Morto O Piloto, morre co seu corpo todo un vello inimigo do franquismo. Para moitos e moitas, un símbolo da loita comunista e popular. Un líder da resistencia. Un heroe do
que se contaban historias aos cativos nas vilas. Un liberador. Para outros tantos, un porco asasino e traidor comunista. En ambos casos, un persoeiro eterno.

Xosé Castro Veiga “O Piloto” naceu en 1915 no Corgo, na interior Chantada. Foi labrego, carpinteiro e guerrilleiro. Nin máis nin menos que o derradeiro guerrilleiro maqui contra o franquismo. E piloto. O Piloto era tamén piloto. Despois da súa infancia e adolescencia no rural galego, serviu no corpo de aviadores durante a Segunda República co rango de cabo.

Sublevado o exército no 1936, na súa condición de piloto das forzas armadas españolas,  desertou do Bando Nacional para loitar defensa do goberno republicano. Tres anos despois, rematada a guerra, en 1939,  foi capturado na recentemente caída Madrid por orde do goberno golpista.

Non tivo tan mala sorte coma a maioría dos desertores da guerra. Co triunfo franquista, mentres outros traidores eran directamente fusilados, el foi condenado a trinta anos de cadea e indultado catro anos máis tarde. Alí quedou despois, en Madrid, vivindo na clandestinidade, fuxindo do constante martirio colectivo que lles tocaba aos traidores ao réxime.

Decide volver a Galiza en 1945. A data exacta do seu retorno ninguén a ten clara. O porqué, tampouco. Tan só o sabía el. Posiblemente, O Piloto, militante do ilegalizado Partido Comunista de España, regresou por estar en desacordo coas directrices do Partido. O que si sabemos e que daquela o PCE tiña sede no exilio, en Tolouse, organizando a resistencia franquista dende territorio galo, afastados da crúa realidade que os opositores ao réxime vivían por rutina.

Tras esta decisión, o PCE, coma quen di, abandonouno. A el e a tantos outros disidentes. O Partido deixou que moitos guerrilleiros se organizasen e fixesen a guerra pola súa conta, sen ningún tipo de apoio social, político, económico ou militar.

Porén, O Piloto volveu decidido á terra nai e botouse ao rural galego para pasar á acción. De seguida comezou a formar os primeiros batallóns da guerrilla na zona dos Ancares. Durante varios anos, non só actuaron mediante loita armada, senón distribuíndo propaganda, panfletos comunistas e antifranquistas que el mesmo producía clandestinamente, e organizando as masas simpatizantes das vilas para se defender potencialmente dun ataque das forzas e corpos de seguridade da ditadura.

En 1946, despois de varios anos de atentados e ataques contra a Garda Civil, nunha emboscada foron detidos a meirande parte dos guerrilleiros do seu batallón. A forte represión forzouno a se desprazar cara o sur do País, na fronteira entre as provincias lucense e ourensá, onde conseguiría novos adeptos e adestraría novos batallóns populares.

Posteriormente, no ano 1949, outro forte enfrontamento coa policía franquista quitoulle a vida a máis da metade do seus seguidores. A partires dese intre, O Piloto viviu, coa guerrilla esborrallada e case inactiva, na absoluta clandestinidade canda a súa fiel compañeira Ramona.

Con máis apoio entre a veciñanza galega do que a historia está disposta a amosar, o Piloto chegou a contar ao longo deses anos de clandestinidade co apoio de aproximadamente 120 familias do rural galego que ían agochando ao fuxitivo por breves períodos de tempo.

Era un home que agardaba. 20 anos fuxido nas montañas. Primeiro, actuando. Despois, agardando polo momento de actuar.

Pero da guerrilla non se podía vivir, así que  atracaba bancos e negocios en nome das autoridades republicanas. Por nada do mundo quería renunciar á loita. Quixo quedar na Terra, irresponsablemente decidido a pelexar nalgún intre pola liberación do xugo franquista.

En 1964, tras 15 anos agochándose, un vello coñecido do Piloto delatou a súa presente localización ás autoridades. Un ano despois, a Garda Civil atopouno sentado nunha rocha. O Piloto comía un bocadillo de chourizo preto do Encoro de Belesar. No chan, á súa beira, unha metralleta. Os policías saíron armados do coche. Déronlle o alto. O Piloto escapou subindo por unha lareira tentando, infrutuosamente, resistir e responder á criba de balazos que inmediatamente acabou coa súa vida aquel 10 de marzo de 1965. A benemérita coseuno a tiros.

Morto O Piloto, morre co seu corpo todo un vello inimigo do franquismo. Un símbolo da loita comunista e popular. Un líder da resistencia. Un heroe do que se contaban historias aos cativos nas vilas. Un liberador. Para outros tantos, un porco asasino e traidor comunista. En ambos casos, un persoeiro eterno. Para poder vivir hai que ter algo polo que morrer. Supoño que O Piloto, en certa medida, pensaba así. El escolleu estar disposto a morrer pola liberación para dar sentido á súa existencia. Actuou por unha causa que cría xusta para vivir coa conciencia tranquila, para non caer na contradición, para sentir que a existencia non é absurda. Até a última das consecuencias, viviu e morreu polo que cría, por algo inmaterial e inalcanzábel. Viviu e morreu, en definitiva, por unha idea.

O 19 de marzo de 1965, anunciando a fazaña dos policías militares, La Voz de Galicia, principal xornal do réxime en Galiza, escribía: “Forajido tristemente famoso, célebre aasesino y respondable de una partida de malhechores […] un ladrón, atracador, asesino y violador […] era un asesino vulgar, atracador activo y constante que sólo en sus amores con Ramona parece tener un aire de humanidad”. Xamais apareceu na prensa escrita a súa condición de guerrilleiro comunista.

Algúns veciños da comarca non tiveron medo. Asistiron, a pesar das máis que probábeis represalias do réxime, ao seu funeral. Leváronlle flores, anicáronse e pregaron pola súa alma. O sacerdote da parroquia oficiou a correspondente misa de funeral. Nese intenso intre, a figura do inimigo da patria non importou aos presentes. Primaron o apoio de parte da veciñanza á causa do Piloto e o sentimento católico do perdón.

Repenicaron as campás co toque de morto en San Fiz de Asma. Alá quedaba soterrado, sen lápida e baixo a mollada terra do mes de marzo, o derradeiro guerrilleiro da resistencia antifranquista.

 

 

BIBLIOGRAFÍA.

  • Costa, X. (1978). Las dos caras de Galicia bajo el franquismo. Editorial: Cambio 16.
    ISBN: 978-84-58229-24-6
  • Eiré, A. (2014). Eu estaba alí. Editorial: Hércules De Ediciones. ISBN: 978-84-92715-
    84-8.
  • Eiré, A. (2015). O Piloto. El último guerrillero. Editorial: Hércules De Ediciones.
    ISBN: 978-84-94439-60-5.
  • Pérez, M. (2014). “O Piloto”, el último guerrillero, el “hombre que esperaba”.
  • Eldiario.es. Extraído de: https://www.eldiario.es/galicia/piloto-ultimo-guerrillerohombre-esperaba_1_5026543.html
  • Pontón, E. (1965). Nova no xornal “La Voz de Galicia”.
  • Serrano, S. (2002). Maquis. Historia de la guerrilla antifranquista. Editorial: Temas de
    Hoy. ISBN: 978-84-84604-80-8
Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad