O Balneario (A Edreira), territorio do Grupo de Choque de Juan Sorga.

Por París, Zürich e tantas outras cidades europeas paseáronse nos anos setenta vellos homes con engurras na face, que nunca a ninguén confesaron o segredo da súa vida. Os tempos nos que cun fusil ao ombreiro pasaban as noites de luar ollando ás estrelas. Nomes que esbozan sorpresa nos ollos de vellos consumidos polo alzheimer na terra máis abandonada do estado. Aldeas esquecidas, arrasadas polo etnocidio, que en tempos viviron unha guerra silenciosa. Desprezo polas institucións, que non é á guerrilla ou aos seus actos, senón a unha pasaxe da nosa historia. Pero a terra non esquece. Non esquece á señora que recolleu o cadáver do seu fillo cun carro de bois. Non esquece as nais que levaban aos seus meniños a ver aos seus pais fuxidos ao monte. E non esquece que a resistencia armada antifranquista naceu aquí. Última entrega da colección “A Guerrilla Antifranquista Galega” do Ferrado.

 

Durante os últimos meses, O Ferrado dedicouse a recuperar a memoria histórica da esquecida e defenestrada Guerrilla Antifranquista Galega. A primeira e única resistencia armada á dictadura xurdida en España. Para iso, percorrimos algúns dos episodios máis senlleiros: Coñecimos a guerrilleiros que trascenderon ao imaxinario popular galego como Foucellas; vibramos con emocionantes historias de carraxe, dignidade e impotencia dun rapaciño chamado Camilo de Dios que tivo que vivir a infancia cun fusil ao ombreiro no monte canda a súa nai e irmáns; camiñamos por entre unha cidade no corazón da selva que era símbolo de loita nos montes de Casaio; ficamos abraidos co Piloto, quen mantivo a loita só, case ata a chegada da democracia, morrendo froito dunha traición; e emocionámonos coas historias de todos aqueles anónimos, homes e mulleres, que conformaron a chamada guerrilla do chan. Os enlaces que axudaron, acolleron e agocharon aos fuxidos que fixeron da serra a súa casa.

Para iso contamos coa inestimábel axuda de moitos dos nosos colaboradores, da creadora de contido María Rúa (a Prado Rúa) e de infindade de testemuñas que alzaron a voz para contar a súa visión dos feitos. Persoas que sempre cargaran soas coas lembranzas da súa aldea, da súas familias e amigos. Tan só por iso pagou a pena contalo todo. Por respecto con todos os que en primeira persoa sufriron e combatiron. Cando comezamos o proxecto sentamos as bases fundacionais que queríamos o sustentaran en todo momento: Primeiro, revelar que lonxe de ser submisa e cómplice, a Galiza amosou unha rebeldía afouta. Segundo, honrar a figura daqueles que por uns ideais foron á morte; e terceiro, ter unha voz galega que redescubrise o pasado que se nos ocultou. Hoxe esta longa singradura chega ao seu fin, e faino co home co que todo comezou, Juan Sorga, comandante do Grupo de Choque do Balneario, na Edreira, na Serra de San Mamede.

Lenda da guerrilla limiá, o Juan Sorga inda é lembrado entre os habitantes da contorna. Sorga naceu en Cortegada, Pazos de Codosedo (Concello de Sarreaus). Labrego fillo de solteira, atopábase, como tantos galegos, na sega en Madrid cando aconteceu o Golpe de Estado de 1936. De fortes conviccións republicanas alistouse inmediatamente na Fronte Popular e, polas súas capacidades, foi recrutado no Servizo de Intelixencia. Conta con tan só 18 anos no momento no que é ascendido a tenente durante a Batalla de Madrid. Coa derrota da lexitimidade republicana fuxe a Francia, onde é internado nos campos de concentración de Sepfonds primeiro e Argelès-sur-Mer despois, para ser deportado a España polas autoridades francesas no 1940, ano no cal é quen de voltar a Galiza, onde casa coa súa primeira muller, Leonor, filla de Honorio Campos, quen fóra concelleiro da Fronte Popular por Sarreaus durante a II República.

Logo da morte da súa muller durante o nacemento do seu fillo, en 1947, Juan Sorga bótase ao monte para unirse ao Exército Guerrilleiro da Galiza. Ao ano seguinte, en 1948, a Garda Civil intercéptano portando unha misiva da guerrilla. Especial mención require a edición e distribución de propaganda revolucionaria por parte da resistencia. Esta certifica dous feitos cruciais que veñen a soster as teses previamente descritas. O primeiro, a intencionalidade política da guerrilla, xa que todas as publicacións teñen por obxectivo a concienciación da sociedade. E o segundo, o amplo número tanto de guerrilleiros operativos como da rede de enlaces. Así, en abril de 1943 edítase o primeiro número de “O Guerrilleiro”, voceiro da Federación de Guerrillas da Galiza-León, cunha tirada de 300 exemplares. A imprenta pertencía ao colaborador inglés Alexander Easton, enxeñeiro encargado do servizo nos consulados británicos de Vigo, A Coruña, Xixón e a embaixada en Madrid. “O Inglés” tamén provirá á resistencia galega cun hospital encuberto no faiado do seu domicilio.

A Garda Civil traslada ao guerrilleiro a Pazos tras a súa detención. Os enlaces leais á resistencia espallan o murmurio pola comarca. A información chega a Honorio Campos, seu sogro. Home con gran compromiso revolucionario que fóra concelleiro pola Fronte Popular en Sarreaus. Honorio convoca ao Exército Guerrilleiro da Galiza e informa que Juan Sorga, seu xenro, foi prendido. A comitiva da Garda Civil pasa por diante da taberna de Honorio Campos no camiño de Sorga ao cuartel cando de socato media ducia de guerrilleiros alí parapetados comezan a disparar sobre eles. A emboscada colle ás forzas do orde por sorpresa e acada a liberación de Sorga. Todos os guerrilleiros conseguen escapar do enfrontamento e refúxianse na Serra de San Mamede. Pola contra, Honorio, varios veciños e o seu curmán Isamel Sorga son detidos e executados nun xuízo sumarísimo acusados de colaboracionistas. Juan Sorga agóchase temporalmente co seu tío Delfín en Cortegada antes de botarse ao monte da Edreira con varios compañeiros, converténdose nese momento no xefe do comando “Grupo de Choque de Juan Sorga”, composto por Camilo de Dios, Manuel Nóvoa, Antonio Pérez e Xosé María Saavedra. O asasinato de Isamel Sorga relata o cru do conflito que vivía na altura a Galiza rural en contacto coa guerrilla. A nai de Isamel, vendo que este non retornaba logo de que a Garda Civil fóra a buscalo a casa, saíu na súa procura, atopando o corpo sen vida do seu fillo entre Pena e Morgade. O rapaz, inocente de calquera cargo criminal, sufriu a bestial represión do réxime, quen tiña que saldar o vergoñento acontecemento da liberación de Sorga. O seu delito foi o de ser curmán do guerrilleiro.

A resistencia antifranquista fíxose forte na Comarca da Limia, converténdose en territorio hostil e rebelde para as forzas franquistas. En Sarreaus por exemplo, gobernara o PSOE até o estoupido do Golpe de Estado de 1936. Dato revelador do compromiso socialista do rexedor da vila é o nome que lle puxo a un dos seus fillos, Lenin. Asemade, A Limia converteuse nun caladoiro de guerrilleiros, proliferando nas bisbarras da comarca non só os maquis senón tamén un pobo comprometido que proviu á resistencia de enlaces que sostiveron a guerra irregular na súas vidas cotiás. A explicación deste fenómeno é dual. En primeiro lugar, a politización galeguista, socialista, cenetista e anarquista do territorio durante as décadas previas á Guerra Civil, e en segundo lugar, a gran poboación proletaria que acumulaba o núcleo procedente dos obreiros do ferrocarril. O tren foi un dos catalizadores máis importantes cara a defensa da patria na historia recente da Galiza. No ano 1931, a paralización das obras do ferrocarril provocou a fugaz institución da Primeira República Galega. A declaración de independencia pronunciada por Alonso Ríos xurdiu da concienciación de que a solución dos problemas da Galiza pasaba pola instauración dunha república ceibe e non pola integración nunha república española. A paralización das obras do tren foi a gota que colmou o vaso de séculos de maltrato por parte do centralismo de Madrid, onde a Galiza estaba sometida a prácticas de colonialismo interior. Precisamente foi o mesmo tren e a mesma decisión por parte da República, aducindo a suspensión das liñas pola falta de rendibilidade, a que provocou folgas revolucionarias por parte dos proletarios da Limia que da noite á mañá se viron sen traballo e abocados á miseria. Producíronse tiroteos en San Fiz e tras a inmediata chegada da ditadura, os obreiros de Vilar de Barrio, politizados nas teorías libertarias, forneceron as filas guerrilleiras sendo os primeiros en acudir á resistencia.

A memoria dos habitantes da contorna está viva e inda lembra os convulsos anos nos que a guerrilla exercía máis control na comarca do que as forzas do orde. Así, por exemplo, inda hai veciños que recordan como no ano 1947 os maquis entraron por sorpresa en Vilar de Barrio, tomando por asalto unha cafetería na que habituaban reunirse membros locais de falanxe. Ou, historias máis sentidas como a da execución dun guerrilleiro en Sarreaus en 1957, e a consecuente aparición de flores no lugar do seu asasinato, lembrando ao franquismo que a pesar da superficial submisión, parte do pobo continuaba a os rexeitar. Historias de mulleres e homes anónimos que, como Angelito de Prado, taberneiro do lugar, acolleron, financiaron e defenderon á resistencia, non entendendo a súa existencia sen a colaboración do pobo raso. Porén, cómpre tamén rescatar a historia de todos aqueles galegos que pola contra delataron aos guerrilleiros e loitaron contra eles. Os sectores máis humildes da sociedade, labregos e campesiños, tamén engrosaron as filas de Falanxe para saír do pozo. A adhesión ao réxime aseguraba unha vida digna e sería un anacronismo condenar na actualidade a aqueles que no seu momento procuraron sobrevivir da maneira que puideron. Gran parte dos funcionarios públicos do rural de posguerra non se formaron a partir de persoas con capacidade de licenciarse, senón a través daqueles que traballaban duramente no campo e menos recursos económicos tiñan.

A guerrilla baseara a súa existencia desde o abrente na esperanza da chegada dun contexto internacional máis favorábel que lle permitise manter a resistencia o tempo que tardaran os aliados en intervir en España logo da derrota do fascismo e do nazismo na 2GM. O sistema internacional non só os traizoou, senón que abandonou España aos designios e desexos do ditador. Entre os anos 1941 e 1945, ante o isolacionismo internacional que atravesaba o réxime franquista e o medo á devandita intervención militar aliada, guerrilla e estado desenvolveron unha política de pseudo-tolerancia na cal se evitaban mutuamente pretendendo non enfrontarse. Así, a Garda Civil, que de sobra sabía das incursións dos guerrilleiros nos pobos, non investía especiais esforzos na súa loita. Todo cambiou a partir de 1946, momento no que o réxime comprendeu que non sería combatido externamente. A “calma tensa”, como se denominou ao período previo, deu lugar a unha feroz represión que propuña non só rematar coa resistencia armada, senón castigar salvaxemente ao tecido de enlaces que a sostiñan e que xermolara nas forzas do orde un complexo de inferioridade e hostilidade constante naquelas vilas e comarcas onde a guerrilla tiña máis forza. O control da Galiza produciuse a través do medo, o sometemento e a extrema violencia indiscriminada. Crimes como o do asasinato de Ismael, ou as torturas e vexacións cara Ángela, segunda muller de Sorga, enviaban unha clara mensaxe á poboación rural da Galiza que desafortunadamente chega até hoxe en día.

Como foi explicado previamente, tamén algunhas das máis desprezábeis execucións foron realizadas pola propia guerrilla e sería faltar á verdade ocultar os crimes dun dos bandos, xa que en calquera guerra, inda que sexa irregular, é o pobo quen máis fondamente sofre as consecuencias. Elocuente exemplo é a propia depuración por parte de mandos do Exército Guerrilleiro cara os mesmos maquis. Nunha ocasión, en 1947, logo dunha emboscada en Ourense que tiña por obxectivo liberar a milicianos detidos a espera de xuízo, e que se saldou con dous guerrilleiros ceibados, o Comando da Edreira acudiu por orde do Comité Central da guerrilla a unha reunión nalgún lugar do rural do Barco de Valdeorras. Alá, de maneira sumarísima, executarase a dous maquis baixo acusación de delación.

No mesmo 1948, o Grupo de Choque de Juan Sorga é delatado por un muiñeiro á beira do río Arnoia en Parada do Folgón (Vilar de Barrio). A Garda Civil sorprende novamente aos maquis, que lonxe de se deixar prender, desarman aos militares e lles obrigan a cruzar o Arnoia na dirección contraria da que eles ían tomar. Porén, ante o detrimento da loita armada, a redución dos apoios por mor do control e o perigo que para a poboación supuña a mera presencia da resistencia, o Grupo de Choque da Edreira acorda a súa disolución. Os milicianos Manuel Rodríguez, Perfecto Dios e a súa nai Carme tentan chegar a Francia, primeiro a través de Portugal e despois vía Madrid. Na segunda viaxe son sorprendidos en Chaherrero (Ávila). Alá Manuel e Perfecto son torturados e executados. Carme é internada na cadea. Juan Sorga e Manuel Rodríguez, pola súa banda, son quen de chegar a Madrid. Logo dun tempo agochados na capital, suben ao tren Madrid-Zaragoza. Durante o traxecto o exército sorprende aos guerrilleiros galegos. Manuel Rodríguez é prendido, mentres que Juan Sorga salta en marcha, esvaecéndose a súa pegada para sempre. Ángela Sampedro, a súa segunda muller, quen quedara na Galiza, padece as consecuencias dos actos do seu marido. Condenada a dous anos de prisión, sufrirá incontábeis penurias e abusos na cadea de Sandiás.

Ao final, o tempo sempre remata por aflorar a verdade. A historia de Sorga, revolucionario incansábel, perdeuse naquel tren a Zaragoza, pero non rematou alí. Hoxe sabemos que o guerrilleiro galego chegou a Francia. E non só iso, senón que comezou unha nova vida alá. Unha na que ninguén soubo nunca quen fóra no seu lugar natal. Nin tan sequera a familia que alá formou. Coma el, moitos outros guerrilleiros da Federación ou do Exército da Galiza conseguiron fuxir do franquismo e adoptar novas identidades que xamais revelaron aos seus familiares. As netas do Galán, profesoras universitarias na Suíza, ou a muller do Sorga, por certo, inda viva, nunca souberon que o seu avó, pai ou marido fóra a última defensa dun goberno derrocado. Descoñeceron até o final que aquel home do que pensaban saber todo vivira agochado na espesura do monte combatendo só a unha ditadura. Nunca imaxinaron que representaran a resistencia armada do seu país desde unha serra perdida daquela Galiza que só ficaba na memoria.

Por París, Zürich e tantas outras cidades europeas paseáronse nos anos setenta e oitenta vellos homes curtidos con engurras na face, que nunca a ninguén confesaron o segredo da súa vida. Os compañeiros caídos. As execucións dos labregos que lles agocharan. E en definitiva, os tempos nos que cun fusil ao ombreiro pasaban as noites de luar ollando ás estrelas.
Deles nada fica máis do que a lembranza popular. Nomes que esbozan sorpresa nos ollos de vellos consumidos polo alzheimer na terra máis abandonada do estado. Aldeas esquecidas, arrasadas polo etnocidio, que en tempos viviron unha guerra silenciosa. Desprezo polas institucións, que non é á guerrilla ou aos seus actos, senón a unha pasaxe da nosa historia. Pero a terra non esquece. Non esquece á señora que recolleu o cadáver do seu fillo cun carro de bois. Non esquece as nais que levaban aos seus meniños a ver aos seus pais fuxidos ao monte. Non esquece aos inocentes labregos executados baixo acusacións de colaboracionistas. E non esquece que a resistencia armada antifranquista naceu aquí.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad