Os límites da aposta do soberanismo galego

Neste artigo proponse unha crítica ás eivas do actual soberanismo: unha progresiva dereitización derivada da aposta por centrar todos os esforzos no terreo electoral. Como contrapunto, situamos a independencia política de clase como un necesario primeiro paso fronte ás limitacións políticas do movemento soberanista galego.

 

Imaxe que ilustra o artigo: “Composición suprematista 2” – Kazimir Severinovich Malevich (1915).

Artigo asinado conxuntamente por Chema Naia e Jorge Seijo.

 

Atopámonos, sen dúbida, diante dun feito histórico: o pasado 18 de febreiro o BNG tocou a súa cimeira eleitoral obtendo os seus mellores resultados nunhas eleccións autonómicas dende a súa existencia. A pesar de non ter logrado o seu obxetivo, expulsar o PP de San Caetano, as sensacións parecen indicar que o proxecto está máis forte ca nunca: ábrese agora unha nova carreira de fondo onde se verterán inxentes cantidades de traballo político para intentar derrocar o PP nos comicios de 2028, presentando este feito por numerosos sectores organizados na Galiza como o primeiro paso na resolución do problema nacional galego.

Perante o optimismo que atravesa todo o discurso oficialista do soberanismo galego parécenos necesario facer unha valoración que saiba situar correctamente as aristas que estas lecturas obvian.

A política revolucionaria: unha cuestión de votos?

En primeiro lugar debemos preguntarnos se os resultados electorais da candidatura soberanista se debena unha expansión real do corpo e capacidades organizativas do mesmo e no calado das súas teses políticas. Nós entendemos que non, e parécenos oportuno sinalar varios asuntos políticos de fondo que entendemos como determinantes: a hecatombe do espazo político de AGE/ANOVA/Mareas, o desgaste dun PSdeG afundido en liortas internas e sobre todo a transversalización (e para que enganarnos, a dereitización) dun Bloque que aínda non padeceu o desgaste de xerencia institucional dos anteriores proxectos hexemónicos da socialdemocracia e efectúa hoxe o papel de aglutinador das desencantadas bases sociais e figuras mediáticas decepcionadas con estes experimentos.

É neste último elemento onde situamos a principal lección dos comicios, o aggiornamento, especialmente no eido institucional, do proxecto do BNG. Pese a manter unha intervención social e de base activa, moi distante da esterilidade e incapacidade doutras expresións da socialdemocracia que concorreron o 18-F como Sumar e Podemos, como se ve no papel da CIG ou na cuestión anti-imperialista a través de Mar de Lumes, o contraste e a instrumentalización destes esforzos tropeza cun perfil político institucional preocupado máis ben por amosarse coma uns técnicos eficientes a ollos dos capitalistas galegos e coa subordinación de todos os esforzos cara ao fin electoralista. A cuestión de se estes electores avanzan cualitativamente na comprensión da súa situación de explotación e da necesidade da súa organización a través dunha acción independente de clase que cuestione a orde social existente difumínase baixo o fetichismo numérico dos votos.

Así, temos por un lado a Ana Pontón amistosamente reunida coa patronal galega en Vigo (1) mentres a CIG encabezaba as folgas dos traballadores de Vitrasa e do sector da limpeza. Incluso, obsérvase que a mesma folga xeral da CIG, instrumentalizada pola burocracia sindical ligada ao BNG, resulta bloqueada ante os escenarios preelectorais (e preinvestidura) (2). A isto únese o que vén sendo unha constante no soberanismo:  a aposta por impulsar os intereses das pequenas empresas galegas. O pulo polo emprendemento galego acompáñase da defensa do emprego digno e de calidade e dos chamados á reindustrialización do país. Aquí cabería preguntarse como pode sosterse todo isto ao mesmo tempo, pois é precisamente a pequena empresa, debido aos seus marxes de ganancia máis axustados quen depende de pagar salarios máis baixos e contar coas peores condicións laborais para ir capeando o temporal. Os informes da CEPYME son categóricos neste sentido, o grande inimigo da supervivencia das pequenas empresas son as subidas salariais (3). Por suposto, baixo a perspectiva dunha concepción colaborativa do proceso produtivo, agochado baixo abstraccións baleiras como “as clases populares galegas”, todo antagonismo de clase inherente á relación social de capital desaparece. O programa electoral do BNG insiste en desenterrar o corpo do vello Keynes, e léndoo parecería que a rendibilidade das empresas depende da vontade das institucións, así, non aparece máis límite ao desenvolvemento social e harmónico de Galiza que a mala vontade duns xestores traidores á patria, españolistas e centralistas personificados no Partido Popular de Galicia. A inversión para esta especie de neokeynesianismo sería unha variable política, totalmente esóxena do ciclo de acumulación capitalista. Porén, a inversión de capital ten unhas determinacións diferentes, a inversión atópase seguindo as taxas de rendibilidade, as cales, en boa parte da economía mundial, están pola baixa (4). O BNG parece fiar toda a súa política social aos cantos de serea compartidos polos proxectos socialdemócratas da nosa contorna estatal. Estes proxectos refúxianse baixo o paraugas dunha xestión adecuada ao abeiro do novo escenario europeo e mundial, isto é, na hipótese de que as políticas de excepción tomadas polas institucións europeas ante a crise da COVID19, unha fiscalidade laxa materializada na suspensión dos Pactos de Estabilidade e Compromiso, así como as inxentes inxeccións de fondos europeos, chegarán para salvarnos e habilitarán o espazo para unha forte política social (5). 

Pero a cousa non queda aquí. Os sacrificios que deben facerse para presentar unha cara tranversal e amable no electoral non chegan só ao “económico”. Atopámonos tamén perante unha evolución dende a proclama da vía autodeterminista ou mesmo un certo independentismo cara a un proxecto nacionalista xa abertamente rexionalista de cuño autonómico (6). Así, temos hoxe ao BNG como un dos facilitadores da investidura do actual goberno estatal do PSOE, cuxas condicións (maiormente a promesa da rebaixa da AP-9) quedaron en auga de fregar (7), e non existe tampouco marxe de manobra nese sentido xa que a vontade dun proxecto atrapa-todo, que busca capitalizar as iniciativas sociais cara ao reforzo do rédito electoral, impídeo. É así como o éxito do que poderiamos chamar ‘efecto Pontón’ sitúa por unha banda o BNG como aspirante oficial á xestión da Xunta ao tempo que limita absolutamente o seu accionar político polos compromisos que estes obxectivos lle obrigan a tomar. Parece que as críticas de sucursalismo e españolismo coas que o soberanismo criticaba os anteriores proxectos políticos de esquerda do país estanse volvendo de maneira traizoeira contra os seus propios emisores.

As tarefas dun novo ciclo político.

Chegadas a este punto cómpre preguntarse se as militantes independentistas deben sumarse a esta eiva. Parece que intervir no BNG, poñendo os coñecementos técnicos e capacidade política ao servizo do proxecto asumíndose como transmisoras acríticas da corrente hexemónica, implica agochar todas estas contradicións moitas veces baixo a forma dun radicalismo discursivo estéril dentro dunha militancia cómoda baixo o paraugas dunha tendencia electoral favorable.

Para nós, pouco hai que rascar para o proletariado galego dende o marco institucional do BNG, a nosa aposta parte de situar a un dos grandes abandonados no proxecto político do BNG: a independencia política de clase. Hoxe a clase asalariada en Galiza constitúe a ampla maioría da poboación e non nos parece que estea sobre o escenario unha sociedade en vías de transición ao capitalismo onde sexa necesario tecer alianzas coa pequena ou capas medias da burguesía nacional. Noutras palabras, non existe a necesidade dunha fase intermedia baixo a forma dunha revolución nacional-popular como precondición indispensable para o horizonte socialista. Porén, a crítica ao interclasismo do proxecto soberanista galego tampouco debe ignorar as particularidades nacionais do proletariado galego. Non obstante, os dereitos nacionais deben sempre defenderse dende a consecución de dereitos políticos e culturais para a clase traballadora, non para reforzar o peso dentro do estado daqueles que nos explotan nas condicións máis miserables, nin para mellorar a costa do erario público (en última instancia o fondo público de plusvalía) a súa competitividade.

A lexítima e necesaria loita polos dereitos nacionais galegos será medio necesario para o avance do proxecto independente da clase obreira galega, non un medio para subordinalo dentro dunha harmónica condición nacional que agoche o conflicto subxacente ás relacións capitalistas. O anterior implica que a clase traballadora galega, se quere achegarse realmente á súa emancipación, debe substituír o principio de autodeterminación nacional polo dereito de autodeterminación de clase na que sexa este suxeito de clase quen poida acometer os avances particulares que teña capacidade para desenvolver. Cremos que é necesario recalcar a necesidade de ir construíndo ferramentas de loita e institucións xenuinamente galegas, sen esperar pacientemente unha sorte de revolución proletaria mundial que dun trazo impoña o socialismo en todo o globo para agardar por extender as súas máximas (este socialismo cosmopolita é tan utópico como calquera ilusión da posibilidade de soster un socialismo nacional a escala galega). Porén, a organización independente do proletariado galego debe unirse, sen renunciar a todos os avances nacionais diferenciais que esta teña que desenvolver, cun proxecto que enfronte o capital nas propias escalas nas que a burguesía se organiza: tanto a escala estatal, como a escala rexional e internacional. Do contrario toda independencia formal darase de bruces cos mecanismos de dominio supraestatais, como a triste experiencia grega amosou hai uns anos e que o soberanismo galego parece non ter en conta. O avance do proxecto político do proletariado galego debe necesariamente entenderse como un avance táctico que forme parte dun proxecto máis extenso e a maior escala territorial, humana, de recursos e de posibilidades, isto é, dun partido comunista de carácter internacional. Sen dúbida, esta é unha das grandes leccións que o ciclo revolucionario pasado nos deixou: a necesidade de organización a escala internacional da clase traballadora, a necesidade dunha Internacional Comunista, marco necesario baixo o cal toda revolución socialista exitosa se organizou.

Afirmamos, por tanto, que o proxecto político do proletariado galego atopa o seu destino unido á da clase obreira internacional, e non é a vontade españolista ou os ánimos de traizón á causa galega das autoras do texto quen marca isto, senón a situación da Galiza na actual división internacional do traballo. A escisión das diferentes fases dos procesos produtivos espallados por todo o mundo, onde a opción de bastarnos simplemente da economía nacional para desenvolver a liberación do proletariado do noso país nos situaría nunhas condicións de extrema dificultade para levar a bo porto o buque da revolución proletaria galega. De querer facer efectiva a superación da explotación do home polo home, impónsenos a reflexión sobre a conformación do capitalismo contemporáneo, o balance auto-crítico do noso movemento, a formación, debate racional e reorganización política baixo o principio da independencia do proletariado como a mellor forma de realizar a tarefa histórica da nosa clase. 

 

REFERENCIAS

(1) Hermida, M. (25/01/2024). “Ana Pontón se compromete con el empresariado ‘a poñer na mesa de Pedro Sánchez a gratuidade da AP-9′”. La Voz de Galicia. Dispoñíbel online en https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2024/01/25/ana-ponton-compromete-empresariado-poner-na-mesa-pedro-sanchez-gratuidade-da-ap-9/00031706178041318943318.htm

(2) Redacción (05/08/2023). “La patronal del metal firma el convenio con CIG y UGT'”. Atlántico. Dispoñíbel online en https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2024/01/25/ana-ponton-compromete-empresariado-poner-na-mesa-pedro-sanchez-gratuidade-da-ap-9/00031706178041318943318.htm

(3) Confederación Española de la Pequeña y Mediana Empresa (decembro de 2023). “Salarios. Repercusión de la subida del SMI en la PYME española”. Dispoñíbel online en https://cepyme.es/salarios-repercusion-de-la-subida-del-smi-en-la-pyme-espanola/

(4) Roberts, M. (23/01/2022). “La tasa de la ganancia mundial: nuevas evidencias importantes”. Revista sinpermiso. Dispoñíbel online en https://www.sinpermiso.info/textos/la-tasa-de-ganancia-mundial-nuevas-evidencias-importantes

(5) Novas sobre fondos europeos do BNG (2021). Dispoñíbel online en https://www.bng.gal/tags/fondos-europeos/?page=2

(6) Redacción (07/11/2021). “A XVII asemblea do Bloque marca liñas: non ao independentismo e si ao soberanismo”. Galicia Confidencial. Dispoñíbel online en https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/179995-xvii-asemblea-bloque-marca-linas-independentismo-soberanismo

(7) Muñoz, B. (03/11/2023). “El acuerdo de PSOE y BNG para la investidura incluye la creación de las cercanías ferroviarias en Galicia”. Xornal elDiario.es. Dispoñíbel online en https://www.eldiario.es/galicia/acuerdo-psoe-bng-investidura-incluye-creacion-cercanias-ferroviarias-galicia_1_10654996.html

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad