En defensa da universidade pública galega

A Xunta decidiu eliminar o Mestrado en Matemáticas da USC no curso 2025-26. É moito o que está en xogo para o noso país. Debemos defender o noso sistema científico e loitar por un ensino público e de calidade. Salvemos as matemáticas galegas!

 

No encabezamento, a Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Foto: Santi Alvite.

 

Nas últimas semanas coñecemos a decisión da Secretaría Xeral de Universidades (SXU) de suprimir o Mestrado Universitario en Matemáticas para o vindeiro curso académico 2025-26. A noticia xerou múltiples reaccións e mostras de apoio ás matemáticas galegas, así como uns niveis notables de mobilización en defensa da universidade pública. Na oferta de titulacións que se publicou o 23 de xuño de 2025 xa non aparece recollido este mestrado, o cal agrava aínda máis a súa situación.

Como chegamos a este punto? Que podemos facer ao respecto?

Para contextualizar esta situación, debemos introducir primeiro a importancia estratéxica das matemáticas no Sistema Universitario Galego (SUG). Desde hai décadas, a Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é o único centro de Galiza que oferta unha formación integral en matemáticas para os tres ciclos de educación superior: grao, mestrado e doutoramento. Neste artigo centrarémonos na vía investigadora, pero as matemáticas teñen unha proxección moi ampla na nosa sociedade, desde a innovación tecnolóxica ata as aplicacións ás ciencias sociais ou á medicina.

Dentro da oferta de titulacións no conxunto do SUG, hai que remarcar que o Mestrado en Matemáticas é igualmente singular no noso país. É a única vía de formación específica en ramas tan fundamentais coma a análise matemática, a álxebra, a topoloxía ou a xeometría. Após finalizar o mestrado, unha boa parte do estudantado accede ao Programa de Doutoramento en Matemáticas da USC e prosegue a súa carreira investigadora. Existen moi bos indicadores de logro entre as persoas egresadas, como a participación en proxectos científicos de excelencia internacional e a alta porcentaxe de éxito en convocatorias competitivas a nivel estatal.

A pesar destas mostras de calidade, os criterios da Xunta para ofertar unha titulación no SUG son ríxidos: esíxese un número mínimo de estudantes en cada curso académico. Se non se alcanza esta cota, pódese solicitar a “singularidade” do título en base a certos parámetros que se relacionan principalmente coa excelencia científica. Neste ano 2025, a SXU decidiu denegar a singularidade a este mestrado a través dunha avaliación pouco transparente e, como consecuencia, prodúcese a eliminación automática no curso 2025-26.

Deste xeito, a decisión da Xunta vai romper a cadea de transmisión das matemáticas galegas con efecto inmediato. Aquel estudantado que desexe continuar a súa especialización tras finalizar o grao simplemente non poderá facelo na súa terra. Para acceder á fase doutoral, é imprescindible posuír un título de mestrado; se este non se oferta no SUG, a única saída viable será a emigración.

Perante esta decisión inesperada, a mobilización social non tardou en xurdir. Múltiples axentes sociais, sindicais e políticos teñen mostrado a súa defensa das matemáticas galegas. Houbo recentemente un debate no Parlamento galego no que a oposición esixiu ao goberno autonómico revogar esta medida. Para coordinar todos estes esforzos, creouse unha plataforma de apoio ao mestrado na que participa toda a comunidade universitaria afectada e que está levando a cabo todas as medidas legais e as accións posibles para recorrer e paralizar este proceso.

Para concluír: esta loita vai moito máis alá das matemáticas. Nos últimos anos estamos observando unha estratexia clara da Xunta para debilitar a educación pública en favor das universidades privadas. Co pretexto de reformar e suprimir títulos “pouco atractivos”, asistimos a unha crecente mercantilización do coñecemento. Hoxe está en xogo este mestrado, pero mañá pode ser calquera outro.

Se queremos ter un país digno, debemos defender o noso dereito a unha educación pública e de calidade na nosa terra.

Salvemos as matemáticas galegas!

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad