Da mosidade gharrida

A mocidade metida en política está podre: máis pendente do soldo que de Galicia. Partidismo, endogamia e egos desatados en NNXX, Galiza Nova e Xuventudes Socialistas, neste sistema que expulsa a quen realmente quere servir ao país.

Imaxe que ilustra o artigo: Carretando

 

Iniciamos o período estival somerxidos nas cloacas da política española. A deriva de Pedro Sánchez, que aboia polo Manzanares como barco sen patrón, axitou o taboleiro político nun terremoto de dimensións moi notables. Non só pola suba do PP nas enquisas, senón porque a imaxe de Sánchez –político honrado que loita contra a corrupción– queda seriamente danada, como un mísil cara á liña de flotación dos socialistas.

No congreso que mantiveron os populares durante a pasada fin de semana, na que Feijóo e Tellado quedaron unxidos como líderes plenipotenciarios –cunha Ayuso incapaz de dar munición a un PSOE avergoñado e roto–, transcenderon moitas imaxes das Novas Xeracións, un grupúsculo extensible a todos os partidos políticos con presenza real no noso país: PP, BNG e PSdeG. Tal e como observamos, por exemplo, no golpe –frustrado– na mesa do secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval –quen esixía un posto de saída nos comicios autonómicos–, unha boa parte desas xuventudes semellan máis preocupadas de buscar un posto de traballo, unha saída laboral, que de achegar ideas e propostas que revitalicen o noso país.

Ese é un dos problemas fundamentais da política do hoxe, pero, especialmente, da de mañá. Esa mocidade que se coloca en postos dos partidos pensando, exclusivamente, no seu beneficio persoal. Sorprende, incluso, que moitos deses “líderes” xuvenís non pasasen sequera por un Claustro Universitario, como é o caso da líder das NN.XX., Nicole Grueira, que pasou de estudante a deputada con máis de 5.000 euros ao mes sen o célebre cursus honorum. Evidentemente, existen excepcións a esta “norma” –León Felipe Sánchez Ureña no PSdeG, Alberto Castellanos no PPdeG ou Pablo Abelleira no BNG–. Nomes que deberían estar nun lugar axeitado.

Outro dos perfís é o daquelas persoas que entran en política por tradición familiar. É o caso de Marta Gómez, líder de Galiza Nova, cuxo pai, Demetrio Gómez Xunqueira, exerce naquela cidade gobernada polo BNG na que segue habendo touradas –cousas da hipocrisía e dos votos–. Se Baltar fillo tivo a Baltar pai, o ecosistema endogámico xerado ao redor dos cargos –e cargas– de Pontevedra, de persoas como Luís Bará, é unha fiel imaxe de como non hai partido que poida tirar unha primeira pedra. As diferentes mocidades convértense nun escenario de revolución –sexual–, de ver quen chega antes arriba, de quen consegue poder, postos e cargos.

Ante esta situación, e tendo en conta que escribo no Ferrado, un colectivo de mozos e mozas inconformistas que, en moitos casos, non se asocian a partidos, toca facerse unha fonda e dura pregunta: como vai participar xente con escrúpulos deste xogo? Na miña etapa en política partidista, eu fun unha desas persoas que non quixo carnés de mocidades. E a realidade é que existe moita xente que ten todo por achegar ao país, mais que carece de espazos axeitados dentro do seu espectro ideolóxico. Xente á que lle parece ridículo que, como fixeron as célebres sociotwinkas do PSdeG, se convoque á mocidade a “socialismo afectivo nocturno”.

Porque ese é o problema real da mocidade comprometida co país, coa xente inconformista que non pensa en cartos ou en cargos, que quere entregarlle o corazón a Galicia. As mocidades partidistas convertéronse nun niño de corvos, nun espazo no que o cerebro cotiza á baixa fronte ás trampas e a desconfianza. Mentres a mocidade que realmente serve segue fóra dese espazo, as Grueiras, os Dovales e as Gómez seguen, un verán máis, xogando co futuro de todos nós.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad