A esquerda perdeu o pobo

A clase media esvaécese, o índice de Gini dispara a desigualdade e lideramos os rankings de paro xuvenil. Non hai traballo, nin seguridade; a xente non chega a fin de mes, a mocidade non pode independizarse e a vivenda é inalcanzábel. Ante o silencio da esquerda sobre estas cuestións, a clase obreira opta polos partidos de ultradereita, patriotas e nacionalistas, que abordan as condicións socioeconómicas que nos impiden realizarnos vitalmente.

Imaxe que ilustra o artigo: Evan Vucci / AP

 

O mundo en xeral e a esquerda en particular parecen estar aínda en shock polos resultados dos comicios estadounidenses e eu non podo saír do meu asombro. En que mundo vive a xente?, pode un chegar a preguntarse, pero o triste é que sei moi ben en cal, nun dominado pola desinformación, a manipulación mediática e as forzas inmutábeis do establishment

Parece ser que Donald Trump e o Partido Republicano gañaron en case todos os segmentos da poboación: arrasou entre os homes e mulleres brancos e os homes hispanoamericanos; houbo un empate entre as mulleres hispanoamericanas e conseguiu reducir puntos entre a poboación afroamericana de ambos os sexos. Aumentou o número de votos entre a poboación feminina a pesar das acusacións de misoxinia, conseguiu gañar prazas historicamente demócratas como Florida, e mesmo nos estados máis azuis como California ou Nova York pode observarse unha marea vermella a vista de lupa nos distritos. O único estrato social entre o que triunfou Kamala Harris foi nas rendas superiores a 100.000 USD. É dicir, nunha análise rápida pódese afirmar sen medo a equivocarse que Kamala gañou entre a aristocracia e a elite norteamericana mentres que Trump levou o voto do proletariado e da clase media. 

As chaves do éxito e do fracaso? Os analistas están agora a posteriori a identificar as razóns do resultado logo de que todos os seus prognósticos fosen un absoluto fracaso. Ben, no caso de Donald Trump os principais vectores son o seu carácter antisistema –a pesar da súa condición de multimillonario–, demostrado en políticas populistas como a promesa de publicar a lista de famosos que acudiron ás festas de Epstein a deitarse con nenas, que ten a Hollywood tremendo; a promesa dun estrito control de fronteiras en contraposición coa actual crise migratoria que xa deixa un tsunami de asasinatos e violacións cometidos por inmigrantes ilegais; e, sobre todo, a súa promesa de “facer América grande outra vez” (sic). Trump promete “gañar, gañar, e seguir gañando”. Afirma que “a xente lle pedirá deixar de gañar, pero que el dirá que non, que hai que gañar máis. Trump o vai arranxar” (sic). Pero o certo é que o maior piar da súa campaña, non nos últimos seis meses, senón nos derradeiros catro anos, é a promesa de recuperar a economía. E si, recuperar. Recuperar porque Biden deixa o país cunha taxa de paro moito máis elevada da que lle legou Trump en 2020 e cunha taxa de inflación 20 puntos maior. Trump promete acabar coas guerras. “Cada vez que vén a Estados Unidos (en referencia a Volodymyr Zelenskyy) volve con vinte mil millóns de dólares das nosas arcas” (sic). E o certo é que Donald Trump liderou a única administración norteamericana que non se involucrou en ningunha guerra. “Eu prometo acabar guerras, non continuar guerras” (sic). 

Pola contra, Kamala Harris é unha líder de atrezzo. Quédalle grande ese cualificativo. Foi posta a dedo logo de que as máis que limitadas capacidades do presidente Joe Biden lle obrigasen a botarse a un lado. Non houbo caucus que permitise identificar o votante democrático de Kamala como seu. Non tiña lexitimación popular e, aínda por riba, era un perfil insulso. Demasiado dereitista para os sectores esquerdistas do partido, que criticaban ferozmente o seu apoio incondicional ao réxime de Netanyahu e a súa inexistente crítica á campaña de Israel en Gaza, máis ben o contrario, prometendo e soltando cada vez máis miles de millóns de dólares en apoio militar; e demasiado esquerdista para os sectores dereitistas do Partido Demócrata, centrando a súa campaña no dereito ao aborto, un tema secundario e excesivamente feminino para os votantes varóns do seu partido (en palabra dos analistas).  

A guinda final chegou cando nunha entrevista en prime-time non soubo que responder á única pregunta que tiña que prepararse: – “Que vai diferenciar a súa administración da de Joe Biden?” (absolutamente desgastado pola opinión pública). Se nin sequera sabes responder que che vai diferenciar de algo despezado… Mal vas. Así, cando chegou o momento de ir a votar, os estadounidenses tiñan dúas opcións, votar por un candidato que falase de mellorar a economía, protexer as fronteiras, e ir a polo establishment; ou votar por unha muller que nin tan sequera sabía o que a ía diferenciar dunha alternativa esgotada. Sorpresa? Para min non. 

Trump prometía reactivar a economía estadounidense, gañar en liberdades, gañar en oportunidades, sobrepoñer a nación a nivel mundial, recuperar o respecto e a hexemonía. Prometeu barreiras arancelarias, rematar co dumping chinés, reforzar as fronteiras, recuperar o país das oportunidades, reactivar o cinto de aceiro, volver poñer traballar as fábricas de Detroit e substituír todos os coches xaponeses do país por GMC, Ford, Chevrolet e Dodges. Prometeu saír de guerras e deixar de tirar os cartos en campos de batalla estranxeiros. Kamala, pola contra, prometeu inmobilismo. Unha muller do núcleo forte da súa campaña xurou “un lugar no inferno para todas as mulleres que non se apoian entre elas” (sic), en referencia ás mulleres que non votasen por Kamala. Trump era tildado de misóxino, pero sorprendentemente gañou entre un gran sector das mulleres, e ampliando marxes. No canto de prometerlles o inferno, prometeulles un futuro mellor. Non sei a vós, pero a min sóame máis atractivo. 

Acho que ninguén o entendeu mellor que Bernie Sanders, probabelmente o máis esquerdista dos candidatos do Partido Demócrata: “O resultado non me sorprende, isto é o que acontece cando abandonas a clase traballadora” (sic). 

E foi precisamente iso o que aconteceu. Pero non hoxe. Non en Estados Unidos. É unha tendencia mundial. Aí é onde hai que atopar o auxe da extrema dereita en toda Europa; nos Países Baixos, en España, en Portugal, en Alemaña, en Austria, en Italia, en Polonia, en Hungría… hai que seguir? É o que explica o xurdimento de Bolsonaro, de Milei, de Trump, de Bukele etc.  A xente está farta desta nova esquerda. Historicamente, a clase obreira, o proletariado que votaba por alternativas socialistas e comunistas, vota hoxe en día polos partidos de ultradereita, patriotas e nacionalistas. Por que? Porque son os únicos que falan, con contadas excepcións, voces soltas como a de Santiago Armesilla, ou grupúsculos como Frente Obrero, do que de verdade lles interesa aos obreiros, que son as condicións socioeconómicas que nos impiden realizarnos vitalmente. 

A clase media redúcese, desaparece, o índice de Gini expándese, o proletariado non chega a fin de mes, ninguén pode pagar a electricidade, lideramos todos os rankings de paro xuvenil, non hai traballo, non hai seguridade, a xente non chega a fin de mes, a mocidade non pode independizarse, alugar un piso é imposíbel, compralo, unha utopía. Estes son os problemas que enfronta hoxe en día en Galicia e en España a inmensa maioría da poboación. E os partidos de esquerda, no canto de atallalos, están enfrascados en debates superfluos, inocuos, que non lle interesan absolutamente a ninguén. Debates acerca do colectivo LGBTQ+, o feminino inclusivo, a axenda 2030 etc. 

Por suposto que é importante que todas as persoas teñan os mesmos dereitos. Por suposto que queda aínda moito que facer en materia de igualdade. Pero esa non pode ser a prioridade número un. Non pode porque non o é na realidade. O problema é social, é de clase. O importante non é que a túa filla sexa lesbiana, que carallo importa iso, o importante é que a túa filla non pode ter unha vida digna porque non hai investimento en ciencia, en educación, porque non hai oportunidades laborais, porque está abocada á emigración. 

Somos o país máis tolerante en materia LGBTIQ+ de toda Europa, e non o digo eu, dío Eurostat. Ao 95% dos españois dálles igual a orientación sexual dunha persoa. Ese debate non pode ser o centro de atención. O máis triste de todo é que os adaíles da esquerda tragaron con el. Non hai que ser o máis listo da clase para darse de conta que son temas que non pertencen á axenda pública, senón que foron infiltrados polas elites, polo establishment, na axenda sistémica e institucional, para distraer a atención do verdadeiramente importante: que as condicións de vida son unha merda. E daquilo que non queren solucionar. E a xente, alá vai, que se trans ou terf, e collen o debate de maneira fanática, ultra, como se dun partido de fútbol se tratase. 

O debate de Twitter é o que impregna hoxe o programa político dos partidos de esquerda. E, claro, que pasa? Pois que a clase traballadora á que todo iso lle importa un carallo, está a dar as costas ás alternativas de esquerdas e a abrazar aquelas outras que falan do que lle importa, de economía e seguridade. Pero para ser xustos, son os partidos de esquerdas os que lle deron as costas á clase traballadora primeiro. 

Ademais, cando se trata de falar dos mesmos temas inocuos, que si, que son moi importantes, pero unha vez máis, nunca o centro de atención en vista da situación – iso pode selo soamente se atallaches todos os teus problemas–, saltan ao pescozo. Porque dicir que a inmigración musulmá descontrolada é un perigo potencial para os dereitos que aquí conquistamos para o colectivo LGBTQ+ –e aos feitos me remito, xa que non son poucos os casos de agresións homófobas por parte dese sector da poboación – é pecado mortal. 

A min dame igual que gañase Donald Trump, máis que nada por unha razón práctica. Detesto o seguidismo que Europa ten cos Estados Unidos, dáme noxo. Nos tres poderes principais do sistema internacional: o económico, o comercial e o militar, nós somos un deles: económico (China); militar (EUA); comercial (UE); e pola contra comportámonos como o can dos Estados Unidos. Creo nas teses de Charles de Gaulle, que afirmaba que non tiña sentido unha “Europa” de Berlín a Seattle e avogaba por outra dos Urais a Lisboa. E foi durante o último mandato de Trump cando Europa pareceu buscar, aínda que brevemente, o seu camiño no mundo. Reabrindo o debate da Forza Militar Europea, abandonando a política de “bandwagoning” e por unha vez por todas sendo un verso diferente en materia de política internacional. 

Agora ben, fraco favor lle facedes á esquerda todos aqueles que tildedes aos máis de 70 millóns de norteamericanos que votaron por Donald Trump, aos máis de 3 millóns de españois que votaron por VOX ou aos 700,000 galegos que votaron polo PPdG, de nazis, fascistas, ou ignorantes, porque non faredes máis do que distanciarvos do pobo, desconectarvos da realidade, non querer coñecer o problema estrutural e retratarvos como imbéciles. Recomendo sempre nestes casos encarecidamente a lectura que en boa parte explica o auxe do Trumpismo nos Estados Unidos, o “Manifesto Redneck” de Jim Goad. 

Cando a esquerda volva preocuparse dos problemas reais, recuperará o voto dos traballadores, da clase baixa e da clase media. E mentres tanto, colleitará o que sementou, rexeitamento e fastío.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad