Como é posible que Ana Pontón, que se vende como a máxima defensora de Galicia, se asocie con quen nos prexudica e con quen pretende restarnos recursos? Isto é ser, no fondo, unha defensora de Hacendado.
No encabezamento, Pedro Sánchez e Alfonso Rueda en La Moncloa. Pool Moncloa / Fernando Calvo.
Que Besteiro vive nun fóra de xogo continuo –véxase Santiago de Compostela, Ourense, O Carballiño ou a actividade no Hórreo– é unha realidade tan obvia que nin paga a pena deterse nos detalles da súa falta de liderado e valentía política. Hoxe, nun contexto tan relevante como o artellamento do financiamento das comunidades autónomas para os vindeiros anos, faise máis que evidente a falta de contundencia do PSdeG á hora de aliñarse cos intereses de Galicia, cinguíndose a ser mera comparsa de Sánchez e pretendido ariete –non ofende quen quere, senón quen pode– contra a Xunta de Galicia e o PPdeG. Mais, imos ao tema!
A reunión deste luns –en Madrid– do Consello de Política Fiscal e Financieira saldouse cun baleiro total en acordos, cun goberno do Estado centrado exclusivamente en pactar con Cataluña un financiamento especial á marxe da caixa común. Quedaron en nada as pretensións do pobo galego e dos seus representantes executivos –nomeadamente o presidente Alfonso Rueda– de conseguir un acordo xusto para o país, pois, o executivo de Sánchez, como recolle Pondal no seu célebre poema e himno da nosa terra, segue a ser un dos máximos representantes deses “iñorantes e féridos e duros, imbéciles e escuros” que, como escribía o de Ponteceso, “non nos entenden, non”.
Sorprende –aínda que non moito– o desleixo cara ao conxunto das Comunidades Autónomas, especialmente cara ás que posuímos unha serie de particularidades que implican un maior investimento por habitante para prestar os servizos públicos que constitúen, precisamente, o noso Estado social e democrático de dereito ao que alude a Carta Magna. Aínda que Rodri Suárez –asesor da alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey– considere que o meu discurso “representa esa Galicia reducida (sector dereitas)”, sempre vai ser fundamental para calquera membro do PPdeG defender que os habitantes do rural galego merecen exactamente o mesmo que os das cidades. É máis, foron precisamente eles os que construíron esa Galicia da AP-9, os que artellaron as cidades que hoxe son referentes para o noso país –referentes, que non exclusivas–. Porque, cando caemos en discursos que miden os cartos a investir nos sitios exclusivamente por habitantes, que impide que un goberno central decida que só se vai investir en Madrid e Barcelona porque ambas as provincias suman 13 millóns de habitantes?
A realidade é máis prosaica. A política ha de servir sempre como contrapunto a quen só mide os números, porque o factor humano importa e moito. É por iso que a defensa de Galicia ha de ir sempre por conseguir que os criterios para o reparto dos fondos que chegan ás Comunidades Autónomas teñan en conta os criterios de dispersión territorial, a idade media da poboación e, especialmente, cal é o investimento que ha de facer a administración para prestar ese servizo. Porque si, o custo por habitante dun médico, dun profesor, dunha liña de autobuses ou da renovación dunha rúa depende, indefectiblemente, da poboación á que afecte.
Outro asunto importante, no medio desta voráxine de egoísmo extremo doutros territorios do Estado, é a lealdade e a correspondencia. As demandas de seguir a rachar coa caixa común poden, posiblemente, terminar dando froitos, mais esta cuestión ha de esixir sempre unha resposta contundente por parte de quen si que contribuímos solidariamente á vertebración territorial do Estado. Quen abandona o camiño da lealdade entre territorios, non pode obter despois a solidariedade nos momentos difíciles. Rachar é rachar, non rachar en diferido. Xa o observamos, por exemplo, con cuestións como a sequía en Catalunya: como é posible que, quen pretende, nos bos momentos, deixar de lado ao resto, demandase nese intre colaboración e solidariedade? Como xa afirmei noutras ocasións, a lealdade é un camiño de dobre sentido. É aquí onde cómpre tamén facer unha reflexión a respecto desta cuestión: non é lóxico que partidos que din defender a nosa terra vaian, precisamente, da man de quen pretende discriminarnos neste reparto. Como é posible que Ana Pontón, que se vende como a máxima defensora de Galicia, se asocie con quen nos prexudica e con quen pretende restarnos recursos? Isto é ser, no fondo, unha defensora de Hacendado.
Ecoan, pois, as palabras de Fraga Iribarne un 29 de xaneiro de 1990, cando deu o seu discurso de investidura ante o Parlamento de Galicia: “[Nós] non tiramos pola borda séculos da nosa historia común, senón que queremos continuala en novos niveis de integración europea. O que si queremos é que a autonomía sexa de verdade, con tódalas consecuencias e competencias, e que vaia completada cunha política de axuda, de nivelación, de igualdade de oportunidades e de compensación cos territorios e coas entidades autónomas máis favorecidas”. Porque de integración, solidariedade e igualdade vai o debate, aínda que haxa quen queira negarlle o seu a Galicia. Outros estaremos sempre do lado de Galicia.