Por amor existe O Ferrado

Unha crónica íntima dos inicios de O Ferrado: como naceu, como se foi facendo comunidade e por que segue medrando sen perder o eixo. Cultura, territorio, lingua plural e ansias de verdade.

 

No encabezamento, imaxe da autora.

Lucía Rodríguez emprega neste artigo a variante lingüística da súa área.

 

Sabedes como pasan as cousas máis bonitas? A maioría de veces, sen esperalas.

Daquela tiña 22 anos, taba recén emigrada a Barcelona e sentíame algo rara: desconectada, buscando a miña nova identidá, creando a miña personalidá.

En muitas ocasiois, cuando vives fóra, pasa algo común a casi todos: podes tar rodeada de xente, de plans, de estímulos… e aínda así sentir que che falta un fío. Un fío pequeno que te ate ao de sempre, ao teu, á terra. Non por morriña nin nada deso, senón por identidá: por saber de onde vés e por seguir pertencendo, aínda que teas lonxe.

O Ferrado naceu así, con esa intención clara e teimuda: ser un escaparate para os temas que non adoitan saír nos medios convencionais. Dar espazo ao que non entra nos titulares, ao que non é tendencia, ao que non ten un formato cómodo. Apostar pola cultura non como un adorno, senón como eixo central. Contar desde o lugar onde pasan as cousas. Desde dentro.

E para min, ter un espazo así onde reunirme era moi chulo porque me facía sentir conectada coa terra. Reconfortábame saber que había máis xente nova con esa ilusión: a ilusión de contar con verdade, sen impostar, sen traducirse para encaixar, sen escribir pensando en agradar a un algoritmo.

Eu era a única rapaza. E era tamén a única do rural de Lugo. Sentinme especial dun xeito bonito. Non por ser “a diferente” como etiqueta, senón por algo moito máis importante: porque un grupo de amigos decidiu contar comigo. Porque confiaron na miña voz. Porque me fixeron sitio.

Nunca me esquecerei daquela primeira mensaxe de Pablo. Sempre vou lembrar ese momento como o inicio deste sentimento de pertenza que me atravesa mentres escribo isto.

As primeiras reunións tiñan esa mestura de nervios e ilusión. O proxecto aínda non era grande, pero xa era serio. Xa tiña dirección. Xa tiña algo que non se aprende: ansias de verdade. Ganas de facer ben. De contar o que importa, aínda que non sexa o que máis soa.

Co tempo, O Ferrado foi collendo forma. Foi medrando. Foi uníndose xente. Pasaron semanas, meses e anos publicando tódolos mércores. E para min chegou un dos momentos máis emocionantes: ver que aquilo que empezara como unha idea e un grupo bonito podía converterse en algo que se toca: o noso primeiro libro.

A sensación de ter algo publicado, algo feito a varias mans, e levalo a diferentes puntos de Galicia… iso non se esquece. Porque aí entendes que a cultura non é só producir: é encontro, é comunidade, é mirar á xente aos ollos e sentir que o que escribimos tamén lle pertence a outras persoas.

E o mellor de todo é que seguimos aquí. Que o proxecto non foi unha simple semente de centeo nacendo nunha seara abandonada: foi unha semente que prendeu. Que, anos despois, O Ferrado continúa existindo e facéndose máis grande sen perder o eixo. Sen perder a intención inicial. Sen esquecer por que naceu. E enchendo a ladeira dunha montaña de trigo, centeo e cebada.

Tamén por iso coidamos algo que para min é esencial: dar visibilidade a perfís moi distintos e ás súas variantes dialectais. Porque a lingua é casa e a casa non é igual en todas partes. O galego é plural. Ten ritmos, acentos e palabras que cambian dun lugar a outro e que son parte da nosa riqueza. En O Ferrado non buscamos uniformar voces: buscamos que se escoiten.

E hai outra lembranza que me volve sempre. A xente dicíame: “pero como fais para estar con tantas cousas á vez?”.

Eu respondía sempre o mesmo: por amor.

Por amor á cultura e á terra. Por amor ás palabras e ás voces distintas.
Eu creo que por amor existe O Ferrado. E por amor seguimos aquí: con ansias de verdade.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad