Sementar avea en Trabada e alfalfa na Guarda, facer rotacións e barbeitos e Deus sabe que máis fará falta para poder cobrar a nova PAC. A outra opción é que os galegos decidamos que queremos para o noso rural.
Volve haber eleccións, vaia sorpresa. Outra vez hai que ir votar e hai carteis por aí pegados. Outra vez atronan as megafonías dos partidos políticos e volven os mitins e os discursos. Primeiro, as municipais; despois, as xerais; logo, as autonómicas; e, agora, as europeas. Pois si, temos ben de eleccións.
Estas eleccións son as que menos tempo levan connosco, 37 anos. Antes de que España se integrase –ou máis ben a integrasen– na Comunidade Económica Europea, a política agraria facíase desde os despachos do Ministerio ou nas incipientes comunidades autónomas. Houbo un momento no que consideramos normal e lóxico que o futuro do agro galego o decidisen persoas que nin son galegas nin coñecen a nosa realidade, a cambio do maná dos fondos europeos. Nalgún momento, unha orde dun comisario belga ou danés obriga os nosos labregos a sementar trigo onde non se dá o trigo, e decidiuse desde Bruxelas que a alfarrobeira e a avea tiñan que ser producidos en masa en Galicia. Hoxe din que hai que ter a terra en barbeito ou rotala con leguminosas, e mañá Deus sabe o que dirán. E se te resistes a cumprir os seus delirios, quítanche a prezada axuda da PAC.
O caos normativo e a burocratización imposta desde Bruxelas son dúas das causas que explican que o agro en Galicia perda relevo xeracional, pechen granxas e explotacións e viva un proceso de complicación tal, que pasamos de que todos os galegos fosen gandeiros, a que para ser gandeiro haxa que ser contable, veterinario, xurista e tantas máis cousas. Estes cambios continuos nos criterios da PAC, na concesión de fondos de desenvolvemento rural e nas ordenanzas medioambientais dificultan que as empresas agrogandeiras poidan facer proxectos innovadores e pensar no longo prazo, limitan a rendibilidade e póñenlles un freo moi grande aos mozos que amamos e vivimos no rural.
Europa necesita deixar o activismo climático de moqueta, o radicalismo dos lobbies verdes e recuperar o sentidiño que nos une como civilización. Ese sentidiño debe traducirse en desregular, desburocratizar, permitir que cada territorio traballe no rural como mellor considere, cunhas producións ao servizo dos seus territorios e dos seus habitantes, de xeito que a Unión Europea deixe de ser o inimigo do noso rural e pase a ser un aliado para o noso futuro. Galicia ten nas mans escoller sentidiño ou radicalismo medioambiental. Galicia ten nas mans que os mozos galegos poidamos crear un proxecto vital no rural.