Cando Europa se chamou Galicia

Abonda que a Unión Europea sexa a nosa ruína: somos a primeira potencia pesqueira de Europa e recibimos un trato indigno por parte das institucións comunitarias. Obrígannos a reducir nun 95% a nosa frota e estamos sometidos a un espolio enerxético, a pesar de termos autosuficiencia renovábel. As liñas que seguen amosan a potencialidade do noso país co gallo das Eleccións Europeas do 2024. Galicia ha de xogar un papel primordial no continente.

 

A historia da nación galega é a historia de Europa. Unha terra moldeada polo bruar da marusía atlántica e unha identidade xurdida da simbiose de todos os pobos do continente que floreceron no noso granítico chan, xermolando unha identidade única e unha lingua propia. Da cultura neolítica á indómita castrexa, que fixo dos galaicos donos do mar e señores de Eire. Da inexpugnábel resistencia contra o Imperio Romano na derradeira fronteira, alén do Limes, no Finis Terrae, que preferiu a morte antes que a escravitude, á cristianización do territorio. Da simbiose pagá, á asimilación wotanista do primeiro reino articulado de Europa, Suevia. E das herexías de raíz céltica do Priscilianismo e o Arianismo, a unha fe católica única, creadora dunha idiosincrasia propia, esotérica e supersticiosa nesta aínda máxica Terra.

Galicia foi a espada da Res publica christiana, o recanto nos confíns da inmensidade onde se condensaron todos os valores europeos, unha nación nada da simbiose do continente. Da rexia defensa durante a invasión musulmá, á firme afouteza en contra dos ataques viquingos. Cando Europa se esvaecía, vivía só a través do fío de esperanza que inzaba a soñada Compostela aos trobeiros das trobas. Europa resistiu nun camiño ao Reino de Galicia, e polos carreiros que conduciron a Santiago agromou unha cultura inmorredoira que se fai inexplicábel sen nós.

Unha nación que soubo ser solidaria, que recolleu no seu seo os refuxiados das invasións nórdicas desde a Idade Media. Un pobo cosmopolita ao que peregrinaban as máis egrexias persoas. Unha terra cobizada por potencias que non comprenderon o noso indomábel carácter, sometida por casteláns, ingleses e franceses, pero que, obstinada, nunca renunciou á súa identidade. Un país maltratado e esquecido que se viu abocado á emigración, pero que nunca se olvidou das súas orixes, cinguido por un amor inexplicábel á terra. Un Reino preeminente en Europa na procura da gloria aldraxada. 

É hora de tanxer as campás novamente. De erguer bruantes cantos. De facer a nosa historia e de recuperar o noso papel no continente que axudamos a preservar. É tempo de comprender que Galicia non é máis a fin do mundo, senón o centro do mar e a irmandade transoceánica entre América e Europa. É tempo de facérmonos donos do noso destino nesta Europa que un día se chamou Galicia, desde esta Galicia que en tempos foi a Europa toda.  

Galicia: o teto de europa e a capital do mar

O noso país é unha potencia mariñeira, agrícola e gandeira. A Política Agraria Común (PAC) e a Política Pesqueira Común (PPC) son de crucial importancia para o tecido económico e empresarial galego, onde o sector primario representa ao redor do 4% do PIB e emprega o 6% da poboación. En contra do que nos fagan crer, somos un país rico. 

Para comprender o impacto do sector primario galego en Europa cómpre reflectir algúns datos: 

  • Galicia é a primeira potencia pesqueira de Europa. Somos a rexión europea líder en produtos do mar. 
  • O 70% da produción pesqueira total de España e o 10% da produción de Europa é galega. 
  • O noso país ten a maior frota pesqueira da Unión Europea. 15.200 barcos, cun esmagador peso das embarcacións de artes menores (85.75% da frota). 
  • Galicia é a primeira potencia conserveira de Europa
  • Galicia é a primeira potencia mundial en produción e cultivo de mexillón, superando a China. O que en cifras significa, 3.337 bateas arredor da costa galega, que representan máis de 225.000 toneladas de mexillón. Para entendermos, o equivalente a dez mil coliseos romanos de mexillóns. Unha industria que prové 20.000 postos de traballo. 
  • Todas as autoridades portuarias galegas medran nunha media aproximada do 12% anual. Vigo é un dos portos pesqueiros mais preeminentes de Europa.
  • Galicia é a novena produtora de leite de Europa
  • As empresas leiteiras galegas están no Top 10 europeo de maior crecemento económico. 
  • Arredor do 65% do total das exportacións galegas ten como destino final a Unión Europea. 
  • Galicia ten unha balanza comercial positiva. Exporta por valor duns 21 millóns de euros mentres que tan só importa por valor duns 17 millóns de euros.  
  • Do mesmo xeito, Galicia é a segunda comunidade autónoma do Estado español cun maior peso de venda ao estranxeiro, representando o 43% do PIB galego. 

Temos que defender os nosos intereses ante a Unión Europa. Galicia ten que aumentar as súas cotas pesqueiras. Somos a primeira potencia mariñeira de Europa. Precisámolo e merecémolo. 

Hai que rematar co trato indigno ao que nos somete a Política Pesqueira Común (PPC). Para facérmonos unha idea, a Unión Europa recortou a cota pesqueira do xurelo na frota galega do Gran Sol das 70.000 toneladas de captura no ano 2022, á ridícula cifra de 3.200 toneladas en 2023. Obrigáronnos a reducir a produción nun 95% co consecuente impacto sobre o tecido económico do noso país e a frota mariñeira galega. 

Do mesmo xeito, debemos reclamar axudas para a modernización das nosas embarcacións. Galicia ten a maior frota pesqueira de Europa, pero tamén a cuarta máis envellecida. Os barcos galegos teñen unha media de 35 anos. Para poñelo en contexto, a media de idade da frota do País Vasco é de 16 anos. Por seguridade e por xustiza, o principal produtor mariñeiro de Europa ha de contar con axudas para a súa renovación

Cómpre erradicar as prohibicións que atanguen ao palangre galego, recoñecida como a arte de pesca máis sostíbel, e que fixo minguar as capturas da nosa frota nun 40%. Abonda de que a Unión Europea sexa a ruína do noso mar

É momento de defender e aumentar a Denominación de Orixe (DO) galega. Estamos atendendo na actualidade a feitos deshonrosos que poñen en perigo a calidade e produción do sector primario galego. Exemplos son a adxudicación para a produción de uva albariña en lugares como Cataluña. Somos potencia na produción de tenreira, pataca, millo e unha infinda listaxe de materias primas chave que a Unión Europea debe protexer. 

Finalmente, é necesaria a introdución de barreiras arancelarias proteccionistas para preservar a calidade de vida dos nosos produtores, a nosa economía e os estándares de excelencia da nosa alimentación. O dumping comercial está abocando o sector primario galego a un empeoramento da calidade de vida, facéndose insostíbel a longo prazo. 

Galicia: a vangarda enerxética de Europa

Enerxías renovábeis: Galicia é unha nación sometida a un espolio enerxético ao que hai que poñer fin. O noso país produce sete veces máis enerxía da que consome, e iso non se traduce en ningunha vantaxe fiscal ou beneficio económico. Do mesmo xeito, Galicia está á vangarda europea en enerxías renovábeis. Somos a terceira rexión de toda Europa cunha maior cota de enerxía renovábel. Galicia avanza cara á autosuficiencia enerxética de produción renovábel, representando hoxe o 65% da enerxía que consome o país (sendo desta un 44% eólica). 

A produción enerxética galega está en constante crecemento, contribuíndo maioritariamente á produción enerxética do Estado español, que, á súa vez, ocupa a segunda posición en Europa respecto da produción renovábel, soamente por detrás de Alemaña.

Galicia: capital da industria atlántica

O noso país é potencia industrial en Europa e berce dalgúns dos grupos empresariais máis importantes do mundo. Galicia está á vangarda comunitaria: 

  • O sector secundario representa o 18% do PIB galego, dous puntos por encima da media do Estado español, cunha cifra practicamente idéntica á de Francia. 
  • O sector industrial galego destaca na produción téxtil, automobilística, naval e tecnolóxica
  • Inditex é a maior potencia de moda de Europa e a maior empresa en capitalización bolsista de España
  • Lalín é recoñecida como unha das capitais europeas da moda
  • Galicia acumula o 34% do total da exportación téxtil do Estado español e produce a metade de todas as exportacións alimentarias do Estado. De cada dous produtos que exporta España, un é galego. 

A nación galega é terra de emprendedores tanto no interior como na emigración. Do galeguista caldelán Cordo Boullosa, fundador da GALP, até Amancio Ortega; pasando por grupos empresariais referentes no mundo como Cortizo, Coren, Grupo Tojeiro, Arnoia e un infindo etcétera. 

O tecido industrial galego non se limita unicamente aos xigantes capitalizados no país como o Grupo Inditex ou a factoría Stellantis (antes coñecida como Citroën), senón a todas as pemes e startups que, ademais de contribuír á riqueza galega, cohesionan o territorio desde as áreas industriais cabeceira de comarca dos lugares máis azoutados pola demotanasia institucional. 

O tecido industrial galego segue a medrar e ser pioneiro en Europa. A Coruña acollerá a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial (AESIA). A provincia de Ourense estase erguendo como un polo de referencia da industria aerospacial. Lugo consolídase como foco de produción e despregue da industria de drones. E, finalmente, a Axencia Galega de Capacidades traballa no potencial tecnolóxico-industrial de Galicia no tocante á Intelixencia Artificial, á minería, á transición ecolóxica e á soberanía estratéxica da Unión Europea. 

É vital que a Unión Europea apoie a atracción de capital e investimento estranxeiro directo no noso país. Esa é a mellor maneira de loitar contra o despoboamento xeneralizado, a redución do desempleo e a capacitación dun capital humano con mellores condicións de vida que fagan de Galicia un polo económico e industrial referente a nivel mundial

É necesario afianzar os investimentos en ciencia e I+D+i nas áreas industriais de Galicia, sobre todo no rural. As empresas galegas radicadas nas áreas industriais deprimidas, como ás do Polígono da Reigosa ou o Carballiño, dinamizan o rural galego e artellan o territorio. Esa é a mellor axuda que podemos recibir da Unión Europea para reforzar os núcleos de poboación no noso país, caracterizados por pautas habitacionais moi dispersas

O investimento económico nas empresas do país é a mellor loita contra a demotanasia institucional á que é sometida Galicia: 

  • Desde o ano 1986 o noso país perdeu 200.000 habitantes
  • Pasamos de representar o 10% do Estado español no ano 1900 a un 5% na actualidade
  • No ano 2023 soamente 2 concellos de 313 tiñan máis nenos que xubilados (Ames e Salceda de Caselas). 
  • Na provincia de Ourense viven hoxe menos persoas das que vivían durante a Primeira Guerra Mundial
  • Aproximadamente o 80% de Galicia perdeu poboación. 

Estes desastrosos datos demográficos non se corresponden cun troco nas pautas habitacionais, senón cun plan de demotanasia orquestrado polas institucións galegas, españolas e europeas. Nós apostamos por combater a pirámide demográfica máis invertida e urxente de España a través da promoción das provincias orientais respecto do Eixo da Apenove a través do investimento económico en todas as empresas que desde o rural de Galicia non só resisten senón que son referencia en Europa. Galicia ha de ser unha nova Suíza ou Luxemburgo, e non un territorio reducido a dous polos, A Coruña e Vigo, que baleiran o resto do país. Cómpre termos unha voz da galega holística en Europa que reclame o valor da nosa xente e da nosa industria. 

Galicia: cédula de universalidade

Desde tempos inmemoriais o nome de Galicia ergueu grandes sentimentos. De medo, de grandeza, de misticismo, de recoñecento. O noso país foi espada da cristiandade,  anseio daqueles que morreron polos valores xudeucristiáns que forxaron o continente. Foi o orgullo e a derradeira lembranza dos que entregaron a vida pola idea de Europa. O sentimento europeo vive no camiño de Santiago, na catedral de Compostela, nas pedras milenarias que debuxan o noso territorio e na inmensidade do mar do que fomos donos. Da singradura pola que levamos a bandeira da nosa cultura alén do coñecido. 

En tempos entregos fomos a fin do mundo. Pero hoxe somos o centro do mar. Temos todas as características para converternos nunha rexión chave en Europa. Fomos unha potencia. E seguímolo a ser. Non podemos permitir que nos fagan de menos. Galicia ten que xogar un papel primordial na Unión Europea.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad