A nación incompleta

Galicia é unha mesa cunha soa pata: un país sen dereita nacionalista, e un BNG sobrecargado de contradicións por verse obrigado a cubrir en solitario todo o espectro político.

 

Galicia é unha nación incompleta, e boa parte —se non toda— da razón pola que nunca tivemos un goberno nacionalista reside nesa eiva estrutural: somos unha mesa cunha soa pata, que, como tal, é incapaz de sosterse.

Non vou recrearme nas teses politolóxicas repetidas ata a saciedade que afirman que unha nación que aspira á independencia debe contar cunha arquitectura política propia. Isto é: de nada vale ter partidos que cubran o abano ideolóxico, se estes son de ámbito estatal. O que se precisa é que eses partidos, desde posicións distintas do espectro político, compartan un mesmo horizonte nacional.

Vémolo en Euskadi, onde a dereita se articula arredor do PNV e a esquerda en Bildu. En Cataluña, cos dereitistas de Junts, os esquerdistas de Esquerra Republicana (ERC), a extrema dereita de Aliança Catalana e a esquerda radical da CUP. Ou mesmo en Canarias, coa dereita en Coalición Canaria e a esquerda en Nueva Canarias-Bloque Canarista.

Tampouco vou insistir na coherencia teórica, mesmo considerando que un partido dificilmente pode ser, á vez, nacionalista e socialista sen incorrer nunha contradición. Non se pode defender o interese nacional, e ao mesmo tempo abrazar o internacionalismo e a solidariedade entre os pobos. Pódese tentar. Pero iso é facer malabares, e os malabares dan para o que dan: para sacar uns pesos no tempo que dura un semáforo en vermello.

Galicia perdeu unha oportunidade única na Transición: a de ter un partido nacionalista de dereitas. Partido que, para máis inri, mellor encaixaba coa sociodemografía do país, maioritariamente conservador e católico. Unha forza hexemónica como o PP, pero debida a Galicia e non a Madrid. A necesidade estaba aí. Abonda con ver o carácter do galego, que, malia o que sostén o nacionalismo, máis que aldraxado, está orgulloso da súa condición nacional. Paradoxalmente, os que máis sufren de auto-odio son os do BNG e non os do PPdeG. Aínda instalados na idea do país coitadiño que leva 500 anos de asoballamento ás costas, facendo do derrotismo bandeira e agardando unha redención case que mesiánica. Por causa dese baleiro, acabou por xurdir o enxendro do “PP da boina”: un partido estatal obrigado a incorporar perfís rurais, galeguistas e galegofalantes. Como me dixo unha vez un cargo popular que viña da cidade: “en Galicia, se non falas galego, estás morto políticamente”.

A realidade é que a oportunidade estivo aí e deixámola pasar. Que país teríamos hoxe se aquilo tivera saído ben? É sabido que os deputados galeguistas eran decisivos nos gobernos da República, e que Galicia estaba á vangarda do nacionalismo ata 1939. Logo conxelámonos durante case catro décadas, e cando por fin era hora de volver a poñer en marcha a maquinaria, esta xa non arrancaba, logo de ser maltratada por aqueles que decidiran abandoar a fronte política, animados por Ramón Piñeiro a refuxiarse nos libros. O que acontece, é que os libros non constrúen países, e perdimos unha Galicia que chegamos a acariñar cos dedos.

Coalición Galega, que era un PNV á galega, apareceu con moita forza. O país comezaba a configurarse con dúas alternativas galeguistas orbitando arredor de dous polos: por un lado o BNG e polo outro, os Coagas. Pero algúns puxeron o interese persoal por riba do nacional, e o PPdeG, nunha hábil manobra política, absorbeu aquela alternativa que empezaba a agromar. Mesmo Fraga, que pasara de extremo español a extremo galego, chegou a ameazar en máis dunha ocasión con dar o salto ao independentismo, como recolle Pablo Batalla Cueto no seu fabuloso libro “Yo podría haber sido Fidel Castro”. Fraga comprendeu que a patria pequena tiña potencial para converterse na grande, ofrecéndolle todo o que a outra lle negara. Ser un estadista de verdade e medirse de ti a ti non só co presidente de Baviera, senón cos grandes líderes do mundo. O PPdeG, atemorizado, díxolle que si a todo, e a ameaza quedou en nada. Iso si: nunca houbo maior cota de autogoberno ca baixo o seu mando.

Hai quen tentou despois recoller a testemuña e arranxar o desarranxo, pero o tren xa pasara. Como me confesou Antón Vidal Andión, presidente do Consello Editorial de Galaxia: “Sen un nacionalismo galego de dereitas, a nación quedou incompleta”. E engadía, coa honestidade de quen aínda busca as causas que fixeran que aquilo non triunfara, que: “Fallamos como xeración, e Galicia fallou connosco”.

Daquel pan, esta fame… e se algo hai que conceder, é que o único partido que soubo manter cadros, disciplina e seriedade, foi precisamente o que máis dificultades teóricas tiña para facelo: o BNG. O problema é que desde entón, o Bloque tivo que cargar co peso das dúas patas da mesa, e iso obrígao a incurrir en contradicións que os seus adversarios non desaproveitan. O BNG arrastra a desgraza de contar cun electorado que non é exclusivamente de esquerdas, ante o baleiro do nacionalismo de dereitas. Do mesmo xeito, o nacionalismo galego de dereitas vive coa frustración de ter que votar a un partido co que non comunga. Xa vos aseguro que non son poucos os nacionalistas galegos conservadores que se ven obrigados a votar ao BNG, partido co que están en absoluto desacordo, pero co que teñen a Galicia como horizonte común.

O BNG, mentres tanto, vese obrigado a asumir contradicións imposíbeis no seu intento de converterse no Scottish National Party (SNP) no que se mira, empurrándoo a xogar a carta do partido atrapalotodo. A diferenza de Bildu, que pode permitirse unha maior coherencia doutrinal, o BNG ten que conxugar anticlericalismo con exaltación da teoloxía da liberación. É o único partido que non acudiu á recepción do Papa León XIV no Congreso dos Deputados —cando mesmo Bildu foi— pero ao mesmo tempo, reivindica cada ano a figura de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas. Tanto presume de ter seminaristas afiliados, como berra nas manifestacións: “imos queimar a Conferencia Episcopal por machista e patriarcal”. Un partido que reclama os valores da Galicia rural, e que na realidade ten unha implantación maioritariamente urbana; que recibe boa parte dos seus votos dos lugares onde menos galego se fala, e que ao tempo que presume de tradición, se escandaliza cando nunha romaría de aldea se canta “o caneco”. Como dicía aquel: ou non coñecen o país, ou o que é peor, coñéceno ben e non lles gusta.

E o BNG é quen menos culpan ten, ollo. Se cadra, máis ben todo o contrario. A culpa é nosa como pobo, que deixamos a nación incompleta e non quixemos aproveitar unha oportunidade de ouro, acabando presos nunhas redes tentaculares das que hoxe xa é moi difícil que nos poidamos ceibar.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad