Este domingo hai eleccións presidenciais en Portugal e en Galicia parece que non o sabe ninguén. Todos coñecemos ao detalle as eleccións estadounidenses, por exemplo, pero poucos saberían nomear tres candidatos portugueses, aínda que o país viciño estea á volta da esquina. Revisamos as candidaturas desde unha ollada galega e poñemos o foco nas limitacións políticas coas que Galicia se pensa a si mesma.
Hai algo profundamente revelador no silencio galego arredor das presidenciais portuguesas. Portugal, país irmán, socio natural, espello histórico e cultural, segue a ser para nós unha sorte de veciño simpático ao que saudamos no verán mentres imos ao Algarve e esquecemos o resto do ano. Nin procesos electorais, nin liderados, nin debates estratéxicos do país veciño suscitan interese real entre os nosos dirixentes políticos nin entre os escasos líderes de opinión que temos. Un silencio que non é casual, senón estrutural. Patolóxico, diría eu. As causas son coñecidas. Tanto as forzas sucursalistas como as autodenominadas soberanistas comparten unha mesma lóxica doméstica. Uns viven instalados nun dependencialismo extremo das axendas de Madrid, que xa nin sequera poden cualificarse de españolas, senón cada vez máis alleas aos intereses reais das comunidades periféricas. Outros permanecen atrapados nunha nostalxia errática da política dos séculos XIX e XX, soñando cun Estado soberano imposible coma quen soña con recuperar o tranvía de mulas. A historia, porén, non retrocede.
Exemplos como Groenlandia ou Moldavia ensínannos que o Estado moderno é hoxe unha realidade política amplamente superada polos feitos. A clave xa non está no formalismo xurídico da soberanía, senón na capacidade real de influencia. Por iso Galicia debería pensarse como país europeo con ambición, apostando por gañar peso político dentro de España, non por fuxir dela. España segue a ser un Estado relevante, que nos dá presenza no mundo hispano global e capacidade de incidencia en Europa. Poderiamos dicir que a nacionalidade quedou pequena e o Estado aínda máis, pero ambos seguen sendo estruturas útiles se sabemos empregalas con intelixencia.
O problema é que seguimos a pensarnos en pequeno. A Xunta, empezando polos nosos propios políticos, actúa moitas veces como unha deputación provincial con bandeira propia. A nosa axenda pública é curta de miras, parroquial, de andar pola casa. Un bo exercicio sería preguntarse que soberanía real posúe hoxe calquera Estado africano sometido á presión europea ou á crecente influencia chinesa, e comparalo coa realidade dunha Baviera forte, con voz propia, axenda autónoma e peso real no conxunto alemán e europeo. A diferenza non está no papel timbrado, senón no poder efectivo. Aquí reaparece o noso casticismo doméstico. Entendemos a política galega como algo folclórico-rusticista, coma se Galicia fose un protectorado turístico de Madrid: praias ben coidadas para o verán, estradas decentes para ir a Baiona, ao Grove ou a Sanxenxo, e pouco máis. Unha deputación provincial chamada Galicia. Abraiame cando alguén fala de “rexionalismo” con desprezo. Xa me gustaría termos un rexionalismo potente, un auténtico euro-rexionalismo, con ambición política e económica. Pero aquí seguimos orgullosos da política do pequeno, do cómodo, do que non molesta.
E nese contexto non sorprende que ningún líder político nin ningún líder de opinión se teña posicionado sobre as eleccións portuguesas. Mentres tanto, o soberanismo galego aliñase cos candidatos da esquerda marxinal, marxinal en Portugal, marxinal en Europa e aínda máis marxinal en Galicia. A forza de ignorar a realidade sociopolítica do país, esquecen que xamais gobernará en Galicia unha forza situada á esquerda da socialdemocracia. Somos unha sociedade occidental, con décadas de Estado de dereito, pluralismo político e economía social de mercado ás costas. Aquí ninguén está disposto a experimentar aventuras revolucionarias. E así chegamos aos candidatos portugueses, que son un bo espello das tensións europeas actuais. Empecemos polo antisistema profesional, André Ventura (CHEGA). A súa política consiste basicamente en imposibilitar que se faga política. Non constrúe, non integra, non propón nada que non sexa ruído. Ventura forma parte dunha folla de ruta internacional ben coñecida, a do trumpismo, baseada en insuflar ánimos, frustración e resentimento a partidos desestabilizadores do proxecto europeo. Non quere gobernar, quere bloquear. Non quere reformas, quere parálise. A política como sabotaxe organizada. O seu éxito non depende das súas virtudes, senón dos erros dos demais.
No outro extremo temos a partitocracia en estado puro, encarnada no aséptico António José Seguro (Partido Socialista). Non encanta nin desperta odios. Nin sequera no seu propio partido. Preséntase como socialdemócrata, pero arrastra as súas veleidades con António Costa e José Sócrates, dous símbolos do esgotamento do ciclo socialista portugués. Seguro é un candidato desnatado para un Partido Socialista incapaz de presentar unha alternativa real. O seu maior erro é insistir en tratar a CHEGA como o seu principal rival, alimentando a lenda de Pedro e o lobo, mentres deixa orfo o espazo central. Estratexia suicida, pero recorrente.
No espazo da Alianza Democrática (AD), sigla instrumentalizada polo Partido Social Demócrata (PSD) para tentar conectar co legado de Sá Carneiro, atopamos a Marques Mendes (PSD). Un uso erróneo dunha marca histórica. Sá Carneiro era liberal politicamente, socialdemócrata economicamente e humanista moralmente. Un perfil que xa quixeramos hoxe para Portugal ou mesmo para Galicia. Pero logo do cavaquismo (Aníbal Cavaco Silva) abandonouse definitivamente a socialdemocracia portuguesa para refuxiarse na dereita clásica europea. Marques representa unha versión depauperada de Marcelo Rebelo de Sousa (ex-PSD). Non gusta ás bases do PSD, chega tarde, sen relato, sen pulso. En tempos de polarización, un candidato aburrido, que fede a sistema por todas partes e simboliza o marrullo e o chanchulleo da política, non é a mellor carta.
Quizais por iso resulta tan significativa a postura do doutor Rui Rio (PSD), unha das miñas debilidades políticas, apoiando ao almirante Gouveia e Melo (Independente). O de Gaulle dos portugueses. O home dos 31 días no submarino. O militar que xestionou a pandemia con eficacia. Admirado polo Portugal máis talludito, serio, institucional. Non desgusta a quen, coma min, non temos especial cariño pola partitocracia. Vemos nel ese xenio gaullista capaz de unir a comunidade por riba das cores de partido, dos ensañamentos militantes e dos chanchullos de carné. Un home de Estado nun tempo de políticos pequenos. Semella que nas últimas enquisas quedou algo rezagado, pero conserva capacidade de pescar nos caladoiros socialdemócratas do PSD e nos máis centristas do PS. Oxalá velo na segunda volta.
E logo está Cotrim de Figueiredo (Iniciativa Liberal), o candidato máis europeo de Portugal. Imaxe de presidente americano, acento británico impecable, gusta entre as elites urbanas novas do centro dereita. Vén de facer unha campaña en positivo que o sitúa cada vez mellor, mentres o gris Marques Mendes (PSD) se afunde. Na última semana foi asediado por acusacións de coacción sexual a unha traballadora da Iniciativa Liberal. Non sabemos con que grao de credibilidade. O domingo veremos ata que punto lle afectan, nun tempo no que as acusacións brotan coma cogomelos e afectan tanto a vivos como a mortos. Mesmo Adolfo Suárez foi vítima diso. Sexa como for, Cotrim é o candidato con mellores cartas do centro cara a dereita para pasar á segunda volta, cunha estratexia intelixente: levar bandeiras do PSD aos mitins organizados pola Iniciativa Liberal, simbolizando unha ponte entre liberalismo e socialdemocracia moderna.
Fica a esquerda marxinal, a do 1%. Filipe (Partido Comunista Portugués), representante do comunismo europeo máis carca, candidato dos “comunistas patrióticos” da UPG. Catarina Martins (Bloco de Esquerda), a Ana Pontón dos portugueses, condenada a non pasar do 3%. E Pinto, algo homologable ao que en España é Sumar. Tres candidaturas sen posibilidades reais, presentadas para anunciar que na segunda volta apoiarán a Seguro se este pasa o corte. Política testemuñal, sen vocación de poder, sen proxecto de país.
Da posición do PPdeG nada sabemos. Nin esperamos sabelo. Xa é sabido que en galego non se pode andar polo mundo. Galicia segue muda mentres Portugal debate o seu futuro institucional. Un síntoma máis do noso provincianismo político. Mentres Europa se reorganiza, nós seguimos mirándonos o embigo. Lisboa vota, mentres en Galicia rebota a axenda dos partidos de Madrid.





