Noah Chichester (Nova Iorque) pasou os últimos anos da súa vida facendo un extenso traballo de campo arredor das comarcas vitivinícolas da Galiza. Longas xuntanzas nas que tentaba extraer a máxima información sobre os usos, costumes e a sabedoría arredor de todo o que rodea o viño galego. Así é como o estadounidense percebeu o carácter popular do país.
Imaxe que ilustra o artigo: cadriño de Castelao “Franqueza”: Pois xa que o sabes, voucho dicir.
No curso das investigacións para a miña web winesofgalicia.com, tocoume falar con -e sobretodo preguntar cousas- a moitos galegos. Como xa levara uns anos no país, considerábame bastante preparado para o xogo do gato e o ratón que viña. Quero dicir: eu (Tom) e as miñas fontes de información (Jerry), íamos intercambiar palabras na búsqueda de información clara que eu podía apuntar para escribir na web. Logo duns triunfos -se me permitides a autofelicitación- finalmente fun capaz de pacíficamente obter a información que precisaba. A súa vez, recoñecendo a dificultade que pode existir para outros na miña posición, asumo o labor caritativo de apuntar algúns aspectos do carácter galego para a posteridade:
1. Se lle preguntas a un galego algo que ten como resposta un simple “si” ou “non,” inevitablemente recibirás algunha forma de “depende.” Este é un principio incuestionable do carácter galego. Probablemente tamén sexa o primeiro que che dirá alguén do resto de España cando saian galegos na conversa. (Aquí hai que apuntar a seguinte broma porque os españois nunca cansarán de dicircho: Se te atopas cun galego nas escadas non che poderá dicir se vai subindo ou baixando).
2. Esta firme resistencia a dar unha resposta directa é unha das cousas máis entrañables -e moitas veces frustrantes- dos galegos. Son famosos pola retranca, o particular sentido do humor inexpresivo deseñado para torcer e reviravoltar ao confirmar ou negar o que realmente queres saber. Os galegos son ferozmente graciosos se ti es galego. O seu sentido do humor seco rivaliza co mellor do mundo, pero pode ser difícil de entender para os de fóra. Vouche poñer un exemplo clásico: mentres o ceo se abre e bota auga nunha treboada de proporcións bíblicas, un galego pode volverse cara ti e dicir: “seica vai chover.” (Suponse que isto é divertido.) Sen chisco de ollo ou cabeceo para avisarte acabas de escoitar o teu primeiro chiste a la gallega.
3. En que outra parte do mundo se pode responder a cada pregunta directa cunha palabra? Bueno, que se traduce como “bo” no resto de España, ten aquí un millón de significados diferentes. A maioría dos castelán-falantes utilízana como palabra de recheo, algo así como no mundo anglófono podemos darlle unha labazada aos xeonllos mentres nos levantamos da cadeira dicindo “ben entón” ou “vou marchando” no momento no que xa se esgotara a conversación e tiñamos que deixar a sala de estar da tía Mary hai hora e media. En Galicia, “bueno” non é máis que unha ferramenta máis na armería evasiva do galego.
4. Cando se enfronta unha pregunta inocente tan sinxela como “cómo estás?” o galego ten varias opcións. Podería elixir responder cun “bueno” curto e sen compromiso, acompañado dun encollemento de ombreiros, deixando dalgunha maneira a pregunta contestada sen contestala en absoluto. Outra opción é alongar a vogal media, estirándoa nun “bueeeeno” que está suxeito a interpretación e deixa ao que pregunta exactamente onde comezou.
(Alternativamente, aos galegos encántalles competir entre eles para responder a unha pregunta con máis palabras pero do xeito máis impreciso posible. Preguntados sobre o aspecto emocional, mental, físico ou calquera outro do seu benestar, responderán con: “bueno, aquí andamos”).
5. Se remata este maxistral baile de torsións e xiros arredor dunha resposta decente e ti aínda persistes, o galego podería finalmente saír con algo que che parece como que cedeu e decidiu contar as cousas tal e como son. Énchete a ledicia desta nova sinceridade e pregúntaste por que non podería ser así todo o tempo. E xusto cando comezas a celebrar a túa vitoria, por fin sacándolle a información que buscas, de súpeto da nada chega a temida advertencia: “bueno, así o vexo eu, pero se lle preguntas a Manolo, o do lado, claro que ten outra idea. E por certo, por que querías saber iso?…”
(Unha vez máis, volvemos onde comezamos).