Os centros galegos foron e son, como nos mostra o exemplo do Centro Galego de Barakaldo, algo máis que lugares de solidariedade migrante: escenarios de loita política e cultural onde se negocia a hexemonía e se forma unha conciencia nacional desde a diáspora.
Imaxe que ilustra o artigo: Fragmento da portada do número 38 (2001) do Xistral, Revista do Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo.
Nación, clase e conciencia política na diáspora
A fundación do Centro Galego de Barakaldo, o 24 de xuño de 1901, constitúe un fito pioneiro do asociacionismo galego en Europa. A súa relevancia excede o ámbito do socorro mutuo: nas súas salas xestouse unha forma temperá de conciencia reformista e nacional popular da diáspora, que anticipou dinámicas políticas propias do galeguismo e do agrarismo.
Nun contexto de acelerada industrialización da Ezkerraldea -ou marxe esquerda- da ría de Bilbao, a chegada de traballadores galegos ás zonas mineiras e metalúrxicas de lugares coma Barakaldo e Sestao configurou unha comunidade obreira marcada pola precariedade e o desarraigo. Procedentes sobre todo das provincias da Coruña e Lugo, estes migrantes traían consigo unha cultura popular labrega que, ao transplantarse ao medio fabril vasco, precisou reinventarse. O Centro Galego foi a resposta colectiva a esa necesidade: un espazo de solidariedade fronte á exclusión e, simultaneamente, un laboratorio político onde se reformularon identidades e discursos.
Desde unha perspectiva gramsciana, o Centro pode interpretarse como un intelectual colectivo, é dicir, unha instancia de auto-organización cultural e política das clases subalternas que procura artellar unha visión do mundo alternativa á hexemonía dominante. O mutualismo, a pedagoxía e a acción cultural exerceron aquí un papel que transcendeu o asistencial, ao ser mecanismos de formación da conciencia, de creación dun senso común novo, arraigado no universo simbólico galego pero inserido nun espazo industrial e proletario.
O mutualismo como escola de cidadanía
O desenvolvemento do Centro non pode desligarse da ausencia dun sistema público de protección social. A finais do século XIX, o Estado liberal español delegaba nas iniciativas privadas e mutualistas calquera forma de amparo fronte á enfermidade ou o accidente laboral. A presión socioeconómica en Ezkerraldea era tan intensa como a que sufrían os emigrantes galegos en América, o que explica que se crease, tamén en Europa, unha institución tan avanzada.
A estrutura fundacional do Centro reflectía esa dobre vocación: unha Caixa de Socorros Mutuos e unha Sociedade Recreativa e Cultural, con cotas adaptadas á economía obreira. En 1902, a achega mensual de 1 peseta aumentouse a 1,50 e, en 1907, a 2 pesetas, o que permitiu incrementar as prestacións aos socios enfermos de 1,25 a 1,75 pesetas diarias. Estes datos mostran unha concepción solidarista e racional do mutualismo, baseada no principio de reparto e na autoxestión.
Mais o Centro foi tamén unha institución pedagóxica. En 1904 organizáronse clases nocturnas para socios e fillos, e en 1906 solicitouse sen éxito unha subvención ao Goberno para mantelas. A creación dunha biblioteca ese mesmo ano, con libros básicos e un Diccionario gallego-castellano, amosa a vontade de formación e de afirmación lingüística. A través destas prácticas culturais, o Centro contribuía a crear unha nova cultura popular: unha rede de saberes e símbolos compartidos que dotaban de dignidade e cohesión a unha clase traballadora sen dereitos.
Do socorro á conciencia: o xiro agrarista e político
A dimensión política do Centro Galego emerxe moi cedo. En 1901, o nomeamento de Eugenio Montero Ríos como presidente honorario pode lerse como unha estratexia de lexitimación fronte ao sistema caciquil da Restauración. Mais este vínculo co liberalismo oficial foi pronto cuestionado dende dentro.
En 1907, o Centro distingue como socio de honra a Basilio Álvarez, o Abade de Beiro, símbolo do agrarismo galego e da loita contra o caciquismo. As súas conferencias de 1909 na institución que constan nas actas do centro, sobre a “Psicología del pueblo gallego” e a “Problemática de Galicia” converten o local social nun espazo de debate político e identitario. Dende o corazón industrial vasco, a comunidade emigrante discutía os problemas estruturais da súa terra, conectando así a cuestión nacional coa cuestión social. De forma semellante, as contas da institución móstrannos que, en 1910, o Centro contribuíu economicamente a Acción Gallega, organización impulsada polo mesmo Álvarez e intelectuais como Alfredo Vicenti ou Manuel Portela Valladares. A súa adhesión indica unha clara evolución do Centro cara a un reformismo democrático galego, e cara a unha organización cuns líderes que chegaron a sinalar agrarismo como o “nome máis apropiado (…) [para o] nacionalismo galego (…)”. [1]
O diálogo entre figuras antagónicas —Montero Ríos, símbolo da hexemonía liberal, e Basilio Álvarez, expresión do bloque contrahexemónico agrarista— revela o papel mediador do Centro. Funcionaba como un espazo intersticial no que se negociaban significados e estratexias, un campo de loita pola hexemonía, en termos gramscianos. A súa existencia mostra que a emigración non foi só unha diáspora económica, senón tamén un escenario de produción política e cultural galega.
Galiza transnacional: identidade, política e poder
O caso de Barakaldo ilustra que o asociacionismo galego foi, dende as súas orixes, un fenómeno politizado e transnacional. Estes centros non se limitaban a recrear a terra perdida; eran plataformas de interlocución, de construción de discurso e de acción colectiva. [2]
A represión posterior –que se inicia non xa no franquismo, senón coa depuración de dirixentes como Antonio López López durante o goberno do bienio conservador republicano– non eliminou esa tradición, senón que a interrompeu. O renacer dos centros galegos a partir dos anos sesenta e a súa reconversión en entidades culturais na Transición testemuñan a persistencia desa rede simbólica. Na actualidade, a Secretaría Xeral da Emigración, as federacións de centros galegos e mesmo as estruturas partidarias continúan a operar sobre esa rede, recoñecendo o seu valor social e electoral. A diáspora segue a ser un suxeito político, unha extensión real da sociedade galega máis alá do territorio.
Así, a historia do Centro Galego de Barakaldo permite entender que Galiza transcende o xeográfico. A súa nación é, en parte, o resultado dunha hexemonía cultural forxada na distancia, onde o mutualismo se transformou en escola de cidadanía e o agrarismo en proxecto emancipador. Nas palabras de Gramsci, trátase da formación dun “bloque histórico” que une clase, cultura e territorio. Un proceso que, máis dun século despois, continúa a dar forma ao modo en que Galiza se pensa e se proxecta no mundo.
Referencias:
[1]: Javier Montero Mejuto. Valores nuevos de la política. Basilio Alvarez y los agrarios gallegos. Madrid, 1916.
[2]: De Cristóforis, N. A. (2025). Dinámicas y tensiones político-sociales dentro de dos instituciones representativas del asociacionismo gallego y vasco en Buenos Aires, en la encrucijada de la Guerra Civil española (1936-1939). Revista de Indias, 85(293), 1690-1690.





