Enriqueta Otero, María das Dores para os seus camaradas. A derradeira guerrilleira galega. Unha vida consagrada á idea de Galiza.
A Galiza esmorecía a comezos do século XX. O sufrido pobo labrego arrancaba á terra o pouco que esta lle ofrecía para a súa subsistencia. Lonxe quedaban xa os tempos nos que o Reino, desposuído da súa historia, constituía o máis poderoso e poboado recanto peninsular.
No rural lucense vivía unha desas familias que representaban á nación. Senlleiros fidalgos en tempos convertidos en campesiños que nada máis tiñan do que o seu apelido antano egrexio na comarca. Ninguén en Castroverde podía imaxinarse que a terceira filla dos Otero, Enriqueta, remataría trinta anos despois na guerilla, percorrendo os mesmos montes nos que pastaba as vacas co fusil ao ombreiro, lembrando á ditadura que a Galiza, se ben asoballada, non estaba derrotada de todo.
Pero para iso aínda quedaba moito. Corría o ano 1928, Enriqueta rematara maxisterio e comezara a exercer en escolas rurais da provincia de Lugo. Pasou por San Cosme de Barreiros, Ferreirós e Montefurado antes de trasladarse en 1936 a Madrid logo de gañar unha praza no Colexio Nacional de Xordomudos. É na polarizada capital do estado onde a súa dedicación polos desamparados catalízase no comezo da militancia comunista. O sol rañaba o ceo naquela vibrante España, pero cedo o amencer converterase en treboada.
Estala a Guerra Civil e Enriqueta deixa a educación para traballar na fronte. Comeza coordinando a evacuación de nenos ao Levante español, aínda resistente ás tropas reaccionarias. Posteriormente achégase máis á realidade da guerra coma enfermeira no Hospital Militar de Carabanchel, pero todo aquilo quédalle pequeno e en xaneiro de 1937 pasa á primeira liña alistándose como miliciana na Brigada Móbil de Choque da 46ª División, facéndolle o seu sacrificio merecedoira do grao de comandante.
Ao golpe de estado franquista co apoio fascista e nazi hai que sumarlle a guerra entre as esquerdas que aguantaban o embate. No momento máis desesperado do conflito, Sexismundo Casado consegue o goberno da zona republicana derrocando a Juan Negrín, momento no cal Enriqueta, xunto con tantos outros miles, é encarcerada na Cadea das Ventas pola súa condición de comunista. Rematar nunha cela foi o recoñecemento a unha vida de sacrificio.
Xusto antes de entrar as tropas franquistas en Madrid, aproveitando a confusión na que estaba sumida a cidade durante eses días, Enriqueta lidera unha revolta e consegue, xunto con outras 2.000 mulleres fuxir da cárcere antes da caída da capital.
Deambula entón polas rúas dun Madrid rendido por Casado no que lle perseguen franquistas e socialistas. O secretario xeral da Federación de Traballadores de Ensinanza reúnese con Enriqueta. Ten preparada a súa fuxida ao Mediterráneo e de alí nun barco a Francia, pero contra todo prognóstico, Otero refusa abandonar España. Quere voltar ao seu país e comeza unha viaxe épica por arriscada á Galiza da súa alma. Trasládase por terra a Castela e desde alí en tren, onde tropas falanxistas chegan a confundila con Pilar Rivera, axudándolle no retorno.
A Galiza que atopa é moi diferente á que deixara un ano atrás. A terra sometida garda o silencio da tortura, choran os campos as orfandades, non hai romarías e non soan gaitas na aldea. É quen de chegar a Lugo onde a agocha o cura de Santa María a Nova, Manuel Gómez Díaz.
A Galiza aínda esta en pé. Na espesura dos montes latexa a forza dun mundo novo e a nación galega sobrevive na guerrilla. As columnas móvense sen cesar polas serras, e a matria, orgullosa dos seus fillos, ocúltaos na espesura do bosque. Silandeiros percorren a nervadura do país por graníticas rochas e húmidos sendeiros, lembrándolle á historia que a esperanza sempre agroma nesta terra.
En 1944 Enriqueta Otero convértese na guerrilleira María das Dores, uníndose aos fuxidos de Becerreá nun comando que controlará a montaña lucense durante nove anos xunto co apoio popular conformado por Foucellas, Marrofer, O Piloto, Xulio Neto, Ramón Viveiro e Xosé Vicente.
O 18 de Febreiro de 1946 Enriqueta é cercada pola Garda Civil. Decidida a morrer antes de ser capturada presenta batalla e lanza dúas granadas de man ás forzas represoras, mais é capturada logo de ser alcanzada por varios disparos nas pernas. Caen nese golpe cincuenta guerrilleiros resistentes nas montañas lucenses. No calabozo sométenlle a terríbeis torturas onde o seu camarada, Xosé Vicente Rodríguez é asasinado a golpes. Unha antiga compañeira de profesión, Elvira Herrero, e o Doutor Varela, director do Hospital de Lugo, interceden por ela e conseguen que Enriqueta non sexa tamén asasinada.
Xulgada no tribunal militar por rebelión e actividades comunistas, é condenada a morte. A España franquista atopábase pola altura nun proceso de apertura internacional, temorosa da inxerencia estranxeira, naquel réxime, un dos pouquísimos fascistas na orde internacional xurdida após a Segunda Guerra Mundial. Así, asexado pola presión global, conmútaselle a pena a 35 anos de prisión. O mundo capitalista do momento non miraba con bos ollos a execución dunha muller na ditadura española. Pero os seus compañeiros Ramón Viveiro e Xulio Neto non correrán a mesma sorte, uníndose a infinda ringleira de bos e xenerosos executados pola idea dunha Galiza ceibe.
Enriqueta Otero, a camarada María das Dores, nunca se arrepentirá das súas accións e converterase nunha das presas máis antigas do Estado Español, queimando nas cadeas de Lugo, Amorebieta, Segovia, Guadalaxara e Alcalá de Henares 19 anos de vida.
Ao saír do presidio, dúas décadas despois de encerro e unha vida consagrada á loita contra a ditadura que arrasou seus soños e lle arrebatou ás súas compañeiras, Enriqueta trasládase novamente a súa Castroverde natal, onde loita incansabelmente durante anos para ser rehabilitada como mestra nacional, o que consegue un ano antes da súa xubilación, en 1975.
En 1977, inspirada pola Misións Pedagóxicas da República que, de aldea en aldea levaron a educación aos máis desfavorecidos, crea a Asociación Popular O Carriño, achegando as letras, o teatro e a ensinanza aos labregos do rural galego. Enriqueta funda en Castroverde a Casa da Muller “Cándida”, lugar dedicado á dignificación da muller rural galega e até a fin dos seus días loitará pola Galiza feminista como candidata do PCE ás eleccións de 1977: “Desde Sobrado do Picato a Lugo hai 16 prostíbulos, combatereinos até a fin, loitarei por rematar coa prostitución e darlle un traballo digno á muller. Nin Lenin nin Xesús aceptan a explotación e mentres me quede un rescaldo de vida, empregareino para favorecer á sociedade, ideario máximo de todo comunista”.
Enriqueta Otero, exemplo de loita e rebeldía. María das Dores para os seus camaradas da guerrilla, finou o 31 de Outubro de 1989 en Lugo, enterrada na parroquia que lle veu nacer, Castroverde, envolta na bandeira republicana e galega.
Velaí a derradeira guerrilleira galega. Así foi, meus amigos, como loitamos nós. Non enterraron corpos Galiza, enterraron sementes.