Deixar de ser: a globalización destrúe as identidades

A globalización, a través das súas consecuencias —migracións masivas, turistificación, xentrificación e neoliberalismo— erradica linguas, culturas e pobos. Chamámoslle progreso, pero é un xenocidio cultural: o camiño cara un mundo común ao prezo de deixar de ser quen somos.

Imaxe que ilustra o artigo: brigadas deseucaliptizadoras | Proxecto Verdegaia

 

A miña moza sempre me di o mesmo: —“ti sempre coa identidade a voltas!”. E si, eu sempre coa identidade a voltas. Sáelle cando escoita os meus comentarios sobre a globalización. Porque, malia ter cousas boas, estou convencido de que é o gran motor detrás da desaparición dos pobos. E serei un idealista, pero dóeme pertencer á primeira xeración que está asistindo, en directo, á desaparición das culturas e a homoxeneización da humanidade.

Claro que a globalización ten cousas boas: o acceso a información plural e case sen fronteiras, ou a facilidade das comunicacións. Meu pai, nado en 1950, aínda hoxe se fascina co feito de que poida falar co meu irmán —o seu fillo— nunha conexión Pontevedra–Melbourne, vendo a súa cara en tempo real e, por riba, de balde. El, que aínda se lembra da primeira vez que viu a televisión en cor.

Pero a globalización é, sobre todo, un fenómeno arrasador: un feito que comezou hai un microsegundo na escala histórica e que ten a forza dun tsunami capaz de erradicar, en poucos anos, séculos de configuración cultural.

O peor efecto da globalización é que imos cara a aparición dunha cultura única: unha civilización terrícola ou unha identidade da raza humana como conxunto. Isto, sobre o papel pode soar ata ben; pero a realidade é que na práctica é unha desgracia, un auténtico xenocidio cultural.

Póñovos un exemplo claro. No tempo que dura unha xeración, as identidades quedaron ao bordo da extinción. Se colles á túa nai —si, á túa, lector— e a sentas nos anos 70, con vinte anos, fronte, poñamos… unha rapaza de Kerala (India), non terían absolutamente nada en común. Nada do que falar. Nada que lles unise. Sería como xuntar a un extraterrestre de Tau Ceti con outro de Marte. A túa nai gustaríalle a música de Marisol; mentres que á rapaza india, quen fose que cantase alá. E mesmo imaxinando que puidesen entenderse, que xa é moito imaxinar, non terían do que falar. Unha non sairía máis que en contadas ocasións de… poñamos Catoira; mentres que a outra nunca coñecera lugar fóra de Cochim. Por suposto, ambas vestirían ao seu xeito, igual que fixeran as súas nais antes.

Agora damos o salto a hoxe. Séntate ti fronte a unha rapaza india. Non haberá moita diferenza que ao falar cunha amiga de Melide. As dúas sodes fans de Taylor Swift, ambas viaxastes a París o verán pasado, vestides de Zara, xogades ao volley, agardades con ansia o novo filme de Zendaya e, por suposto, as dúas podedes comunicarvos en inglés. 

En resumo: dilúense as identidades e desaparecen os pobos. Coa globalización xorde un segundo problema: os fluxos masivos de migración. Sempre houbo inmigrantes, si, pero non a esta escala nin con esta velocidade. As predicións apuntan a que en 2075 o 40% da poboación española será estranxeira. O problema non é que chegue xente; é que chega máis rápido do que unha sociedade pode integrar. E aí é cando as identidades desaparecen: a lingua propia perde terreo e as tradicións esvaécense. Quen chega non sempre ten interese en adoptalas, e trae consigo outras. 

Nun país onde unha parte significativa da poboación vén de fóra, o máis probábel é que o propio acabe por diluirse. Con contadas e honrosas excepcións, o máis probábel é que nunha Galicia cun 40% de poboación de orixe venezolana ou marroquí, o galego sufra un decrecemento aínda maior; o 1 de maio non se canten máis coplas, ou a noite de San Xoán quede sen familias ilusionadas por saltar as cacharelas ou lavar a cara coas sete herbas.

Entendo ese sentimento do meu pai ao ver o seu mundo erradicado. Cando nas feiras xa non se bailan as danzas de paus e cintas porque non hai quen as saiba; ou cando na taberna de toda a vida de Fornelos, onde comía bocadillos de xamón cos amigos, sirvan agora arepas e choclo. Non é só un cambio de carta: é un cambio de mundo. As súas netas non vivirán no mesmo país que el coñeceu.

Evidentemente, a culpa non é só da inmigración, senón dos efectos da globalización como conxunto. Que neno vai falar galego se todo o consumo das redes sociais é cada vez máis global, xa non en español, senón en inglés? Asistimos a diario a como o inglés come cada vez máis espazo no rueiro: nos “Big Sales” dos escaparates ou nos rótulos que xa nin se traducen. A isto súmanse a xentrificación, a turistificación masiva ou a morte do comercio local. Todos son efectos devastadores da globalización. 

O outro día, falando disto con Laura, parábame a pensalo e dicía eu: en realidade, isto non é malo per se. Quizais, se fósemos un alieníxena que puidera ver o mundo desde fóra, parecería marabilloso que nove mil millóns de persoas camiñasen cara unha cultura única. Pero gústeme ou non, eu non podo evitar sentir tristura porque nacín xusto no impass no que un mundo morría e outro nacía. 

Por sorte ou por desgraza, coñecín ambos. É por iso que me da pena. Se son racional, probabelmente, nin os meus fillos nin, de seguro, os meus netos, terán nunca este pensamento. Eles nacerán nun mundo moi diferente ao meu. Os da miña quinta, en cambio, aínda coñecimos o mundo anterior a internet, aos móbiles e á cultura global.

Ao final, un chora polo que ve morrer, nin máis nin menos. Pero cando deixa algo de existir? Ou alguén de ser de onde é? Haberá un día no que a cultura global sexa o tradicional. Xulgámolo todo desde o noso egocentrismo. A realidade é que o galego, a lingua á que nos aferramos para que dure mil primaveras máis, foi en tempos a invasora que provocou a desaparición da antiga lingua natural de Galicia. E de seguro que aquela foi, á súa vez, invasora dunha previa, e así sucesivamente. Hoxe o español ameaza ao galego, pero mañá será o inglés quen ameace ao español; e chegará o momento en que choremos a perda do inglés por outra lingua que a desplace.

Cando será o eucalipto unha árbore propia de Galicia? Soa a tolemia, pero acabará por chegar o día. O tempo todo o fai. O piñeiro, por exemplo, pasou de ser unha especie invasora, a ser a nosa árbore nacional xunto co carballo, á que da nome ao noso himno: Queixumes dos pinos. Haberá de chegar o día en que os galegos na emigración devezan volver a ver os bosques de eucaliptos, do mesmo xeito que os nosos avós botaban de menos as carballeiras. E tamén o día no que os galegos canten ao fungar dos eucaliptos que cubren toda a superficie da súa terra. Soamente é cuestión de que pasen os suficientes anos.

Pero, polo momento, eu son ese avó que se laia da desaparición das carballeiras onde tanto viviu, riu, chorou e bailou. Porque hoxe non son máis que eucaliptais, que a súa vez, serán mañá a memoria doutros. Láiome polo que vivín e vexo morrer: polas identidades, polas culturas, únicas e intransferíbeis. Cheguei tarde, pero aínda cheguei para velo. E non teño interese en poñer prismáticos para mirar a imaxe enteira. Abonda co que teño, que me chega e me basta.

Si… hei morrer así, sendo —como di a Laura— un pesado coas identidades.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad