No tempo que durou a Guerra Civil e o franquismo tamén houbo mulleres que loitaron e defenderon os seus ideais brincando polos montes, soutos, vales, covas e prados da Galiza. A outra cara da moeda: as guerrilleiras enmudecidas. Sen rostro e sen relato, elas tamén existiron e tamén teñen unha memoria que merece ser lembrada.
A colección “Mulleres na guerrilla antifranquista galega” é unha continuación da serie “A guerrilla antifranquista galega”, da cal podes consultar todos os números aquí.
A historia sempre tende a contarse na voz dos homes, silenciando a memoria das mulleres. Unha memoria esquecida, apagada e agochada entre imaxes, recordos e verbas que poucas veces saen á luz. Pasos que non deixaron pegadas no camín, vivencias borradas do imaxinario común e nomes perdidos nalgún libro do rexistro civil dalgún lugar do noso país. No tempo que durou a Guerra Civil e o Franquismo tamén houbo mulleres que loitaron e defenderon os seus ideais brincando polos montes, soutos, vales, covas e prados de Galiza. A outra cara da moeda: as guerrilleiras enmudecidas, sen rostro e sen relato.
Hai uns meses falamos dalgúns dos homes que se revelaron ao franquismo, deses que correron por escapar das mans dun sistema opresor co que non compartían nada. Nomes descoñecidos que pasaron a converterse en pedazos reconstruidos da historia da Galiza grazas aos artigos do Ferrado. Agora é o turno delas, das mulleres. Elas tamén existiron e teñen unha memoria que merece ser lembrada.
Enriqueta, María, Josefa, Manuela e Clarisa son os nomes que imos recuperar do esquecemento, dedicándolles a palabra que algún día lles quitaron. Contaremos a súa historia e compartirémola para que todas a poidades coñecer. Mulleres valentes e comprometidas cos seus principios que formaron grupos e resistiron ao réxime de Franco alén da Guerra Civil. A súa actividade foi na clandestinidade, movíanse polas zonas rurais e montañosas da Galiza xa que alí era máis difícil ser descubertas. Mantiveron vivo o espírito da resistencia e deron apoio e refuxio a aqueles homes que fuxían da represión.
Non todas tiveron o mesmo final. Algunhas libraron e nunca foron atopadas pero outras sufriron persecucións, torturas, penas de cárcere e incluso acabaron asasinadas polas autoridades franquistas. Aínda que as guerrilleiras non foron tan estudadas nin se saben demasiados detalles das súas vidas, a súa contribución foi fundamental e o seu sacrificio ten que ser recoñecido e recordado coma unha parte esencial do pasado recente da loita contra a ditadura franquista na Galiza e en España.
A todas as dificultades tamén se lle sumaba a discriminación de xénero e os estereotipos tradicionais polo que tiveron que demostrar unha capacidade excepcional para adaptárense e sobrevivir a condicións moi difíciles. A maioría eran labregas e campesiñas que coñecían moi ben os lugares polos que adoitaban moverse, isto dáballes un punto de vantaxe fronte as forzas franquistas. O seu papel na guerrilla antifranquista foi subestimado e ignorado durante moito tempo debido a falta de documentación e rexistros formais. Isto tamén se debe á brutal represión do réxime que fixo moi complicada a conservación de testimonios e recordos daquela época tan escura.
Por iso dende O Ferrado queremos homenaxelas, recordalas e convertilas en figuras recoñecidas; darlles o papel que merecen na historia e rescatar as súas pegadas no camín. A súa loita pola democracia, a liberdade e os dereitos humanos non debe ficar esquecida nunca máis.