Nacionalismo, motriz histórica

Desde un punto de vista internacionalista, o nacionalismo histórico-organicista e a razón de estado son os motores que fixeron xurdir e medrar aos estados modernos. Calquera aspiración soberanista implica necesariamente aceptar as regras da arena (neo)realista, onde o interese nacional, o egoísmo, a imposición e a dominación fanse imperativas no sistema internacional anárquico. A realpolitik non entende de medios, e se o obxectivo é alcanzar a fin, o pragmatismo non pode deixar lugar á ética.

 

O realismo político é o motor da historia. A evolución da humanidade fundaméntase nunha sucesión de fitos froito do egoísmo, a razón de estado e o interese nacional. O único que importa é a imposición do propio fronte ao alleo. Dan igual as consecuencias para terceiros, aquilo que é o bon para o estado é o que se debe aplicar. O rigoroso pragmatismo impositivo é a matriz cíclica que debuxou o ronsel histórico no que hoxe facemos a nosa singradura.

O paradigma realista xamais puido ser substituído polas alternativas clásicas idealistas ou marxistas, mesmo nin sequera polo moderno funcionalismo, cuxo único expoñente vivo, a Unión Europea, sucumbiu hai xa anos á arena neorrealista. O que os pobos son hoxe en día é o resultado da loita personalista que libraron contra do resto do mundo. As fronteiras actuais naceron das guerras cobizosas e os feitos diferenciais e as idiosincrasias nacionais son as que radicalmente se dividiron tras infinitas batallas que ninguén xa lembra. Ningún pais existiu mediante o internacionalismo, e mesmo cando este xurdiu, non foi máis do que unha alianza contra doutro corpo inimigo.

O realismo, como motriz histórica, achou no nacionalismo a ideoloxía predilecta. Polo tanto, facendo extensíbel devandita exposición, o nacionalismo, nado do máis puro egoísmo, é a ferramenta necesaria para sobrevivir nun mundo rexido desde os albores dos tempos por un paradigma realista, anárquico, onde cada nación baixo da súa razón de estado loita por preservar os seus usos de vida. Sen embargo, e paradoxal, parte do propio nacionalismo non é capaz de dixerir tamaña contradición.

Nada na vida humana é xenuíno. Todas as nosas concepcións e moralidades son creacións imaxinarias que concibimos como reais, mais que teñen un punto fundacional concreto. Asimilámolas como inmutábeis cando son certamente circunstanciais e defendémolas como perpetuas cando a súa modernidade é demoledora. As idiosincrasias, o folclore, a historia, as formas de ver a vida, os países, as linguas, as fronteiras, as relacións afectivas… Todo ao que damos importancia nesta vida é consecuencia da imaxinación, do poder inventivo do homo sapiens e da socialización aleatoria que recibimos ao nacer nun lugar xeográfico concreto nunha etapa histórica determinada. Mais esa afirmación, inaceptábel e impensábel para algúns por significar a deconstrucción dalgo que perciben como único e especial, que lles fai sentir elixidos e acougados nunha existencia extremadamente angustiosa, debe ser aceptada con serenidade. Representa unha sorte de fe relixiosa irracional para facer a vida máis aturábel. Unha vez que esa verdade é aceptada non debe cargarse co lastre que representan miles de anos providenciais, de mitoloxías e historias anacrónicas e de conversión de fatos alleos en cuestións persoais que atopan na persoa mesma o último chanzo dun predestinado rumbo.

O desacougo de non saberse o elixido pode converterse nunha poderosa arma, mais tamén nun fortísimo inimigo, ao sentirse a mente liberada da escravitude histórica nun solitario coñecedor da realidade nun mundo sumido na caverna de Platón. Nada malo ten rexeitar do internacionalismo e empregar o egoísmo como bandeira xa que ese é precisamente un dos nosos cometidos vitais. Facéndoo, estamos participando da evolución da humanidade. Defender con vehemencia unha causa imaxinaria é o que nos fai estar vivos e ser quen somos. Xa que unha probabilidade infinita nos outorgou sen petición nin posibilidade de troco unha lingua, unha terra, unha historia e unha identidade, que menos que defendela. Precisamente ese pensamento máxico, transmitido xeración tras xeración, que fai que antropomorficemos o inexistente, é o que nos diferencia do resto dos animais. Somos deuses porque dimos vida a materiais que non a teñen. Conseguimos que un cacho de tea alce incontidos sentimentos nas persoas cando ondea nun mastro ao vento, e que haxa milleiros de corpos en esquecidos campos de batalla que entregaron a súa vida por nacións que soamente existiron nos seus pensamentos.

Transitando o laborioso proxecto de erguer unha nación, o realismo, a razón de estado e o máis fero pragmatismo, han de facerse extensíbeis ao interior do país. Nunha loita na que gañar a maioría é vital, o engano con aleivosía non só debe ser tolerado, senón fomentado e pretendido. A masa, ignorante, non morre pola realidade senón polas sombras que os bardos que saíron da cova lles debuxan a súa vontade. Os pais da patria non foron aqueles que cinguiron coroas ou espadas de liberdade. As máis poderosas armas materializáronse en forma de canecas, pinceis e ciceis. A masa non argalla a revolución e arrisca até o máis prezado dos seus bens por unha causa inventada, senón pola máis fantástica das historias, da que ela, parte e todo, é responsábel última. Os pais da patria, nas sombras, inventaron un país, unha historia e unha mitoloxía co venerábel e nobre fin da (súa) liberdade.

O nacionalismo histórico-organicista sempre se imporá ao liberal-democrático, mesmo nas sociedades post-heroicas, e as mentiras máis grandes, as que encollen o corazón, son as verdadeiras fundadoras de calquera identidade. A masa nunca debe saber a realidade. Esta, reservada só para uns poucos guieiros, ten que ser ocultada. E a través de anacronismos, mitos e falsidades, hase de sementar a terra colleitando un futuro ben agromado de odio que irracionalmente loite até o fin, como bersekers, sen posibilidade de infidelidade ou apostasía. Hase de manipular a historia e a poboación se se quere vencer. E non cabe vergoña en tales feitos, xa que a loita só será igual nesas condicións. Aqueles que o fagan hoxe serán os heroes do mañá, e soamente a través da manipulación daquilo que tamén nós inventamos, conseguiremos os mártires precisos para a necesaria maioría.

Todo valerá a pena daquela. Os que souberon mover o destino da historia serán perdoados, porque o seu pragmatismo foi xerador da nosa liberdade. O seu mal creou o ben. Unha vez que se cre nisto, o guieiro ten a ben non só manipular, enganar e crear un futuro en base a un imaxinario pasado. Senón sinalar inimigos internos e externos ao tempo que se presentan como reais. Tristemente é a única maneira de deixar de pertencer aos derrotados, de avanzar na historia e de lograr os pretendidos obxectivos. A admisión do arriba acreditado outorga a necesaria liberdade de actuación ética que precisa un pobo composto por unha minoría que ollará a outro lado e unha maioría que entregará a vida pola mentira. O obxectivo compensa o camiño, e o fin, á luz da historia, xustificará os medios.

Agora ábrese unha nova porta. Deben as novas xeracións rachar cos mitos pasados, prendas nacionais que moven as nosas actuacións, e construír unha nova sarta de patriarcas e matriarcas acordes cos novos tempos que xustifiquen a vitoria final, ou debemos agrandar a falsidade que coñecemos? Pouco intelixente sería rachar co antergo ao tempo que o inimigo non transita pola deconstrucción interna. Cicais é tempo de deixar de percorrer camiños vellos e fracasados, mais precisamos aos devanceiros se queremos vencer.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad