Vivimos nunha crise do noso sistema de crenzas e valores que se estende globalmente. Debemos volver á propia definición da política para analizarmos a situación actual e as perspectivas de futuro.
Imaxe que ilustra o artigo: versión do cadro “The Course of Empire – Destruction”, de Thomas Cole (1836).
Hai xa tempo que non me poño a escribir de política e incluso quérome enganar a min mesmo dicíndome que estou moi ocupado, que as obrigas profesionais e persoais me quitan de acender a computadora para botar un parrafeo deste ou daquel outro asunto político dos moitos que nos traen a cabeciña tola no ruxe ruxe do día a día.
Pero hoxe chegou o momento de desenganarme a min mesmo. Non escribo de política, que é do que me gusta escribir, ler e estudar, sinxelamente porque isto non hai por onde collelo. A política, se é que aínda a podemos etiquetar así, anda cos pés polo ar e a cabeza baixo da terra. Iremos por partes analizando esta visión tan agoreira que eu teño, na procura de que vostedes tamén tiren algunha conclusión neste diálogo xordo.
Cada día cústame máis identificarme con calquera dos actores que hai nese nobelo que a sociedade deu en chamar “política”. Se ben a política en si é un concepto polisémico, o certo é que ningunha das definición que eu lle atribúo encaixan hoxe na praxe dos supostos políticos. Unha definición máis aristotélica, a que a min me gusta, fálanos da política como a resolución dos problemas da comunidade por medio das institucións. Esta que como digo é da que eu gosto tampouco nega a máis clásica, que define a Política como “a arte de gobernar(mos) o Estado”. Pero non, non hai xeito de que eu vexa as concordancias entre o que fai Pedro Sánchez, Giorgia Meloni ou Donald Trump con esta concepción tan rigorosa que eu fago da política.
Non é que vos veña coa sempiterna teima de que a mercadotecnia está a devorar a política, mesmo me atrevería a dicir que o que me preocupa non é a espectacularización da vida pública. No entanto, o que verdadeiramente me trae inquedo e renegado é que a finalidade de ir á vida pública hoxe sexa ensanchar o ego e implementar modelos de sociedade baseados na enxeñaría social: imos facer a América grande outra vez ou imos construír unha España progresista (iso si, dende Madrid) e se cadra algúns tamén van resolver o problema palestino a golpe de eslogan dende a comodidade do sofá occidental. Todos van facer a revolución twitteira ou xexeira (co permiso do Elon Musk). O caso é que a política perdeu aquilo de elemental, aquilo de humildade e da asunción de que toda utopía ten uns límites.
Temos tendencia a pensar que a nosa etapa histórica é unha etapa de crise, que todo vai a peor; cando menos iso levo ouvindo dende que nacín, e se nos imos para atrás, a cousa non muda moito. Sempre hai unha crise asexando, unha guerra, unha inflación ou unha epidemia letal preparada para arruinar o “progreso humano”. Esta sorte de depresión colectiva, que cada vez é máis barroca e até diría que rococó na maneira de expresarse, acaba por canalizarse politicamente en saltimbanquis do calibre de Trump ou Milei, que se alimentan da inoperancia dunha esquerda que perdeu o norte e vai sen rumbo cando menos dende a crise daquilo da terceira vía.
O clima socialmente estendido é que mañá será un día peor ca hoxe, agora as nubes que traen a chuvia polo ceo teñen nome, chámanse Ana, Herminia ou Daniel, e todas dan lugar a alertas de todas as cores. Neste mundo nada hilarante do tremendo, todo parece vir ao grande, seguindo o gusto americano pero que agora se amplía tamén a Europa. Será, se cadra, que aquilo que Oswald Spengler denominou en 1918 a “decadencia de Occidente” estámolo a vivir hoxe máis ca nunca como sociedade. No atinxinte a isto, sería mesmo discutible que hoxe exista unha sociedade, ou se o preferides o primeiro requisito para isto: que exista unha aínda máis necesaria comunidade política. Imos cara ao mundo dos individuos, no que xa non importa a “personalidade” do suxeito, o que agora importa é a identidade. Se no pasado século as persoas debían de poñer por diante a súa identidade nacional ou a súa identidade de clase, realidades comunitarias en todo caso, o que importa neste tempo novo é a identidade subxectiva do individuo. Isto condiciona enormemente a crise perenne do ethos político da nosa comunidade. Digamos, doutro xeito, que estamos nunha crise da política entendida como conxunto de crenzas e valores compartidos por unha comunidade política e expresados a través dunha relación de recoñecemento, representación, mobilización e participación do conglomerado institucional que constrúe unha comunidade política. Se cadra o paradigma mudou e é que sinxelamente non me gusta.
Hoxe a política é o conxunto técnicas encamiñadas á consecución, preservación e control do poder por medio da mercadotecnia política, expresión do “político” que encaixa como anel nun dedo nunha sociedade crecentemente atomizada e na que os protagonistas xa non son as persoas coa súa dimensión comunitaria senón os individuos coa súa identidade. Isto leva á aparición dunha nova esquerda posmoderna baseada nesta configuración social e tamén á aparición dunha nova dereita que xa non se preocupa das vellas cuestións da harmonía social, a orde pública, unha óptica cristiá (nas súas diversas expresións) do benestar social e as políticas públicas ou mesmo unha concepción institucionalista e conservadora do cerimonial político. A nova dereita fálalles aos individuos que constrúen a súa identidade en contraste á ideoloxía “woke”. O novo esquerdista que reivindica a súa autodeterminación de xénero atoparase un novo dereitista que lla nega; se a esquerda se propón unha concepción paternalista da saúde pública, non tardarán os discípulos de Milei en erixirse en confrades defensores do dereito “ao porro”. Os conceptos confúndense e mestúranse nun auténtico revolto incomprensíbel no que os inimigos do Estado se endosan bandas presidenciais e se etiquetan baixo a causa dos fundadores do Estado liberal moderno: o liberalismo. Atopámonos xefes de Estado que postean pasaxes de La anatomía del Estado de Murray Rothbard no seu muro de Twitter; pero tamén vemos “progresistas” que pretenden facer lei a prohibición do pseudónimo. Que pensarían tantos dos nosos grandes literatos se visen este espectáculo da incorrecta corrección? Neste remexido de ideas atrabiliarias veredes a políticos racistas que din ser cristiáns, pero tamén a showmans que din ser políticos e aínda así gañan as eleccións.
Se o pensades friamente o que nos pasa, ou o que nos está pasando, é que algúns nostálxicos da política de carne e óso non nos demos conta de que Giovanni Sartori tiña razón, o “homo videns” xa está aquí. E, o máis perigoso de todo isto, é que namentres o occidente “liberal” está sumido neste circo sen fin, os “despotismos orientais”, como se lles chamou noutra época, seguen nos tempos da razón de estado, do realismo político e do hard power.
Dito isto, non pretendín asustar a ninguén, mais si facer unha reflexión ben sinxela: non credes que a perrencha esta, que temos os occidentais, non é propia da nosa idade política?