Novas eleccións, mesmo panorama. O día da marmota da política galega

O vindeiro 18 de febreiro Galicia decidirá o seu futuro. Catro anos despois o panorama semella o mesmo: unha nova maioría absoluta do PPdG ou a apertura dun novo tempo liderado polo BNG. Dous camiños radicalmente diferentes. O pobo galego transitará só por un deles, definindo o País que ven e o que queremos ser. Pero por que outra vez nesta situación, por que unhas novas eleccións e o mesmo panorama? Talvez haxa outra Galicia, outra que se pregunta iso mesmo.

 

Cínguense unhas novas eleccións na Galiza e o panorama segue a ser o mesmo de sempre. Pouco haberá onde escoller. O Bloque Nacionalista Galego, se ben coa masa social máis fiel, ten unha falta de cadros criminal. O partido transitou nos últimos anos dunha alternativa política asemblearia e popular a unha organización personalista. O BNG non é ninguén senón Ana Pontón. Ben merecido por outra banda o capitaneo do barco, xa que foi ela quen o reflotou logo da marusía post 15M. Tamén é certo que sen tempo non era, sendo con 46 anos a deputada máis antigua do Hórreo, outro deses casos de político de profesión. 

Sábese cada vez máis perto dunha Xunta que acho non chegará e, ao igual que fixera Nicola Sturgeon co Scottish National Party (SNP), tenta transitar da dialéctica marxista-leninista que modelou a organización nos seus comezos, cara un partido “atrapalotodo” máis en liña co sentir maioritario desta nación chamada Galiza, que inda segue a estar orgullosa dos seus valores xudeu-cristiáns, tradicionalista e moderada, lonxe de radicalismos que hai moito que nos empezaron a parecer alleos. 

Por moito que Ana Pontón pertenza á UPG, pouco ten que ver con perfís máis reaccionarios e faltos de carisma, como o de Néstor Rego. Mentres unha foxe de polémicas e é a cara visíbel dun novo aire, dunha nova maneira de facer política, o outro espanta os votantes que Pontón tenta atraer, preocupándose máis por contentar aos xa convencidos do que abrirse a novas audiencias, sen parecer entender que só estas lle darán nalgún momento a chave da Xunta.

Agora ben, a falta de cadros do BNG é farto preocupante. As mesmas caras de sempre. No nacionalismo galego coñecémonos todos, e logo dunha vida asistindo ao Día da Patria xa son quen de darme de conta das ausencias daqueles que só vexo dun ano para outro. Pero o do Bloque é para miralo. Ninguén ofrece nada novo, os trocos non chegan, e cando o fan é coñecido o noxento enchufismo que os arrodea. Como en todos os partidos, claro está. O que pasa é que do BNG, talvez por afinidade, un agarda algo diferente. 

En resumo, desconexión entre as vertentes do partido, cuns tirando a soga cara un lado e outros cara o outro. Un receo criminal a calquera voz crítica (xa dixen que como masa social son os mellores, os máis seguidistas), unha falta de cadros insoportábel que converteu ao partido nunha persoa e un nepotismo de risa nas fichas que se moven. Como exemplo, a xerontocracia da Unión Soviética de finais dos anos 1980 queda en broma coa executiva de Pontevedra, a única capital de provincia de xestión nacionalista. A media de idade ha de roldar os 60 anos. 

Persoalmente non confío en organizacións onde o líder revalida nas primarias con cifras semellantes ás de Kim Jong Un en Corea do Norte, non gosto dos políticos de profesión e paréceme alucinante que sexa o candidato da Xunta quen vaia negociar a Madrid uns acordos cando o Secretario Xeral da organización está alá de deputado. Néstor vai de figurante, logo? 

Pídolle ao lector que faga a seguinte análise… Que vai ser do Bloque o día que non estea Ana Pontón? Alguén imaxina sucesor? Por outra banda o Partido Popular non é alleo a esta análise. Non me malinterpretedes, os cadros do PPdG son igual de malos (non podo dicir nin mellores nin peores), que os do BNG. De feito, o BNG ten mellor cara visíbel, que nestes casos nos que do que se trata é de convencer á masa, na súa maioría ignorante, é sen dúbida unha vantaxe. 

Daquel PPdG da boina, comprometido coa lingua e con facer da nosa unha terra de seu, non queda nin o que limpaba o despacho de Fraga. Varréronos do mapa. Esvaecéronse, soterráronos durante estes anos de insultante goberno. O que en tempos foi o corpo máis autónomo e díscolo do Partido Popular é hoxe o maior esbirro do que diga Madrid. Rendémoslle máis pleitesía a España que nos tempos da Doma e a Castración. Pero coma sempre, parece dar igual. 

Non obstante, hai unha diferenza fundamental en todo isto: os tentáculos do PPdG son algo do que a Galiza non pode escapar. Tiran cunha forza abrumadora, a forza dun polbo que leva crecendo durante corenta anos, ou se nos poñemos a sumar ben, durante cen polo menos, levándonos cara o fondo do Atlántico. 

Rueda é un insípido. Como persoa non sei que tal será, pero como político está claro que malo, malísimo. Pero da igual. Da igual porque ten a sorte de ser do PPdG e iso xa cho da todo. Sexamos serios, Fraga era un home carismático. Pero Feijóo? A Feijóo non lle coñecían nin na casa. O PPdG é o Real Madrid dos partidos políticos. Gañar o Balón de Ouro no PPdG está tirado. Hai quen che di… Rueda non é carismático. Eses non teñen nin idea de como se move a política na Galiza. Mentres o Bloque precisa de 30 Anas Pontón o PPdG non ten que ter a ninguén. 

Do PSdG e adláteres non me paga a pena falar. Non gusto de malgastar o tempo con cousas irrelevantes. Simplemente direi que eses son xa unha versión inda máis insulsa que as outras. Digna de estudo é a minoría que lle vota. 

Pero agora a pregunta é… Por que outra vez nesta tesitura? Por que outra vez no marcador de saída, neste día da marmota que non da pasado? Talvez haxa un baleiro na partida, un xogador ao que se lle espera pero non da chegado. E non, non falo do “PNV Galego”, esas cousas parécenme unha mamarrachada. Pero con todo, ollo. Unha falta de respecto chamarlle a Galiza, por exemplo “A Holanda Atlántica” ou a “Pequena Suíza”. Que me contas? De historia non imos faltos como para andar a intentar imitar o de fóra, que inda por riba é peor. Pero voltando ao tema que nos atangue: o problema ven de que o tecido empresarial galego non ten unha alternativa política á que sumarse. 

Pregúntome eu, ao Grupo Tojeiro, a Froiz, a Coren, a Inditex, a Cortizo, a ENCE, ao polígono industrial do Porriño, ao da Reigosa e a un infinito etcétera, non lle interesaría controlar un partido político ao servizo do país? Hai unha cousa que ninguén parece ver, que é que os intereses da Nación, polo menos circunstancialmente, coinciden cos intereses do tecido empresarial galego. 

Vós credes que a Inditex non lle gustaría controlar os portos e aeroportos da Galiza, ou que ao Grupo Tojeiro non lle gustaría aproveitarse dunha AP-9, única vía de artellamento nacional de alta velocidade, pola que transitan todos os días moreas dos seus camións, de balde? Obviamente que lle compensa. Pero non hai partido ao que apoiar e en consecuencia, por descarte, non lles queda outra que ter unha relación de colegueo co PPdG. Porque, agora tamén vos pregunto, credes vós que Inditex vai nalgún universo paralelo a financiar ao BNG? Obviamente non, supoño que non é sorpresa para ninguén. 

Hai unha cousa que me repatea do Bloque. Eu son nacionalista, e como tal, egoísta. Egoísta orgulloso. Eu vou loitar polo mellor para os meus, polo dos demais que loiten outros. Eu son unha persoa pragmática e entendo o nacionalismo como o medio último para a consecuencia dos fins. Non é unha cousa linda, non vai de solidariedade e internacionalismo. Vai de efectividade. E de conseguir, se fai falla, as cousas a costa dos demais. Ese por certo é o motor da historia. As relacións internacionais xóganse na área realista. O demais son contos. 

Xa está ben de ver bandeiras alleas á nacional nas manifestacións do Bloque, bandeiras de lugares nacionalistas de verdade, que se para conseguir melloras para o seu pobo teñen que nos pasar por enriba, fano, como ha de ser. Basta xa de mentiras e falsa modestia. Unha cousa é ter unha alianza estratéxica puntual con outro pobo porque nos beneficia e outra é poñer a meixela para recibir unha torta que che vai deixar de medio lado. 

Falta o nacionalismo egoísta, o que persiga os intereses da Galiza, facéndolle entender ao tecido empresarial galego, que é quen ten os cartos, que este é o momento de financiar unha alternativa nacional. Unha alianza estratéxica porque os intereses do capital son os nosos como nación. Escudos pintan escudos e ducados fan ducados. Se temos o apoio do tecido empresarial témolo control da Xunta. 

Toda alternativa que transite sen esa alianza vai ser devorada polos brazos crónicos e enquistados do caciquismo do PPdG. Os empresarios son a espada a cortar a ventosa. Baltar pode comprar ao máis radical do BNG, Xosé Miguel Pérez Blecua, alcalde de San Xoán de Río. E é normal. O tipo procura o mellor para os seus viciños, pero quería ver eu ao PPdG nunha guerra contra Inditex, Cortizo e demais. Falta valentía dos dous lados. Dunha persecución sen complexos do benestar nacional en pos do egoísmo e dunha aposta do tecido empresarial. Non por nós, senón por eles. E non por eles, senón por nós.  

Hai 100 anos eramos a nación que máis loitaba polo seu feito diferencial no Estado Español. Hoxe somos unha vergoña, un territorio con tantos nacionalistas como Cantabria, Canarias ou Aragón. Xa está ben de poñer a cara. Que a poñan outros que nos xa a temos vermella de tanta labazada. 

Este artigo pecha a singradura do Ferrado neste noso segundo ano de traballo. Grazas a todos os que nos acompañastes, enchendo de folgos as velas desta humilde nave independente, sen ánimo de lucro e autofinanciada pola mocidade galega que arela con chegar a porto algún día, non importa se o vemos ou non. Continuaremos esta marabillosa aventura tanto como poidamos. Bo Nadal e Feliz Ano Novo de parte de todos os que conformamos O Ferrado.

Vémonos no 2024! Saúde e moita Terra, en especial para todos aqueles que nos len alén do país, para todas esas ialmas que soñan con voltar.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad