De nacionalismo enolóxico

Nos finais do século XIX a praga da filoxera marcou a historia vitivinícola da Galiza. O país abandonou a produción de viño autóctono en favor de variedades foráneas resistentes ao parasito. Xerez, Palomino e Garnacha, entre outros, substituíron a Godello, Treixadura e Merenzao.

Tan dramático foi o arrase nacional en favor das variedades estranxeiras, que Castelao e Bóveda alertarán en 1934: “Quen en Galicia toma aperitivos alleos en vez do noso insuperable Ribeiro, é un inimigo da Patria. Quen na mesa bebe detestábeis viños estraños (e o comerciante que os ofrece denantes cos do país) en vez dos nosos Ribeiros, Valdeorras, ou Espadeiro, ademais de non ter bon gusto, forxa a escravitude de Galicia.

Esta é a historia de como recuperamos o noso viño, das reaccións da intelectualidade galega e da nosa indisoluble unión, como galegos, coa bebida dos deuses.

 

Se lle preguntas a unha persoa de Galicia que significa o ano 1906, podes obter unha de dúas respostas. Para a metade da poboación, é o ano no que naceu a súa cervexa favorita. Para o sector máis deportivista -no sentido máis coruñés da palabra- é o ano no que se fundou o seu Real Club, un ano que un pouco máis dun século despois queda pintado sobre a metade das butacas do estadio de Riazor. Como adoitan ser as casualidades da vida, este enorme 1906 tamén é o mellor anuncio publicitario para certa empresa cervexeira. Tampouco fai dano que eles patrocinen á metade dos equipos deportivos de Galicia. Pero o ano 1906 ten máis significativos para Galicia, aínda que non se fala deles. Ese ano foi o comezo do gran cambio nos hábitos galegos. Foi cando o pobo comezou a deixar o viño.

Casualmente, 1906 tamén foi o ano no que se rexistrou por primeira vez en Pontevedra un bicho chamado filoxera. A filoxera é un pequeno insecto da orde dos hemípteros orixinario de América do Norte. Ataca primeiro as follas, pero inflixe o dano máis grave ás raíces da vide. É difícil subestimar o dano que fixo a filoxera á viticultura europea. Millóns de vides morreron e miles de viticultores atopáronse de súpeto sen xeito de gañar a vida. O caso de Galiza non foi diferente: logo de entrar en terras galegas a través de Portugal sobre o ano 1882, a praga arrasou case todos os viñedos da Comarca de Valdeorras. Tamén chegou ao que hoxe é a Ribeira Sacra, e O Ribeiro tampouco se salvou.

Aquí cabe mencionar que a filoxera non era a única praga que descendeu sobre Galiza no século XIX, senón a terceira. A viticultura galega xa sufrira as pragas dos “mildiu,” fungos grises que queimaron as follas e chuparon todo o que había dentro das uvas, deixando ao seu paso só pobreza e miseria. A filoxera foi a última praga, pero a cambio das outras non quedaba máis remedio que arrincar as vides afectadas por completo. Amputar o membro enfermo. Centenas de hectáreas de viñedo víronse arrincadas, quedando tan só terras ermas onde antes había vides fértiles.

Así que nese ano 1906 o panorama vitivinícola galego non pintou nada ben. E ía empeorar. Dous anos antes, en 1904, comezaran a recuperarse as vides perdidas na comarca de Valdeorras. Como se facía? Cun método recentemente descuberto no que as variedades europeas foron enxertadas en pés americanos, naturalmente resistentes ao seu chinche compatriota. Iso significaba que se podían enxertar tanto novas variedades, altamente produtivas, como variedades tradicionais. Os amos dos viñedos sentiron unha grande presión para sacar beneficios altos e así comezar a recuperar algo de rendibilidade na viticultura. Entón, comezaron a enxertar variedades foráneas: Xerez, coñecido tamén como Palomino, Garnacha Tintureira ou Alicante Bouschet.

Estas variedades pasaron a ser as predominantes en vez das tradicionais como Albarello ou Mouratón. Así comezou a longa noite de pedra para a viticultura en Galicia. Dende Valdeorras, a práctica de re-enxertar variedades foráneas comezou a difundirse a case todas as demais rexións vinícolas de Galicia. Nos viñedos do Ribeiro, o Palomino quitaríalle lugar á trifecta de Treixadura, Torrontés, e Lado, que fixera do Ribeiro unha das máis poderosas comarcas vinícolas do medievo. Na Ribeira Sacra, a Mencía substituíu ao Merenzao, e o Palomino deslizouse onde antes había Godello. As castes autóctonas quedaron relegadas a segundo lugar por mor do desexo de sacar beneficios económicos.

Cal foi a reacción galeguista á introdución destas castes de fora, substituíndo as castes autóctonas tan louvadas polos poetas? Pois a loita, como non. Otero Pedrayo enfureceuse co que chamou “un fato de damiselas neuróticas, vítimas do surmenage e necesitadas de todas as drogas para botar ao viño.” Álvaro Cunqueiro exaltaba os “ilustres apelidos da gran contenda vitícola do país”. Treixadura, Brancellao, Albariño… que tiñan tamén o beneficio de soar moi galego. Segundo o historiador Xabier Castro, para os galeguistas non só foi conservar a tradición de plantar castes galegas, senón que como a cepa vella “extrae a sangue da terra, como se fose o espírito do país transfundido en viño, beber viño da terra era un xeito de comuñón co país.”

Nesta mesma liña de pensamento, o Partido Galeguista tamén quería pór en valor o viño galego, defendéndoo da competencia foránea. Para facer país, facía falta unha economía, unha economía que si tiña Galiza, pero que foi a súa vez ameazada por outras, especialmente onde tiña que ver co sector das bebidas. Velaquí o chamamento de Castelao e Bóveda no ano 1934:

“Quen en Galicia toma aperitivos alleos, auga pintada con nomes pomposos en vez do noso insuperable branco Ribeiro, é un inimigo da Patria. Quen na mesa bebe detestábeis viños estraños (e o comerciante que os ofrece denantes cos do país) en vez dos nosos Ribeiros, Valdeorras, ou Espadeiro, ademais de non ter bon gusto, forxa a escravitude de Galicia.”

Terían que pasar case cincuenta anos de viños mal feitos, algúns deles importados de fóra como temían os galeguistas, ata que os galegos fixesen caso. O albariño foi o primeiro, ese “príncipe dourado” tan amado por Cunqueiro e Castroviejo. Coa creación da Denominación de Orixe Rías Baixas no ano 1988 houbo unha explosión de riqueza nas comarcas do Salnés, o Condado do Tea e o Rosal. Grazas a iso hoxe en día moita xente vive unha vida digna co cultivo da vide. Na década de 1980, os pioneiros no Ribeiro recuperaron castes con eses apelidos ilustres con sonoridade galega como a Treixadura, Sousón, ou a Ferrón. Co peche do século, a Ribeira Sacra sumouse ao camiño da calidade a través de castes autenticamente galegas, e a Monterrei está comezando a súa andadura nos principios deste século. Todo o éxito que teñen estas Denominacións de Orixe é debido ao incríbel patrimonio das variedades autóctonas que temos na Galiza.

Pero lonxe dos desexos da Xeración Nós, seguíanse bebendo viños foráneos, e aínda hoxe en día vese un Rioxa ou un Ribera en vez dun Mencía ou Merenzao na mesa dos galegos co xantar do domingo. E tamén cervexa. Moita cervexa. De feito, o consumo per capita de cervexa na Galiza supera o consumo de viño por 6,7 litros / ano. Pero se a nosa cervexa é galega! Ten Galicia no nome! Como pode ser unha bebida allea?

Comecemos coa materia prima. Para facer viño, fai falta boa uva. Se queres elaborar o teu viño dentro dunha Denominación de Orixe, fai falta uva de castes galegas e cultivada aquí. Para a cervexa fai falta auga, lúpulo, cebada, ou millo. A auga que entra na fábrica da Grela é auga do río Mero e do embalse de Cecebre. Check. Pero resulta que nin a cebada, nin o millo, nin a maior parte do lúpulo son galegos. Son de fóra, porque cando produces 200 millóns de litros ao ano non hai cereais nestas terras que poidan prover as cantidades necesarias. Ao seu favor, os herdeiros do home que abriu unha fabrica de xeo en Catro Camiños na Coruña nos comezos do século pasado, están a fomentar a plantación de lúpulo na zona de Betanzos. Pero ao final, son pequenas cantidades e non poden dar as necesarias para a produción que teñen.

Quizais aquí é un bo momento para dicir que eu bebo Estrella Galicia, e gústame. Non me sinto inimigo do país cando a bebo. Hoxe en día hai moitas economías, moitos produtos, e non podemos simplificar como fixeron hai un século. Talvez é outro bo momento para dicir que aínda así, cando me sinto máis galego (tarefa difícil cando non naciches aquí), e bebendo viño.

Os mellores viños, a diferencia dos produtos estandarizados como a Coca Cola ou a cervexa, son produtos agrícolas. Son distintos segundo as condicións do chan, do clima e as precipitacións de cada colleita. Mostran a nosa ligazón coa terra e mantennos humildes e conscientes da precariedade da condición humana cando dependemos da natureza.

Ben sei que hai viños que mais parecen produtos industriais que viño, pero a eses viños non me refiro. Os viños que mellor mostran o patrimonio galego son os viños que levan detrás deles o sangue, a suor e o amor pola patria de moitos galegos. Os viños que crean moitos máis empregados dos 1.000 do polígono da Grela. Os viños que dan a razón para quedar no rural galego, que reivindican o pasado e miran ao futuro.

Pero o viño galego está chegando a outro punto clave, case 110 anos despois dese ano de 1906. A xente está deixando o rural, ou por falta de oportunidades no caso da xente nova, ou pola morte no caso da xente maior. Cada ano, os bosques de Galicia recuperan máis territorio onde no pasado había viñedo. As grandes terrazas no Ribeiro e na Ribeira Sacra quedan agochadas e esquecidas por debaixo das árbores. Fan falta iniciativas, non só para poñer en valor o viño galego dentro de Galicia para os propios galegos, senón tamén fóra. Para dar unha vida digna á xente do rural, creando empregos a través dun produto que fala dunha terra e que ven directamente dela. O pobo galego ten que recoñecer o camiño que xa fixera o viño, retomalo como a súa bebida ancestral e protexelo agora para que poida ser o embaixador da Galiza para moitas xeracións máis.

Se queremos facer país, que sexa cunha copa de viño na man.

Terra e saúde!

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad