater ás forzas sublevadas que tanto dano e dor causaran á familia mugardesa.

Nunha longa, complexa e apaixonante historia que podería dar para unha colección en si mesma, e honrando a unha familia que se involucrou enteiramente cunha causa tan xusta como perdida, hoxe cómpre falar das esquecidas. Primeiro tocou falar de María. Agora, tocan as tres irmás. As guerrilleiras. Clementina, Josefina e María de los Remedios. Dina, Fina e Marita, como se lles chamaba agarimosamente na familia. Tres mulleres de tantas dispostas a non morrer sen loita.

Das tres irmás, Dina era a máis delicada de saúde. Padecía dunha forte reuma que lle impedía botarse ao monte cando se alistou. É por iso que, pese a non ser partícipe directa da loita armada, ela, canda o seu compañeiro sentimental, o guerrilleiro Juan Romero, funcionaron como ligazóns na guerrilla e transportaron armamento e propaganda dende Francia en varias ocasións.

Porén, nese mesmo ano 1948, nunha das súas perigosas viaxes atravesando a península cun material máis que comprometedor, foron localizados pola Garda Civil en Irurzún (Navarra), cun camión ata arriba de metralletas, cargadores, pistolas, cartucheiras e balas. Dina e Juan foron inmediatamente arrestados.

O 18 de outubro de 1948, ambos foron xulgados en consello de guerra. Dado o aspecto físico feble de Dina, derivado da enfermidade que padecía, e mais a súa condición de muller, os xuíces militares consideraron que o verdadeiro responsable do delito era Juan Romero e que ela actuara “sin saber en principio la actividad delictiva que llevaba encomendada tal procesado”. Por tal razón, Dina foi tan só condenada a dous anos de cárcere por “bandolerismo armado”.

Cumpridos os dous anos no penal de Segovia, Dina foi posta en liberdade e mudouse a Donostia, desvinculándose da guerrilla. Pasou toda a súa vida na urbe vasca. Os tres derradeiros anos de vida, volveu ao seu Mugardos natal, falecendo o 1 de decembro de 2003, esquecida e sen recoñecemento social nin institucional, nunha residencia xeriátrica.

Non obstante, Fina e Marita, que igual que Dina entraran nun primeiro intre como ligazón na guerrilla, rapidamente recibiron a instrución militar que lles permitiría botarse ao monte. Abandonaron á casa natal e todo canto posuían para seren foraxidas, malvivindo agochadas nos refuxios do monte e nas casas das familias simpatizantes da guerrilla. Dende que se alistaron, non volveron pisar a súa casa de Mugardos. Nos tres intensos anos de incansábel loita no monte, as dúas guerrilleiras sufriron a morte en combate dun irmán, Juan, e o encarceramento da súa irmá Dina.

No ano 1951, a guerrilla atopábase practicamente inactiva por mor das constantes emboscadas da Garda Civil e máis a falta de apoio do Partido Comunista de España (PCE), desvinculado dende 1948 coa loita revolucionaria, traizoando vilmente aos guerrilleiros que perecían pola liberdade. Nese ano, en 1951, Fina atopábase oculta na xa mencionada casa de Os Casás canda outros guerrilleiros cando a delación dun familiar falanxista, posiblemente un irmán do seu pai Manuel, puxo fin a tres anos de resistencia antifranquista no monte. A Garda Civil entrou no refuxio e detivo a Fina e aos compañeiros e compañeiras aínda fuxidos das autoridades.

Celebrado o consello de guerra, Fina foi condenada a vinte e tres anos de cadea, dos cales cumpriría dez interminables anos en diferentes penais do Estado. Ao quedar ceibe, traballou dous anos nunha fábrica de produtos eléctricos, aforrou, e marchou a Francia. Casou cun exiliado tamén mugardés e, falecido este, cun cidadán francés en segundas nupcias. Morto tamén o seu segundo marido, e estando ela doente dun cancro, decidiu volver a Mugardos, onde residiu os tres anos previos ao seu falecemento no ano 2012.

Pola outra banda, Marita, a máis nova das tres, tiña só vinte anos cando se alistou na resistencia maqui. Era a máis nova e baixiña das irmás, pero era a máis apaixonada, idealista e politicamente formada das tres. Primeiro como guerrilleira da chaira e despois guerrilleira do monte, tiña só 20 anos de idade cando tomou a decisión de enfrontarse en corpo e alma ao fascismo.

Pese a participar na guerrilla en todas as súas vertentes, a propaganda era no que Marita destacou brillantemente. En palabras do seu compañeiro Francisco Rey Balvís, “Moncho”, Marita “era moi valente, tanto, que caía na temeridade. Non había encomenda que non cumprise, por moi arriscada que for. […]. Ela era a encargada, entre outras cousas, de subministrar o papel e a tinta para a tirada de “El Guerrillero” e “Mundo Obrero” e, para iso, debía moverse de Mugardos a Santiago de Compostela e burlar todos os controis, que non eran poucos. Mais grazas ao seu carisma, afouteza e coraxe, sempre o fixo con éxito”.

Após tres anos burlando á policía franquista, Marita e Moncho trasladáronse en 1951 a Francia por petición do PCE no exilio, que non estaba pola labor de seguir facendo a revolución naquel pésimo contexto bélico. Así, ambos atravesaron os abruptos e inhóspitos Pireneus e chegaron a país galo. Alí, da man dos camaradas franceses, seguiron traballando para o Partido, onde Marita seguiu a ser a pedra angular da distribución propagandística.

Fondamente recoñecida e respectada pola militancia, Marita chegou, incluso, a entrar varias veces a España, disfrazada, trocando a cor do pelo e con documentación falsa, para distribuír propaganda e facer de ligazón entre comunistas españois e franceses baixo as ordes de Santiago Carrillo.

Non obstante, con tan só 29 anos, Marita foi diagnosticada e operada dun cancro. Nesa guerra que non sempre se gaña, Marita faleceu de penosa enfermidade en 1963 con tan só 34 anos de idade. Os seus restos mortais descansaron no Val D’Oise ata que o seu irmán Guillermo trasladounos a Mugardos ao panteón familiar. Alí, dende 2007, descansa Marita canda toda a súa familia guerrilleira.

Toda a familia Gallego Abeledo merece o máis notábel recoñecemento. Pero hoxe tocaba falar delas. Todas as mulleres da familia. María, Dina, Fina e Marita. No peor dos contextos familiares, sociais e económicos, xogáronse o habido e o por haber na defensa dos valores da República. Foi por honrar aos familiares e amigos asasinados, pero tamén por estrita convicción política, ética e moral. Podería estenderme en longas loanzas, pero si direi que, grazas a todas elas, o noso País é hoxe un pouco máis digno.

Por todas as que pelexaron, sufriron e morreron pola democracia. Memoria, memoria e tres veces memoria.

Josefina, presas e nenas en Segovia. 

Marita, 1947.

Os Casás

Clementina e Josefina en Donostia, 1962.

 

BIBLIOGRAFÍA

  • Marco, A. (2011). Mulleres na Guerrilla Antifranquista Galega. Editorial: Laiovento. ISBN: 9788484872115. Pps (435-460).
Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad