Nota do Consello Editorial do Ferrado:
O Ferrado tolera diferentes puntos de vista sempre e cando estean enmarcados no galeguismo e no respecto á cultura e á lingua galega. Os artigos publicados na revista non representan ningún consenso de pensamento. O que se esixe deles é que sexan competentes e teñan unha visión argumentada, representando opinións honestas expresadas de maneira sensata. O Ferrado non acepta responsabilidade polas opinións vertidas en ningún artigo, asinado ou sen asinar, publicado na páxina. O que si acepta é a responsabilidade de darlle a todos eles unha oportunidade de aparecer na nosa revista cultural.
Hoxe O Ferrado publica, de maneira excepcional (dado o caracter da revista, formado pola mocidade galeguista do país), un artigo enviado por Rodri Suárez.
____________________________________________
“Advertencia, este artigo contén autobombo” – Rodri Suárez
Imaxe que ilustra o artigo: Visita dos alumnos do Colexio San Xosé de Cluny de Santiago de Compostela ás instalacións de Aluminios Cortizo en Padrón.
Hai pouco máis de cinco meses, o xornalista (e asesor político) que agora lles fala publicou un ensaio chamado Galicia Reducida, de innegable vocación polemista, obxectivo que acadou de sobra. A súa tese, que criticaba o marco conservador e centralista -de Compostela- do autogoberno galego, recibiu apupos, silencios esperados pero tamén bastante apoio, tanto en redes como en medios de comunicación. Propuxen outra mirada sobre o país e a súa política, tanto a actual como a histórica.
O libro foi publicado por Morgante, un selo de Rinoceronte Editora. O editor, Moisés Barcia, afirmou na presentación que fixemos na Coruña que el non está dacordo con moitas cousas que se defenden no texto. Pero sacouno igual. Iso, que se cadra é rareza no sectario e embiguista mundo da cultura galega, resultou unha proba máis do necesario de persoas que, coma Moisés, defenden a pluralidade con feitos, ao contrario desa oficialidade que se apunta ao “contrahexemónico” e “ás marxes”, pero cambia de beirarrúa aterrada cando se cruza con algún natural dese discurso. Xa saben, “pero este quen é?”. Típica frase dos cativos do simulacro.
Como será a cousa para ter provocado certas reaccións baixo palio cun simple libro socialdemócrata e galeguista, pero, claro está, eu non me movín nunca no mundo no que se chaman entre eles “prezado” para gabar respectivos tostóns. En realidade, da miña gorxa non saíu nunca tal palabra. Non pasa nada, tampouco eles dixeron nunca “neno” nun bar de barrio. É ben definirse.
Ao tema. Galicia Reducida tamén espertou o interese deste portal, O Ferrado. Mantiven unha longa conversa cos seus responsables -que ben sei que en moitas cuestións tampouco están a prol das miñas propostas- que despois se converteu nun artigo moi chulo. De novo, a celebración das distintas ideas. Algo que cadra moi ben co que escribín nese libro: “(…) chegamos a unha cuestión básica, a do respecto á pluralidade. Non hai un galeguismo. Hai moitos. E todos son respectables en democracia” (páxina 188). Así é.
Por desgraza, o sectarismo segue moi asentado en certa militancia nacionalista de Twitter, a rede social que fai de columna vertebral do meu ensaio. Seica dar cancha aos que non seguen o seu dogma converte este proxecto en “portavoz da dereita e o rexionalismo”, como dixeron tras publicarse aquí algún artigo de Daniel Chapela, do PP. Unha demostración máis de que algúns non entenden o país nin saben debater con quen discute os seus clixés (conservadores). Eu desfruto moito co que escribe Chapela, co que teño falado de xeito amigable por escrito e que en moitas cousas representa esa Galicia reducida (sector dereitas, haino tamén de esquerdas) á que eu critico. E coa que desexo discutir sempre. Teimas que temos os demócratas, oiga.
Así que sirva este texto tamén como recoñecemento e apoio á xente de O Ferrado no seu desexo de pluralidade. Igual esa si é a “normalización” pendente nos galeguismos. Con todo, xa de paso, vou seguir co ego subido para falarlles do meu libro, con pingas de actualización.
En Galicia Reducida (segue dispoñible en librarías) iamos contra bastantes cousas, desde a sensatez, e por exemplo escribimos que “a lóxica defensa do territorio ten dexenerado en máis dunha ocasión en sentimentalidade, o gran motor do marco conservador do autogoberno galego (…) Refírome a esa mística -hai quen chega a chamala atrasismo- pola cal algunhas esquerdas miran con enorme entusiasmo o apoio a calquera labrego que se nega a deixar a súa casa para que se constrúa unha vía de tren que xerará conexión e riqueza, postura difícil de cadrar co progresismo. (…) o que queda é un contexto militante no que apoiar hoxe ese tipo de posicionamentos [como os contrarios á Autopista do Atlántico ou Meirama na Transición] “é o que nos corresponde facer”, cando do progresismo o que se espera é principalmente o contrario, infraestruturas de calidade e industria sostible” (páxinas 37 e 38).
Porque unha gran parte da esquerda galega se move nun relato antiprogresista. Iso é unha realidade. Non hai forma posible de facerlle ver que xa non somos un país agrario e que agora a nosa riqueza e futuro está no téxtil, na automoción, nas enerxías renovables e na tecnoloxía. Sen deixar ningún sector atrás, por suposto, só calibrando. Pero este disclaimer tanto lle vai ter a quen manexa en 2024 a mesma imaxe bucólica-pastoril de señores de hai un século, unha opción reaccionaria.
Como indica todo dato económico dispoñible, a mellor etapa histórica de Galicia é a actual, a pesar duns gobernos autonómicos da dereita que non foron capaces de desenvolver as nosas inmensas potencialidades. E, se estamos nese momento, é grazas a dúas cousas: o autogoberno (a seguir desenvolvendo) e a migración do rural ás cidades, especialmente Vigo e A Coruña, os nosos grandes motores. Que no dogma nacionalista isto último se siga a ver como un “problemón” fala ben do despiste xeral ao que lle obriga o tradicionalismo. Do que non saen, a pesar de que é nas urbes onde mellores resultados obteñen.
Nesa liña, hai que insistir en que Galicia precisa industria. Polas nosas características, a transición verde convértenos nun país privilexiado para avanzar aí e liderar, por fin, a vangarda dunha revolución industrial. Ábrese unha ventá de oportunidade xigantesca. Pero, por desgraza, a Galicia reducida volve exercer de obstáculo. Grandes proxectos industriais dependen da eólica (pregunten na Mariña, en Ferrol, na Coruña ou nas Pontes), pero o esencialismo conservador traballa á contra dela. Unha irresponsabilidade.
Somos unha comunidade plenamente occidental, máis colonizadora que colonizada (acaso non levamos moitas décadas pescando en Namibia e Arxentina?), que ten que subir ao tren que está en marcha. Contamos para iso cun sensacional aliado, a Unión Europea, coa máis avanzada lexislación ambiental do planeta. Por iso, podemos tamén utilizar a celulosa para pechar aquí o seu ciclo industrial, creando postos de traballo. Pensar que en 2024 a UE vai permitir unha fábrica que “destrúa” catro comarcas e unha ría resulta un absoluto despropósito, de evidente carácter antiprogresista. Como é tamén absurdo dicir que o partido político máis intelixente do panorama autonómico (o AP/PP que gañou todas as eleccións, todas) se vai xogar o poder facendo tal. Estas esaxeracións só fan reforzar o papel hexemónico da dereita na Xunta (non noutros chanzos institucionais), como ben se viu co disparate dos pellets, que quitou máis votos que outra cousa.
Os insostibles argumentos contrarios aos avances científicos, tecnolóxicos e lexislativos -que son os que aseguran que unha Altri con cartos europeos non pode parecerse en nada ao Ence de Pontevedra en 1958- conforman unha mentalidade conservadora, aínda que se diga “de esquerdas”. Igual pasa co eólico. Claro que desde un goberno galego alternativo podería facerse todo moito mellor, pero iso non obriga á magufada apocalíptica. De feito, renunciar a ela e falarlle con seriedade á totalidade dos galegos é o que posibilitará que, en vez de rodear San Caetano, entremos en San Caetano.
Cómpre deixar de reducir Galicia. Toca abandonar o retrovisor dramático e pensar nas potencialidades de avance que temos. Porque, como dixo o sociólogo Karl Mannheim, “onde o progresista usa o futuro para interpretar as cousas, o conservador usa o pasado”. Daquela, sexamos progresistas.
____________________________________________
Rodri Suárez (A Coruña, 1974). Xornalista e asesor político galego. Dirixiu a sección de deportes de La Opinión A Coruña, e o apartado de política do Xornal de Galicia. Ten colaborado en medios como DxT Campeón, A Nosa Terra, Galicia Confidencial, Radio Coruña, Diagonal, Luzes de Galiza, Sermos Galiza, Localia, El País, Cope Galicia, e El Ideal Gallego.
Desde o ano 2015 actuou como asesor de alcaldía no Concello da Coruña de Xulio Ferreiro primeiro e, comezando en 2020, da acaldesa socialista Inés Rey.
É autor das obras Non temos medo (Nicetrip, 2014) e Galicia Reducida: Crítica ao marco conservador e centralista do autogoberno galego (Morgante, 2024). Tamén foi letrista dos temas dos Diplomáticos de Monte-Alto: O son das túas ondas. Homenaxe ao Deportivo da Coruña e Lume de biqueira, incluída no disco Capetón e no compilatorio Selección Xa!