“Nós tamos construyendo un país”

Asturias afronta un momento fundacional na súa historia. O anseio da cooficialidade determinará o futuro do Principado.

Decisión que abre unha xanela de oportunidades tamén na Galiza, ao tempo que cingue sobre o Estado Español o medo dun posíbel afastamento da vinculación que fixo da historia asturiana o paradigma de españolidade. Ao longo do artigo analizaranse os comezos da loita a prol da oficialidade, os desafíos que alborexan e a xeopolítica que a rodea.  

Imaxe do encabezado: Plataforma pola Oficialidá del Gallego-Asturiano

 

Tras anos de loita incansábel, o 21 de outubro de 2021 o galego-asturianu e mais o asturianu deron un paso decisivo a prol da súa futura oficialización. Logo dunha campaña de infarto na cal non saían as contas para a aprobación do estatuto no Parlamento de Asturies, o deputado crucial do Foro decidiuse a pronunciar o ansiado “si” co que soñaran aqueles que tanto traballaron pola dignificación da lingua natural do seu pobo.

A necesaria rastrexabilidade da recuperación e posta en valor do asturianu atopa a súa pedra fundacional un ano antes da caída da ditadura coa creación do Conceyu Bable. A folla de ruta da asociación era clara, aliñada con preceptos románticos histórico-organicistas que se baseaban nunha sinxela pero contundente premisa: “Nós tamos construyendo un país”. Os temas cultivados abranguían unha grande cantidade de expresividades culturais, mais atopaban a súa prenda nos dous pilares básicos daquela creación identitária que non se preocupaban en ocultar: a mitoloxía e a lingua.

Aquel era sen dúbidas o grande escollo no desenvolvemento da nación, a lousa que atou ben forte os designios do país asturianu ao español, procedéndose á transfiguración do feito diferencial asturianu en hispano, quedando a historia asturiana baleira de contido e significado. Evidentes son as ligacións ao nacionalismo español dos máis egrexios feitos mitolóxico-históricos de Asturies, tales como a figura de Don Pelayo, a “Guerra” da Reconquista representada como unha auténtica avanzada militar, ou o pretendido continuum que une o pasado visigótico co Reino medieval. Expresado todo no famoso refrán “Asturias es España y lo demás tierra conquistada”

Todas as nacións do mundo son froito dese caldo primixenio. A imaxinación dunhas liñas divisorias do territorio e a representación do alí contido nun pano de tea non son dabondo. A nación precisa dunha mitoloxía, igual de inventada que as fronteiras, que convenza a poboación que nela habita do seu feito diferencial. En tanto que a lingua, pola súa banda, é o motor político, social e histórico que asegura o vieiro firme cara o futuro. Porque as armas dos maiores heroes nacionais, pais da patria, son a caneca e o folio, non os canóns e os fusís.

Coa transición democrática asentada no Estado Español, no ano 1987 a Xunta Pola Defensa de la Llingua Asturiana colleu a importante testemuña sementada polo Conceyu Bable. Non obstante, a súa madurez construíu unhas férreas bases que aínda hoxe non abanean, chave para o asentamento do asturianu. Da súa man veu non só o deber da preservación, senón a construción dos elementos básicos na normalización de calquera lingua, a labranza gramatical, as mobilizacións e as campañas de concienciación. Aquela sementeira fixo agromar lindos colectivos decidir a non deixar morrer a fala na que o avó lle dicía a avoa que a quería, xurdindo así vangardas tales como Furmientu, Facendera, Eslema ou La Caleya. O asturllionés, o paḷḷuezu, o asturianu, o sanabrés, o cabreirés, e o eonaviés volvían a ter non só un importante nicho de falantes, senón espadas de defensa en forma de compromisos morais inquebrantábeis.

A lingua como ferramenta de comunicación abre novas xanelas e horizontes de posibilidades, ao tempo que determina o entendemento do mundo de acordo coas formulacións sociolingüísticas postuladas por Sapir-Whorf. E nese senso, a oficialidade do asturianu é unha oportunidade histórica tamén para Galicia.

Na actualidade, o desleixo ao que foi sometido o asturianu represéntase nas estatísticas dunha lingua minoritaria e minorizada. As enquisas máis optimistas arroxan un 20% de poboación que emprega a lingua na vida cotiá, mentres que as máis realistas amosan cifras que non chegan ao 5%. Non obstante, Asturies atópase nun punto de non retorno que pode ser o despegue daquel primixenio obxectivo de “crear un país”. Casos existen dabondo, e senón que lle pregunten a Gales, que viu recuperarse nun tempo récord de 30 anos a súa defenestrada fala celta. Do borde da extinción ao florecemento imparábel. No caso de que o asturianu se converta en lingua vehicular na escola, a troca da situación será radical en base ao crecemento substancial que acontecerá en moi poucos anos. Pasarase dunha xeración que descoñece a lingua nun 95% a outra que saberá falalo á perfección no 100%.

Conceyu Bable entendeu antes que ninguén no Principado unha premisa que ven da creación do estado moderno tralo Tratado de Westfalia. Para ter un país o primeiro que hai que ter é unha lingua, e senón non se vai dar. As cohortes futuras non serán alleas á súa fala nin á súa historia. E esa aldraxe, ocultada durante séculos, canalizará a raiba e a loita xuvenil de milleiros de asturianos na defensa e preservación do que algún día lles foi roubado. A nación asturiana ollará decenas de xeracións culturais e o seu idioma medrará non só no ámbito artístico, senón tamén, e necesariamente para non solidificarse como unha lingua ritual, nos usos cotiás.

Por outra banda, na Galicia temos moito que gañar. Poderemos contar cada vez máis coas entidades estremeiras, e cicais, quen sabe, o EoNavia e mais o Bérzio aposten firmemente polo destino común que nos depara esta forma de ver o mundo. Estas lentes coas que experienciamos a nosa existencia.

Chegados a este punto ábrese outro debate fundamental, un que nós transitamos hai xa moito tempo e que aínda así segue a ser unha fenda aberta no seo do galeguismo, o da normativización. O Estado Español non é alleo á situación política que pode xurdir da oficialidade do asturianu. Previamente viviron o poder performativo da lingua na conformación nacional nos casos do éuscaro no Iparralde e Nafarroa para Euskal Herria, e do catalán na Franja de Ponent, o Pais Valenciá, as Balears, L’Alguer, o Rosellón e o Val de Arán en Cataluña.

Así, a manipulación abotoou rapidamente falsas liñas divisorias na procura da creación de rivalidades inexistentes, evidente no caso da pugna valenciá vs catalá. É aí onde temos que seguir de ben perto a normativización da llíngua asturiana, ou polo menos do galego-asturianu. Bótase en falta un debate similar ao xurdido na Galicia, onde algúns lingüistas e tristemente moitos políticos tomaron partida no bando do galego-portugués (coas alternativas de converxencia lusófona representadas hoxe na AGAL), ou no galego-castelán (coa triunfante ILGA). A Xunta Pola Defensa de la Llingua e mais a colectividade galego-asturiana deberían considerar a posibilidade de confluír cunha lingua irmá, xanela a millóns de persoas no mundo, co fin de ir da man cara un futuro que non poderán roubar.

Os tempos son chegados e dos asturianos depende hoxe decidir o futuro que tomarán mañá.

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad