Os plásticos, pelellets!

Tomando como referencia a última crise vivida, os datos da situación medioambiental da Galiza son desoladores. Unha ollada máis alá da (pouca/moita) toxicidade dos pellets: é posíbel unha xestión dos recursos alén de converter Sanxenxo en Benidorm?

 

As fotografías do artigo foron realizadas pola autora do texto, Alba Coloret (2024).

Estes últimos días, Galiza foi protagonista das pantallas. As praias baleiras, frías e sen interese, de andar por casa, como as coñecemos nós, enchéronse de xornalistas dos medios nacionais, planeando como gaivotas enriba dun barco de pesca, para ir ver que pasaba coas “boliñas”. Todos entrevistando ao veciño de Ribeira que quitou coas súas mans os primeiros 60 sacos das rochas, todos preguntándolle opinión aos voluntarios, recollendo as declaracións de política de conto, por mor dos malditos pellets, 26.520 quilos deles, eses que tanto lle poderían custar as eleccións ao Partido Popular, como reafirmar o cinismo e as crenzas relixiosas que temos no país porque che somos “moi seghidiños”, por cultura.

A indignación non é moita, e os cidadáns atópanse esta realidade á hora de se informar: varios medios afirman, apoiados nas súas fontes, que a Xunta coñecía a vertedura desde o día 8 de decembro, outros varios, que tamén o facía o Goberno central. A Universidade da Coruña levou a cabo unha análise de forma autónoma, e di que unha das substancias que conteñen os pedazos redondos de polietileno é o estabilizador UV622, un derivado do amoníaco que o fabricante recoñece como “moderadamente tóxico” para a vida acuática, que ao mesmo tempo, é pouco solúbel na auga. A Universidade de Vigo, apunta que son “pouco tóxicos”, seguindo o informe da empresa. O compoñente principal, o polietileno, per se, non é prexudicial para a saúde, tampouco nas botellas de Mondariz, ou Fontiña, ou Cabreiroá, pero xusto esta semana a Universidade de Barcelona corrobora un estudo de Columbia, demostrando que as nanopartículas que se desprenden destas cando se quentan, se esmagan ou co roce mesmo da tapa, se infiltran nas nosas células. Polo que, o Partido Popular ten razón tras un mes de abandono: as bólas non son un problema tan grave -coma o do Prestige-. O problema agora, no medio dunha transición ecolóxica propulsada por Repsol ou Iberdrola, son os plásticos.

Dende os gabinetes da Xunta apresúranse a dar cifras na xestión da crise, a da súa imaxe, quero dicir: “Recolléronse o equivalente a 90 sacos de pellets, ademais de preto dunha tonelada doutros plásticos”, no momento da redacción deste artigo. É dicir, en só dous días de traballos 300 operarios rastrexaron sen descanso e bóla a bóla os aproximadamente 860 quilómetros de área dos 37 concellos afectados, recollendo toneladas. A friorenta de 4 operarios por areal, como moito. Sen desviarme do tema, o dos plásticos ocúpanos agora. Non na época estival, que se intúe por cando os sotaques empezan a rematar as frases con entoación descendente, ou cando miles de neumáticos esmagan sen descanso a terra das leiras de detrás das praias por 3 euros ao día, e medio metro cadrado de area. Importan agora para xustificarse e non cando despois dos primeiros temporais comezan a chegar botellas de lixivia e amoníaco dos furtivos do polbo aos areais, tampóns, chanclas, condóns, gorras, tenis, rollas das lonxas -de onde saen os camións cheíños a Madrid-, unha morea de restos de aparellos e redes plásticas, boias, caixas de peixe, micro, infra e nanoplásticos, tapas, envases de chocolatinas e galletas, creando un pintoresco vertedoiro. Son os restos que conforman o mar, no que os mariñeiros pescan os peixes dos que agora nos importa a saúde, e no que navegan os barcos propulsados polo pai de todos eles, os combustíbeis.

“Shh, calade, que non nos van mercar as xoubas”, veñen dicir os Conselleiros. Así, coma quen llo explica a un rapaz pequeno. Citando un artigo da Voz de Galicia de 2014: “mercurio, cadmio, chumbo, estaño, níquel, cinc, manganeso, cromo, cobre e cobalto” superaban hai 10 anos os límites recomendabéis por 21 veces. Na Ría de Vigo, o cinc. No tramo entre Bouzas e A Guía non atoparon seres vivos no fondo, só bacterias, “porque no aguantan la concentración de metales pesados”, explicaban desde o CSIC. Augas de Galicia foi analizando e recompilando datos ao longo dos anos e non hai ría exenta: químicos en Moaña, cobre e chumbo en Arousa, mercurio e cadmio na Coruña, tamén na de Ferrol, o wolframio das minas en Muros e Noia… E veña cruceiro, e veña iates en Sanxenxo, e veña celulosa en Pontevedra, unha fábrica na que, por certo, as columnas de fume se fan xigantes pola noite, cando os inspectores descansan. Engadir tamén que o marisqueo nesta ría está pechado como mínimo ata o mes de abril, debido a alta mortaldade dos bivalvos na última campaña.

O emblema do marisco e os peixes dos que cada vez hai menos tamén, son o resultado de millóns de anos de crecemento duns ríos e océanos que agora xacen agonizantes, asfixiados. Estruturadores de vida. Eu vexo aos dirixentes -pero a todos-, torpes, egoístas si, correndo dun lado ao outro, fatigados, intentando esquivar a que é a verdadeira bóla que se lles vén enriba nos catro, oito, dezaseis ou vinte breves anos en que gobernan, porque cun pouco de sorte, isto non estoupa ata dentro doutros cen. De momento aguantan no barco, algún, coma este, vai ateigado de gaivotas, pero non imaxinedes as patiamarelas, que reduciron a poboación un 80% en trinta anos, e non se sabe o por que. Entendo que isto é un asunto banal para os cortoplacistas, non son de adiantarse aos acontecementos, pero para falar en prata, unha terra fértil é unha terra que xera riqueza, penso eu, en moitos sentidos. Explótanse as termas, a Ribeira Sacra, o “enoturismo”, o rural “European style”, parques eólicos que arrasan con montes e especies diversas… Canto lles vai durar o choio? Aínda que sexa por manter o prezo da beleza -en termos capitalistas-, empecemos por poñerlle límites a aqueles que poden pagar por destruíla.

Vivir do medo a que marchen é ter moi pouca estima polo noso e moita ignorancia. Abandonar a identidade propia para nos converter en que, exactamente? Rexeito ser parte dunha nación de “pelellets”, son eles ou nós.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad