O mundo cambia ao noso arredor, pero Europa é incapaz de dar resposta. Como galegos non só
podemos involucrarnos, senón que debemos responder ao chamado urxente do “federalismo
pragmático”.
No encabezamento, fotografía de Mario Draghi. Autoría: Filippo Attili (2021).
O escenario internacional presenta hoxe para Europa un panorama a priori desolador: dunha banda, Estados Unidos rexeita o multilateralismo e esixe á Unión Europea asumir cada vez máis custos —quer en termos comerciais ou de gasto en defensa— sen que no continente exista a capacidade para responder con suficiente autonomía. Doutra banda, China continúa a mobilizar a súa capacidade industrial e tecnolóxica, cunha economía dirixida polo Partido Comunista Chinés que cada día deixa menos marxe aos seus competidores europeos. Mentres tanto, Rusia formula unha ameaza directa en termos de defensa, sen que se albisque no horizonte un exército europeo verdadeiramente merecedor de tal nome e cun debate exclusivamente centrado no gasto polo gasto.
A día de hoxe, estes factores tensionan a viabilidade dun proxecto de máis de setenta anos, así como as diferentes formulacións en cada país do Estado do Benestar. Pese á existencia de numerosas institucións comunitarias, dunha moeda común ou da renuncia da soberanía nacional en múltiples ámbitos, a Unión Europea é un organismo inacabado, imperfecto, esclerótico. Mario Draghi incidía recentemente neste drama: “O mundo que nos rodea mudou fundamentalmente e Europa afánase por responder. […] por que non podemos cambiar?”. ¹
En Galicia existe unha relación proporcional directa entre a nosa distancia psicolóxica con respecto aos centros de decisión europeos e as repercusións negativas dun proceso de integración estancado. Podemos ser dos máis prexudicados por unha globalización en crise, pero hai cuestións que nos quedan demasiado lonxe; non vale a pena preocuparse. Con todo, a idea que eu enarboro é completamente a contraria: é preciso implicarse de cheo nas institucións europeas e na súa toma de decisións. A mentalidade fisiócrata do galego lévao ao ollar cara ao horizonte e exclamar “que país máis rico que temos!” As declinacións desta idea poden ir dende un apaixoado fervor pola “terra”, ata reflexións máis sesudas sobre o “extractivismo” colonial; posto que se somos ricos, pero non desfrutamos realmente dos seus froitos, algún axente externo é quen nolo rouba. Este é un marco ideal de protagonistas fantasiosos e inconcretos —a burguesía, o proletariado, o pobo…— e, polo tanto, invita á pasividade por inoperante.
A realidade é sempre ben máis complexa. Un mundo globalizado e financiarizado como o actual implica que a súa posición no eido internacional ben determinada pola súa capacidade para captar fluxos de capital (financeiro, humano, social, cultural, simbólico…) e maximizar a súa rendibilidade. Se Europa ten serios problemas a este respecto —en termos comparados— no caso de Galicia estes están elevados á víxesima potencia.
Non, implicarse non é indignarse moito, berrar ou facer extensas críticas daquilo que non nos gusta. Isto é só unha parte. Mais ao día seguinte os problemas seguen aí, sen que ninguén os solucione por nós. Implicarse esixe paciencia, preparación, reflexión e, sobre todo, capacidade propositiva. Que temos que dicir nós nos grandes debates da Unión? Sobre a amplicación cara ao leste? Sobre a Unión de Capitais? Sobre a Unión Fiscal? Sobre o voto por maioría cualificada no Consello Europeo? Sobre a competitividade ou a sustentabilidade? Coido que tanto coma calquera outro europeo.
A miña experiencia no asociacionismo xuvenil europeísta ensinoume que este exercicio é difícil, pero non imposíbel. Xa en setembro de 2024, dende JEF Galicia lanzamos un informe sobre os retos e oportunidades da relación entre o proxecto europeo e a mocidade galega. E como entidade federada en JEF Europe mantemos encontros, debates e actividades con outras seccións de España e outros países, como Portugal, Albania, Xeorxia ou Dinamarca, por mencionar só algúns dos exemplos deste ano. As oportunidades están aí, mais fai falla xente atrevida e disposta a aproveitalas.
Se Europa non cambia, que podemos facer nós —mozos ou non— para cambiala? De novo, Mario Draghi reformula a vella idea da Europa a dúas velocidades baixo o concepto de “federalismo pragmático”: ²
É este un federalismo baseado en cuestións concretas, flexíbel e capaz de actuar ao marxe dos mecanismos máis lentos da toma de decisións da UE.
Construiríase mediante coalicións de persoas dispostas a ilo en torno a intereses extratéxicos compartidos, recoñecendo que as fortalezas diversas que existen en Europa non requiren que tódolos países avancen ao mesmo ritmo.
[…]
Este federalismo pragmático permitiría a aquilos con maiores ambicións actuar coa velocidade, escala e intensidade doutras potencias globais. E o que é igual de importante, podería axudar a renovar o impulso democrático da propia Europa.
Admitindo que a Unión Europea presenta importantes déficits de lextimidade democrática, a non participación ou o boicot é unha reacción válida, pero non é unha resposta madura. O federalismo europeísta diríxese con confianza cara este reto e presenta unha folla de ruta clara: máis integración, máis democracia, máis seguridade e máis autonomía.
[1] Discurso de Mario Draghi na cerimonia dos Premios Princesa de Asturias 2025, 24 de outubro de 2025, dispoñíbel en https://www.fpa.es/es/premios-princesa-de-asturias/premiados/2025-mario-draghi/?texto=discurso
[2] Ídem.




