A Demotanasia da Nación Galega – A loita entre o Litoral Atlántico vs as Provincias Orientais

A “Demotanasia da Nación Galega” é unha colección científico-divulgativa do Ferrado composta por seis facsímeis que amosan novas chaves e perspectivas respecto da enorme problemática que supón a demotanasia e o consecuente etnocidio da nación galega.
Exposta no Congreso de Demografía da UCM, ao longo da colección analizaranse as orixes, a evolución e o impacto da cuestión nacional máis crucial que afronta Galiza.

 A DEMOTANASIA DA NACIÓN GALEGA

Facsímile 4 de 6: “A loita entre o Litoral Atlántico vs as Provincias Orientais”. Este artigo correspóndese coa cuarta edición da colección “A Demotanasia da Nación Galega“. Recomendámoslle, para unha lectura e comprensión axeitada, ler todas as entregas que a compoñen. As referencias bibliográficas están dispoñíbeis para consulta na derradeira entrega.

Imaxe que ilustra a colección: “Neno de Lalín”, 1926. Ruth Matilda Andersen

 

A LOITA ENTRE O LITORAL ATLÁNTICO vs AS PROVINCIAS ORIENTAIS

A xeografía da Galiza estará marcada desde este período e ata a actualidade por unha dicotomía territorial. Por unha banda, é posible identificar unha área de concentración poboacional, de recursos, infraestruturas e dinamismo económico: o Eixo Atlántico. E, por outra parte, unha Galiza que se despoboa e desertiza. Sen capacidade de renovación demográfica endóxena nin posibilidades de recuperación: As Provincias Orientais. (Labrador, 2010).

Este dualismo na concentración urbana define territorios gañadores e perdedores. Zonas con certas previsións de futuro e áreas abocadas á extinción, inmersas nun proceso de demotanasia. (Pazo e Moragón, 2018).

As provincias de Ourense e Lugo son o paradigma do despoboamento na Galiza. As pouquísimas parroquias que gañan efectivos están moi ben delimitadas, e aquí, máis do que nas dúas occidentais, son auténticos illotes dentro dun panorama desolador.

Os espazos rurais periféricos acollían no ano 2000 a 323.890 habitantes, e en 2015 tan só a 234.820 (Pazo e Moragón, 2018). O peso demográfico destas áreas non deixa de minguar e o deseño territorial dicotómico definido consolídase.

Entre o ano 1950 e o ano 2000, os rexistros municipais son catastróficos. Perden poboación: (Pazo e Moragón, 2018).

  • 74,2% dos concellos de Pontevedra
  • 79,8% dos concellos da Coruña
  • 94,1% dos concellos de Lugo
  • 94,6% dos concellos de Ourense

12 parroquias de Pontevedra nin sequera chegan aos 10 habitantes/km2, cifras impensábeis a mediados do século XX. Segundo as proxeccións estabelecidas, se as tendencias demográficas do territorio lucense continúan 15 anos máis, en 2035 Lugo perderá o 10% da súa poboación e ata entón nacerán 22.000 nenos, pero falecerán 71.000 persoas. (Guntín 2020).

A idade media do cidadán galego, que tal e como se indicou nesta colección, atópase actualmente nos 47 anos (Varela, 2020), espólase nas Provincias Orientais. É Ourense a que sofre as consecuencias do envellecemento con maior intensidade, acadando a cifra récord dunha idade media de 50,6 anos, a segunda máis alta de todo o estado, tan só por detrás da veciña Zamora. (Varela, 2020).

Se tomamos como referencia a taxa de envellecemento, cifrada nunha poboación superior ao 15% do territorio con 65 anos ou máis, a práctica totalidade dos concellos da Galiza supérana. Así mesmo, na actualidade contabilízanse non menos de 30 concellos de menos de 1.000 habitantes, todos eles[1] nas provincias orientais de Lugo e Ourense.

A descompensación da dicotomía demográfica galega pódese resumir nun só dato: Mentres que o Eixo Litoral Atlántico non chega a representar ¼ parte da superficie total do país, concentra o 75,6% da poboación (Punzón, 2013) e xera o 80% do PIB da nación. (Pazo e Moragón, 2018).

 

[1] Agás Mondariz-Balneario (Pontevedra).

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad