Ons non é só unha illa, é sentimento, memoria e identidade. É a historia de xentes que loitaron, traballaron e coidaron dela durante xeracións, e que hoxe seguen loitando para que a súa comunidade non desapareza. Porque Ons forma parte de nós, e nós sempre seremos de Ons.
Fotografías: Celestino Pardellas de Blas.
No último mes, a illa de Ons estivo nun punto informativo importante a raíz da prohibición, por parte da dirección do Parque Nacional, da nosa tradicional verbena. Saltou esta noticia como unha falsa novidade, pero non é sinxelo entender as reivindicacións das veciñas e veciños da illa de Ons e o sentimento de todas as persoas que estamos vinculadas a esta illa —no medio do mar, que ilumina o loito máis negro, que esquece o desterro e o medo a loitar—, como di a cantautora Sés.
Para entender a nosa reivindicación é necesario que coñezades a historia da illa, a nosa historia, e un dos moitos exemplos dos sentimentos que temos as xentes da illa de Ons: un sentimento único e inexplicable. Desta forma, podemos dicir, sen mentir, que somos e sempre seremos da illa de Ons.
A historia da illa é unha sucesión constante de poboamentos e despoboamentos. Vivir en Ons nunca foi doado ao longo da historia e segue a ser un xogo de obstáculos na actualidade por culpa de administracións xordas. A illa de Ons estivo poboada dende tempos prehistóricos, como testemuñan os diferentes descubrimentos arqueolóxicos atopados. A existencia do castro de Canexol, o funcionamento das salgaduras romanas e un sarcófago antropomorfo situado na Laxe do Crego fálannos dun asentamento na época medieval.
A primeira mención documentada que temos da illa de Ons é a de Plinio, que se refire á illa de Ons como Aunios. Posteriormente, no ano 899, Alfonso III —regi Galliciarum (rei de Galicia)— doou, a perpetuidade, a illa de Aones ao Cabido Catedralicio de Santiago, xunto coa súa igrexa dedicada a San Martiño. Durante o século XVI, atopámonos con que a casa señorial de Montenegro se considera lexítima dona de Ons. En 1562, o arcebispo Gaspar de Zúñiga e Acevedo estableceu as condicións para o aforamento de Ons a Antonio Sarmiento de Montenegro e a Luís Sarmiento.
Durante os séculos XVI e XVII, a illa de Ons sufriu o asedio de corsarios ingleses. O máis coñecido, foi Francis Drake, e tamén houbo ataques de piratas turcos e berberiscos. Os saqueos e a queima de dependencias que sufriron os poboadores da illa ata ben entrado o século XVIII causaron o despoboamento cara á costa.
Tras a invasión napoleónica de 1809, impulsouse a recolonización da illa e a construción de elementos defensivos. Coa Xunta Provincial de Armamento e Defensa instaurouse unha división parceira de terreos que o Estado cedía aos insulares para o seu cultivo a cambio dun canon. É dende aquí ata a actualidade cando se formou a actual comunidade veciñal da illa de Ons.
No século XIX, a familia Montenegro reclamou a propiedade das illas e acabou recadando o canon de colonización aos nosos antepasados, destinado a financiar a defensa de Ons. Coa desamortización de 1836, os bens da Igrexa foron nacionalizados e a propiedade da illa pasou finalmente aos Montenegro. Entre 1835 e 1840 instalouse a primeira fábrica de salgadura. Isto transformou a vida da illa aumentando a actividade pesqueira, chegaron novos habitantes, mellorou a economía das familias e medrou a poboación.
En 1929, Manuel Riobó mercou a illa e creou unha sociedade chamada «Illa de Ons», dedicada ao secado e á comercialización do polbo e do congro. Os habitantes especializáronse na pesca destas especies e a súa actividade pasou a estar xestionada pola sociedade. O seu herdeiro, Didio Riobó, republicano e progresista, suicidouse ao comezo da Guerra Civil tras ser perseguido polos sublevados, aínda se segue culpando a xente de Ons dun crime indirecto da ditadura franquista, a través de vinganzas inventadas. En 1940, o Estado expropiou Ons para a defensa nacional e, en 1943, o Ministerio do Exército fíxose cargo da illa.
A mellora dos ingresos da pesca aumentou o benestar e a poboación chegou a superar os 500 habitantes. As dornas foron substituídas por barcos a motor, pero o pequeno peirao non ofrecía protección suficiente fronte aos temporais. A falta dun porto seguro obrigou os mariñeiros a utilizar portos de continente, separándoos durante longos períodos das súas familias. Esta falta de atención por parte das autoridades contribuíu ao despoboamento progresivo da illa, especialmente durante os anos 70.
Moitas familias mercaron vivendas en vilas como Bueu e Portonovo e abandonaron Ons. Fixéronse unhas obras que non pedía a xente da illa nin resolvían as necesidades dos mariñeiros. Creouse o Centro Cívico, coa nova igrexa, unha escola, depósitos de forraxe, porcallas, almacéns e vivendas para o mestre e o médico, pero non se solucionou o problema do porto, que era a reclamación da veciñanza e dos mariñeiros, a pesar da existencia dun informe elaborado en 1965 que sinalaba, entre outras necesidades, a importancia de construír un novo porto adecuado para os novos barcos.
Curiosamente, neste ano 2026 está pasando o mesmo, cunhas obras que só teñen o interese de facer unha illa para o turismo e que, como sempre, dan unha vez máis as costas á xente.
É importante contar como era a vida da xente de Ons e, no meu caso, tamén a dos meus avós, da miña nai e das miñas tías. A vida na illa de Ons baseábase principalmente na pesca. A pesca realizábase inicialmente en dornas, pequenas embarcacións que se varaban na praia. Ademais da pesca, a xente da illa practicaba a agricultura e a gandaría. Cultivábase millo, trigo, centeo e patacas, e criábanse vacas, porcos e galiñas.
O illamento da illa favoreceu unha forte solidariedade entre a xente da illa, que se axudaba especialmente nos momentos difíciles. Aquí sempre recordarei o cariño da señora Claudina á miña avoa Son e á miña bisavoa Juana cando axudou a súa familia ao morrer o seu pai. Tamén as historias da miña nai e da miña tía de como o meu bisavó Pepe coidaba tanto as vacas. Ao final, eran o sustento de toda a familia; criábanse para vender en Portonovo.
A vida na illa era difícil, non había médico, electricidade nin comunicación fácil con continente, polo que se recorría a remedios tradicionais e a parteiras como Rosa de Cachote.
Despois de coñecer tanto a historia da illa como a forma de vida desta comunidade (brevemente resumida), seguro que comprenderedes mellor as reivindicacións veciñais que levan existindo dende os anos 80. A illa sufriu unha despoboación, ao igual que pasou noutras comarcas rurais do país. A comunidade de Ons buscou en vilas próximas o desenvolvemento dunha vida mellor, pero fíxoo sen renunciar á súa identidade, que foi transmitida con cariño e sentimento ás xeracións seguintes.

Ao longo dos séculos, como xa explicamos, os colonos —así se estivo denominando os veciños da illa ata hai apenas unha década— pagaron rendas aos distintos propietarios da illa polo uso das casas e das terras, nun sistema moi parecido a un señorio feudal.
Coa declaración de Parque Nacional no 2002, obrigouse a veciñanza a pasar de ser colonos, con perspectivas e coa ilusión de chegar a ter a propiedade das súas casas, a ser simples concesionarios.
A xente de Ons sempre coidou da illa e do seu contorno, o que hoxe é un paraíso para os visitantes, e grazas á xente de Ons, que a coidou e a seguimos coidando, é posible que siga así. Cando reclamamos servizos e respecto polos nosos dereitos históricos, é un mínimo de xustiza. A historia corrobora que as casas foron feitas polos nosos antepasados e nós seguimos coidándoas e rehabilitándoas a día de hoxe. A pesar dos constantes impedimentos dunha administración que o único que percibe na veciñanza é un problema, unha comunidade que molesta.
O título dese artigo empeza falando dun roubo da illa por Fraga. Despois de moitos anos, incluso décadas, nun limbo xurídico, que foi o que fixo don Manuel Fraga Iribarne? Aprobar a lei que quitaría o dereito á xente da illa de Ons a ter dereito á propiedade: Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións da illa de Ons. E iso foi roubarnos o dereito histórico á propiedade das casas.
Esta lei, que foi aprobada sen o consenso da veciñanza, foi o inicio duha década de desidia, falta de acordos e unha xestión do parque de costas á veciñanza. Despois, no 2010, chega co presidente Feijóo o decreto que desenvolve esa lei de Don Manuel: o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, polo que se desenvolve o réxime xurídico e se regula o procedemento para outorgar o uso dos bens inmobles nas illas de Ons e Onza.
Este decreto pon data de fin á existencia de veciños e veciñas na illa de Ons: o ano 2085. Obrígase a veciñanza a asinar unha concesión a 75 anos, non prorrogables e sen garantir servizos básicos. Despois, a idea é botar a xente de Ons. Que farán coas nosas aldeas e as casas? Pois non se sabe. O único seguro é que desaparecerá unha comunidade, cunha historia impresionante, e con ela un cacho da historia do país.
A veciñanza de Ons temos uns servizos precarios, como son 10 horas de luz. A maioría dos veciños temos auga de pozos feitos e pagados por nós (pasando por protestas e encerros no concello de Bueu), meses sen transporte para poder ir ás casas e un servizo, como a recollida do lixo, en precario. A pesar desta falta de servizos, cada vivenda ten que pagar unha media de 800 euros anuais, a maiores de impostos e contribucións. As casas seguímolas coidando nós, pero moitas veces temos que escoitar argumentos simples de que estamos aí como un privilexio real sen pagar nada, pero é unha mentira. Que son casas de veraneo? Tamén é falso.
Eu non nacín na illa de Ons, pero a illa de Ons é un punto central da miña vida. Crieime pasando meses enteiros cos meus avós na illa, escoitando as historias diarias de veciñas como Claudina, Carmucha, a señora Aurita e a miña avoa Son. Lembro cando se botaban e apañaban as patacas da nosa casa. Ver o meu avó e o noso veciño Luís, que eran pura sabedoría das artes do mar, do coñecemento dos laños e da pesca artesanal. E a día de hoxe aínda podemos seguir aprendendo de Cesáreo coa última dorna da illa, Melucho, Pepe de Miro, Rabelo …
Despois, ser parte da comisión de festas durante varios anos, traballar en Casa Checho, e agora manter unha casa familiar entre todos, onde a compartimos como o gran legado dos nosos avós. En Bueu, os da illa somos da illa sen nacer nela. Seguimos coñecéndonos polos alcumes e motes das nosas familias de Ons. E incluso as mellores amizades (e amores) xurdiron na propia illa.
En Ons non se pode negar que na actualidade é unha residencia e unha vida temporal na súa maioría, pero esa é a realidade do século XXI. Iso implicou que deixásemos de ser unha comunidade? Non. Seguimos coñecéndonos e axudándonos todos, seguimos sendo unha comunidade unida para defender as nosas raíces.
O primeiro exemplo é a xente do mar. Os mariñeiros de Bueu son fillos e netos de xente da illa de Ons, como tamén o son as percebeiras como Sarita, Carmen a Viuda, Rosalía, María, Victoria, Olga, Mariluz…
No porto de Bueu, en calquera dos barcos que saen cada día a por peixe, polbo, percebes… está presente ese sector tan importante no país e parte indispensable da nosa identidade. Esta xente do mar coñece cada pedra da illa de Ons polos seus nomes. Está todos os días nunha terra onde os seus antepasados fixeron a súa vida e crearon unha comunidade que segue viva. Estes mariñeiros e mariñeiras non dubidaron en ser os primeiros en enfrontarse á marea negra do Prestige para salvar a súa illa e o seu modo de vida, suplindo coas súas propias mans a mentira e a neglixencia política.
Somos unha comunidade con sentimento para manter as nosas festas e a nosa tradición, onde as mulleres transmitiron a tradición oral, pandereiteiras como a señora Aurita, Irena, Benedicta, María do Caño, Lola, Chefa, Carmen…
Unha illa que intenta recuperar o seu entroido tradicional, cos mudados e as máscaras. Unha comunidade que segue tendo un cemiterio vivo, hortas nas que traballar e onde podes estar no bar e atopar veciños contando as súas historias e xogando as súas partidas ás cartas ou ao dominó, acompañados dos netos e bisnetos.
Con este artigo simplemente quixen contar a historia dunha illa que está viva e aberta para todos e todas, pero onde as veciñas e os veciños, esa parte humana, poidamos seguir sendo o corazón da mesma. É a historia esta do noso lado.
Porque somos da illa de Ons e sempre seremos.
Bibliografía
- Ballesteros-Arias, P. e Sánchez-Carretero, C. (2014). Ons: una isla habitada. Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) / Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit).
- Estudo que analiza en profundidade a presenza humana e o patrimonio arqueolóxico da illa dende a Idade do Ferro ata a actualidade.
- Lemos Jorge, M. (2013). A bordo das Ons. Concello de Bueu / Red de Parques Nacionales.
- Libro fundamental que repasa o devir histórico do arquipélago, os seus poboadores e o réxime de propiedade da terra.
- Mörling, S. e Otero Patiño, J. (2007). A illa de Ons, unha cultura, unha identidade. Xunta de Galicia.
- Obra recompilatoria de textos e fotografías históricas que retrata a identidade e o modo de vida tradicional dos insulares nos anos 60 e 70.
- Otero Acuña, M. J. (1998; 2ª ed. 2019). Isla de Ons. Privilegio de la naturaleza. Edición de autora.
- Un percorrido exhaustivo pola etnografía, historia, valores naturais e a identidade única do arquipélago feito por unha nativa da illa.
- Sánchez Cidrás, A. (s.f.). Ons, a illa que navega no tempo. Xunta de Galicia / Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
- Publicación técnica centrada no pasado da illa e a historia da familia Riobó como antiga propietaria.





