Semella que nada cambia. A historia repítese. Seremos un pobo marabilloso, pero é evidente que somos un pobo que non aprende.
Logroño, a 24 de setembro de 2021.
Atópome nun bar de barrio, o Frankfurt, xusto ao carón do Campus universitario que, por mor tanto do azar como da miña baixa nota media, comezarei a frecuentar o próximo luns. Cada vez hai máis sitios con Estrella Galicia, e iso mola. Mola tomarse unha cervexa patria ben fría mentres un le “Leria” de Vicente Risco e se come, obviando por enésima vez a imparábel cruzada moral co veganismo, un bocadillo de solombo con salsa roquefort.
Acabo de rematar o bocata. Estaba bo, pero sen máis. Demasiado queixo ata para min. Tamén rematei o elixir dos cervexeiros, pedirei outro. Bebérono os paxaros. Teño un medio sorriso na cara. De feito, acabo de percatarme de que levo coa mesma expresión na faciana dende que baixei do meu piso, camiñei ata o bar e traizoei novamente os meus principios inxerindo produto cárnico e bebendo alcol en día laboral. Como sempre di un coñecido meu da Coruña como escusa habitual para todos os seus actos impuros, que non son poucos, “un mal día teno calquera”.
Sérvenme outra botella. É un destes días nos que toca reflexionar. Respírase outro aire, outra atmosfera. Nun barrio das aforas enchido por universitarios e inmigrantes, os edificios son case todos iguais, de ladrillo, vermellos e sen gusto algún. As rúas son anchas e hai moito tráfico. A xente fala e exprésase de xeito distinto. Acostumado á Boa Vila, isto é outra movida. Creo que está clara a razón do medio sorriso. Estou novamente lonxe da Terra. Da Patria grande, Galiza, e da Patria pequena, Pontevedra. É un sorriso plenamente morriñento. Non levo eiquí máis dunha semana pero carallo, canto as boto de menos.
Acabo de ser consciente de que estou emigrado. Son outro galego que ten que liscar sen alternativa. O meu 6,425 de media no expediente do Grao en Economía impídeme cursar o Máster en Formación do Profesorado en ningunha das tres universidades galegas. Que inxustiza. Como é posíbel que tan só haxan 20 prazas en cada universidade nun máster que tanta xente quere facer? E nun máster tan crucial para a prosperidade do País! Pois nada, a buscarse a vida fóra. Vergoñento. Semella que nada cambia. A historia se repite. Seremos un pobo marabilloso, pero é evidente que somos un pobo que non aprende. Deixan que marche o noso potencial á primeira de cambio. Non hai opcións. Queremos quedar no País, pero case que nos obrigan a marchar pola forza. Mira ti, o sorriso acaba de se esvaecer. O que comezou sendo unha tarde de reflexión, filosofía barata e existencialismo relegado, rematou sendo unha merda coma un piano. Agora si que estou amolado. Se pido outra Estrella voume cagar no mundo enteiro. Mellor pido a conta, por saúde física e mental.
Conste que Logroño mola. Non vos pensedes que estou eiquí morto de noxo nin moito menos. Non me trouxeron coas mans atadas e a golpe de látego. Está ben coñecer mundo. Está ben, de feito, coñecer a fondo España. Pero isto debería ser voluntario. Debería ser eu quen de facelo se me saíse a min da pirola.
Máis nada. Saúdos e saudades.