O BNG debe deixar de ser só oposición e converterse nunha alternativa real, con propostas claras para a industria, as infraestruturas e o rural, demostrando que está preparado para gobernar Galicia.
No pasado mes de febreiro, cumpriuse un ano das últimas eleccións galegas, onde o PPdeG volveu demostrar a gran forza da súa subestimada maquinaria electoral e o BNG consolidouse como segunda forza e a necesaria alternativa de país. Mais, para non chegaren confundidos ás próximas eleccións, os nacionalistas deben dar un salto cara a querer gobernar Galicia, unha Galicia enteira. Por iso é necesario facer un breve repaso do primeiro curso político da era Rueda e así encamiñar o resto de lexislatura.
No 2024 a política galega estivo cun ollo máis posto na política madrileña que na propia, aceptándose unha selectividade ao gusto de Ayuso, desbotándose a bilateralidade no financiamento etc. Neste 2025 imos a máis, ao abrirse debates como a condonación da débeda –con Galicia liderando o seu rexeitamento–, ou a renuncia a desenvolver o Estatuto de Autonomía, deixando de reclamar as competencias de seguridade para termos unha policía galega ou desenvolver unha facenda propia. Os grandes debates abertos no 2024 no país foron tres: a posible implantación de Altri sería o primeiro, o que demostra que a preocupación polo medio ambiente é cada vez máis transversal na sociedade galega. No segundo caso, a defensa da sanidade pública, sendo o gran talón de Aquiles da política galega. Nestes dous asuntos, o discurso gáñano de forma clara os nacionalistas e as diferentes entidades sociais. Porén, isto non significa que os nacionalistas recaden un maior apoio social que se traslade a un apoio electoral máis transversal. En terceiro lugar, o debate sobre a necesidade dun Pacto pola Lingua, caso no que están gañando o relato os populares a pesar da dramática situación do noso idioma e de nin propoñer medidas transformadoras nin de recoñecer erros nas políticas de lingua da era Feijóo. Daquela, os nacionalistas non están acertando en algo. Que deben facer?
Consecuentemente, o BNG, cun grupo de 25 persoas parlamentarias, debe reflexionar. Non só pode facer unha oposición de combate e demolición, senón poñer na mesa os seus proxectos para transformar o país en todos os eidos, mais sen caer no relato simple dunha Galicia atrasada e bucólica do século pasado, dado que a Galicia actual é moi diferente.
Galicia é maioritariamente urbana, con dúas grandes áreas metropolitanas, sete cidades e vilas ben conectadas que fomentan un dinamismo social, económico e cultural. Non obstante, tamén se precisa dar resposta ao reto do desenvolvemento rural e á transformación do sector pesqueiro, traballando por ideas que freen o seu declive. A sociedade galega precisa respostas a cuestións fundamentais como a degradación da sanidade pública, resultado dos recortes derivados da crise de austeridade do 2008 e que aínda se sofren na actualidade. A situación laboral tamén é preocupante, xa que os salarios non se corresponden co custo de vida, a pesar de termos taxas de desemprego case no nivel do pleno emprego. A vivenda é outra gran preocupación, especialmente para a xente moza que quere iniciar os seus proxectos vitais na vida adulta.
No aspecto territorial, hai importantes problemas por resolver, como a eliminación das peaxes da AP-9 e a súa transferencia, para gañar competitividade no eixo atlántico. Tamén falta concreción sobre o desenvolvemento do AVE cara Portugal ou o financiamento e impulso do Corredor Atlántico. A defensa de empregos en industrias como Alcoa (respectando a normativa ambiental) ou Ence (noutra localización e con novos condicionantes) tamén é fundamental, xunto cun plan estratéxico para o desenvolvemento dun proxecto industrial galego dentro do contexto europeo, e un modelo enerxético que se adapte ao Pacto Verde Europeo, dentro dunha ordenación territorial que faga compatible o desenvolvemento das enerxías renovables coa biodiversidade e o territorio no seu conxunto.
Estes son algúns dos grandes asuntos que ten por diante o goberno galego nos próximos tres anos, mais a súa acción de goberno está gañando de forma clara o marco comunicativo na sociedade galega, un marco claramente socialdemócrata (empresa pública de enerxía, novo Plan de I+D+i, repotenciar os parques eólicos, vivenda pública, novos hospitais, Bonos Comercio, universidade gratuíta …) que saca do taboleiro político o PSdG e frea o BNG, ao deixalo cun discurso totalmente rupturista. Como afirma constantemente Paula Prado, “os do NON”.
En certo modo, o goberno acaba por situarse na realidade e no pragmatismo (o sentidiño), atraendo industria (aínda que teña máis consecuencias negativas que positivas), creando novas residencias (aínda que sexan privadas), conseguindo as competencias do litoral (aínda que sexa para manter a Ence na da ría de Pontevedra), ofrecendo un Pacto polo Galego (aínda que sexa para que todo quede igual) ou dando un xiro ás políticas de vivenda de Feijóo (aínda que con menos orzamento e VPO que o bipartito). Mentres, a oposición segue sen pasar de nivel nesta partida da política galega e só lle fala á súa parroquia.
Os nacionalistas, como alternativa, necesitan deixar de ser un partido cómodo na oposición sendo maiores de idade, facendo propostas comprensibles e centradas no territorio. Isto implica saír do Parlamento e estar na sociedade, nos concellos e nas cidades de forma constante, coñecer as necesidades máis sinxelas (unha casa da cultura, instalacións deportivas, proxectos de emprego ou de dinamización da lingua, a falta de terra para ampliar explotacións agrarias, novos polígonos industriais …) e tamén defender o impulso ás grandes infraestruturas que necesitan as cidades (circunvalacións pendentes, vivenda pública, desenvolvementos dos portos comerciais, conexións ferroviarias con Portugal, coordinación aeroportuaria, tren de proximidade…). Ademais, cómpre propoñer de forma decisiva o desenvolvemento das áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña como grandes polos urbanos e económicos do país, sen esquecer conectar as sete cidades, potenciando as súas múltiples sinerxías. O anterior ten que ir acompañado dunha proposta industrial e enerxética, máis ala da tarifa eléctrica galega, aínda que iso implique ter que dicir onde deberían situarse as industrias estratéxicas ou os parques eólicos. Explicarlle á sociedade galega cal é o seu plan eólico e así resolver a incógnita de cal é o “si” do lema “ Eólicos SI, mais non ASÍ”, porque o “así” xa o sabemos e coñecemos desgraciadamente.
Paralelamente, tamén necesitan conectar coa Galicia rural, que non entende o discurso urbano lonxe dos seus problemas. Iso implica dar unha proposta potente do que se vai facer co monte e polo tanto coa pequena industria de transformación da madeira ou como atallar o problema da propiedade da terra, o despoboamento ou o desmantelamento dos servizos básicos nas comarcas rurais. Mais isto implica dar resposta ás preguntas clave. Como desenvolver un monte máis multifuncional? Que proxectos se van levar a cabo para mobilizar a terra agraria? Como mantemos os servizos básicos en comarcas en desaparición? Estas respostas son moi necesarias.
En conclusión, os nacionalistas do BNG necesitan pasar de ser un partido rupturista, que dá literalmente medo a unha parte da sociedade galega, centrado na simple oposición, a acender o interruptor de entender o país e querer gobernalo, mais sendo conscientes que “repartir os xurelos” non é fácil, especialmente cun contexto europeo e internacional cada día máis complexo e incerto.