Luísa Villalta, a melodía da Coruña

Luísa Villalta foi, sen dúbida, unha voz referencial da nosa literatura, unha voz firme e comprometida que pulou pola nosa lingua, a nosa cultura e o noso país.

 

Daniel Chapela é bolseiro no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades no proxecto ‘Legados literarios’, que inclúe o legado de Luísa Villalta.

 

“Na mañá do tempo prometido/ polas xestas con que adormecíamos,/ a cidade bocexa unha alba disonante,/ tras unha noite de música perdida”. Estes versos de Luísa Villalta son, en síntese, o cerne do seu pensamento poético e político. A súa, unha voz firme e comprometida coa nosa lingua, coas nosas letras, coa súa cidade e, en suma, co seu país, chega neste 2024 con toda a forza que brinda o Día das Letras Galegas, logo doutros recoñecementos previos do colectivismo galego que quentaron motores de cara a esta senlleira data.

Ese “tempo prometido” ao que alude Villalta, que ecoa uns versos máis adiante cando escribe “o país perde a memória como a água, sen saber-se mar, nen rio ou fonte”, debe ser visto, indefectiblemente, en relación a todo o seu traballo e compromiso político, ese que a levou a involucrarse en múltiples iniciativas de reflexión cultural e nacional. Unha mostra máis que evidente é o Foro da Cultura Galega, no que Villalta participou activamente, facendo unha diagnose da cultura do país e achegando diferentes reflexións e medidas. Mais tamén con escritos como “Por que os homes non nos len? (a difícil homologación da literatura escrita por mulleres)” e moitos outros que inzaron publicacións únicas e periódicas do país durante toda a súa vida. Villalta, con verso seguro e directo, involucrouse en numerosas causas que, para ela, foron xustas, como pode ser a situación do pobo saharaui ou de Palestina.

“A cidade”, esa “Cidade compacta” do Obelisco, do Obelisco físico, mais tamén dos nosos obeliscos interiores, é vertebradora da súa obra poética, do seu pensamento e do seu labor. Esta realidade é visible non só na creación literaria –como esquecer En concreto, Premio Espiral Maior de Poesía e que é unha oda á súa cidade natal, A Coruña–, senón no seu xeito de pensar e de se involucrar, cunha ollada limpa que a levou a escribir os poemas dese fermoso Papagaio, obra conxunta coa fotógrafa Maribel Longueira na que, entre ambas, abordan a droga e a prostitución no barrio coruñés do Papagaio. Así, Villalta corta o aire con gume longo e amosa a súa implicación coa cidade e coas persoas que a habitan, dando boa conta dunha cuestión fundamental na súa escrita: a cidade non é un decorado, non é attrezzo, senón que é o lugar que habitan as persoas, sen importar a clase social nin o lugar de referencia.

Neste ano no que, con múltiples reedicións, actos e iniciativas, festexamos a palabra e obra de Luísa Villalta, é fundamental lembrar a importancia da memoria e da familia, das persoas que conformaron o seu primeiro espazo vital e que terman do seu legado intelectual e vital. Hoxe, mentres aínda escoitamos a súa voz recitando Rota ao interior do ollo, os ecos do seu violino inundan os lugares que habitou, con esa “noite de música perdida”. Ela, amante de compositores como Bach, teceu un lazo irrompible entre música e poesía que se plasma nas súas obras –como non mencionar Música reservada, a súa primeira obra poética, ou O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega, un ensaio imprescindible para quen queira coñecer máis a fondo a súa figura–. A propia Villalta, ao longo das súas intervencións públicas, deixou constancia de como a música era, para ela, o seu xeito de relacionarse co mundo e, en definitiva, de vivir.

Hoxe celebramos a súa vida e obra con este 17 de maio, ao ler obras como As chaves do tempo, publicada orixinalmente en A Nosa Terra e agora fermosamente reeditada en Cuarto de Inverno, unha creación alegórica sobre Galicia, a Idade Media e a súa visión nacional, ítems que se entretecen con valores como o amor, a xustiza etc., e que debería entrar de novo en todas as aulas de Galicia. Celebramos a súa vida e obra con concertos, con espectáculos como Indóciles, de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut, con exposicións como a do Gaiás, a da Xunta de Galicia e todas as que inzan o país. Con propostas feitas desde e para o alumnado, facendo que os versos da Cidade alta ecoen por toda Galicia. Facendo que Villalta, en definitiva, estea viva. Festexemos as Letras!

Cóntao ao mundo
Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.   
Privacidad