18-F, estrutura e función

Análise das eleccións galegas do 18 de febreiro de 2024. A nova maioría absoluta do PPdG, o resultado histórico do nacionalismo e a case desaparición do PSdG. Novos retos cara 2028.

 

Uns días despois do 18 de febreiro e coa serenidade que dá analizarmos as cousas en frío, penso que é a hora de extraermos conclusións do que pasou. Mais unha vez, o Partido Popular en Galicia logrou un resultado apoteótico sen ambaxes, o éxito da súa formula política e electoral non admite consideracións. Funcione ou non Galicia, o que está claro comicio tras comicio é que a estratexia de campaña do Partido Popular funciona. En segundo lugar temos un resultado contundente do nacionalismo progresista, e digo do nacionalismo porque aqueles galegos que o 18 de febreiro colleron a papeleta do BNG, saben o que votaron: nacionalismo. A estratexia do BNG de que “hai moitas formas de sentirse galegos, e todas son necesarias para construír un país novo” deulle a formación galeguista a forza suficiente para rachar o teito que o mantiña atafegado no 25%, porcentaxe que endexamais podería superar o nacionalismo galego segundo algúns expertísimos opinólogos deses que abundan na nosa fauna social. En canto ao PSdeG-PSOE semella que a estratexia da “diplomacia pedichona” que Besteiro nos propuña, na lóxica de “mellor amigo de Sánchez” deixou ao partido completamente espido, nada sorprendente.

A bote pronto poderiamos dar por finiquitada a nosa análise: un PP cunha enorme maquinaria de axitación do medo; un BNG cunha renovada capacidade de exercer a comunicación política cun novo produto: o nacionalismo pluralista; e un PSOE que segue mirando o que fai o PP e reproducir a estratexia con tintas progresistas, sen moito éxito. É dicir, facer un PSOE adaptado a Galicia, cousa difícil, se non é o PSOE o que se adapta primeiro a un PSdeG galego e galeguista como houbo no pasado.

Sen lugar a dúbidas, unha lectura máis atinada do que pasou o 18-F, cando moitos de nós criamos de certo no cambio, convídanos a fitar outras variábeis, outros elementos estruturais que actuaron no estómago da política, mentres os galegos ían as urnas. O primeiro dato relevante é que os galegos votaron máis, case un millón e medio de persoas sentiron o chamado das urnas coma un apelación directa, 6,7 puntos porcentuais máis de participación, nada transgresor, mais si un dato a ter en conta. Algo fixo que a xente se sentira apelada. Moitos, eu entre eles, quizais por factores subxectivos pensamos que a razón era a sede de cambio, mais algo condicionou que o bloque do cambio fose a votar máis, pero en como resposta o bloque oficialista tamén respondese votando e mobilizándose.

A campaña que fixeron as principais forzas galegas, presenta notábeis diferenzas en canto á súa formulación. Dunha banda a mellor campaña en termos comunicativos foi a do BNG, a emoción á que apelou a formación nacionalista foi fundamentalmente a ilusión, e o contido da mensaxe baseouse na amplitude da proposta política do galeguismo: “hai miles de formas de sentirse galego, e todas son precisas para o cambio”.

A segunda mellor campaña foi a do Partido Popular. Esta foi claramente a campaña da desconfianza fronte ao outro. Os populares abanearon o medo á mudanza durante toda a campaña, medo á incerteza dunha proposta nova. Como vai Galicia (a nosa Galicia) ter un goberno nacionalista? A dereita xogou a pasear a pantasma de Otegi, Esquerra e Hamas todo no mesmo saco. En calquera caso a campaña dos populares moveuse como adoita ser habituais en dous tempos e en dous espazos. Un bottom up enfocada a campaña da tropa de concelleiros e alcaldes que os azuis teñen polo país adiante, e que vimos representada en abondosos mítins por toda a xeografía nacional e moi especialmente no mítin de peche de campaña en Ourense, onde o novo presidente da Deputación que recorda máis ao vello Baltar que ao novo, concertou a todo o concilio popular ourensán. Alí estaban todos, exbaltaristas, baltaristas, neobaltaristas e os novos luisistas ou menoristas como o lector goste. Esta campaña de abaixo para arriba non foi dos grandes discursos, nin da unidade de España, nin de ningún tema elevado, se cadra poderíamos simplificala como: “vainos ben como estamos, non experimentemos”, a Galicia do asfalto, dos favores, das mediacións, dos alcaldes cercanos… mobilizouse o domingo e especialmente os derradeiros días de campaña.

O PP obtivo grazas a esta campaña bottom up un enorme resultado no interior de Lugo, en boa parte de Ourense, no Deza e en Tabeirós, tamén no interior da provincia coruñesa. A outra campaña do PP, a campaña top-down ou de riba cara abaixo tamén lle funcionou ao PP, esta foi a campaña do medo ao nacionalismo e da xenreira contra o “sanchismo”. Mentres Rueda dicía que a esquerda quería “nacionalizar” a campaña en Burela ou en Ourense, o mesmo Rueda bufaba en Vigo canda Ayuso contra as leas madrileñas, froito ao seu xuízo da entrega de Sánchez aos nacionalistas. Nesta atrabiliaria campaña temos que contemplar o mítin-mofa que Díaz Ayuso veu dar a Galicia, parece que dunha banda Rueda reivindicaba o voto de VOX, mentres pola “calada” e silandeiramente lle dicía aos galegos: mirade o que vos espera se deixades que o BNG goberne. A previsible “españolización banal” que o PP xa experimentou con Feijóo nas manifestacións da Galicia Bilingüe, e o paso da exclamación de Fraga: “para o galego, cartos á esgalla”, á convicción de Feijóo e Rueda de que o galego é unha lingua coa que hai que convivir, pero tampouco preservar. Así que unha Galicia moi pequena votou por Ayuso no PP deixando a VOX enfraquecido de novo en Galicia, e outra Galicia votou contra a “ayusización” do PP preservándolle o poder ao PP gris de Rueda.

Os espectaculares resultados do PP e en moita menor medida do BNG só se poden atribuír fundamentalmente a contundente estrutura de ambos partidos no país, mastodóntica no caso do PP, e relevante no caso do BNG. Fronte á lexitimidade burocrática, tomándolle o termo prestado ao mestre Weber dun PP que logrou a plena identificación da administración autonómica consigo mesmo, o BNG tirou da lexitimidade carismática dunha muller que logrou capitalizar na súa campaña todo o vento do cambio. As mudanzas experimentadas polo BNG están fundamentalmente no plano da teoría política da nación e do discurso. Aínda que tamén na comunicación política, dunha banda o BNG emprendeu un novo rumbo cara unha idea pluralista de país, dun nacionalismo máis culturalista e determinista, os de Pontón deron o salto cara un nacionalismo pluralista, o país é tantas cousas como os galegos queiran, e a cultura é un vehículo de cohesión social da comunidade política, non un requisito para ser votante do BNG. Este avance é importante para consolidar un corpo electoral que está polo cambio, e dota ao BNG dunha transversalidade importante. Mais o resultado tamén apunta un elemento transcendental que os de Pontón deben estudar se queren preservar a súa hexemonía no bloque da mudanza: a necesidade da estrutura.

Se ao PP lle daba a vitoria o estrutural-funcionalismo de Talcott Parsons feito praxe política, con estrutura política en cada concello para poder tinguir o mapa de Galicia de azul; aos nacionalistas só lle dará a vitoria o mesmo estruturalismo parsoniano. Se a función do BNG é o cambio político en Galicia mediante a preservación do voto que xa obtiveron os nacionalista, e a un tempo acadar o arelado obxectivo de chegar ao corpo electoral do PP, isto requirira de estrutura. Nesa dinámica entre estrutura e función, agrupacións locais e presenza política, e mudanza política, reside esa forza convectiva de abaixo-arriba e de arriba-abaixo para seguir ampliando horizontes. Neste escenario o BNG ten unha vantaxe estratéxica que non ten o PP, a súa estrutura interna permite organizar a diversidade do nacionalismo por medio de partidos e de colectivos, se o obxectivo é aglutinar toda a diversidade do nacionalismo e o galeguismo, teñen catro anos por diante para facelo. Galicia citarase en 2028 de novo coas urnas, e veremos cantos se preocupan durante estes anos en alimentar a súa estrutura funcional como organizacións e cantos pola contra quedan na ilusión, que nun país con 1.133 núcleos de poboación é coma un vento mainiño que percorre cada cidade, barrio e aldea, refrescando o rostro, pero mais nada.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad